CANS
GALAXIA

Dez imprescindibles do Festival Play-Doc

Este mércores arranca a XX edición do Play-Doc, o Festival Internacional de Documental de Tui, que encherá a vila pontevedresa de bo cinema e outras moitas actividades. Seleccionamos as dez que non podes perder. Preme aquí para consultar a programación completa por días e mercar as entradas.

O día 1 de maio Play-Doc inaugurará a súa vixésima edición cun espectáculo de cinema e música en directo no que os polifacéticos Víctor Coyote e Javi Álvarez revisitan El crack, de José Luis Garci, película pioneira do cinema negro español. A partir de fragmentos do filme, os artistas galegos experimentan e constrúen unha obra nova que conserva a alma sórdida e costumista da orixinal. Protagonizada por Alfredo Landa, El crack (1981) é un escuro neo-noir ambientado en Madrid e Nova York, que se atopa entre os grandes clásicos do cinema español.

Tras a morte de Jean-Luc Godard en setembro de 2022, o seu colaborador de toda a vida, Fabrice Aragno, comezou a montar unha película que nunca existirá: a última película de Godard. Trátase dunha conmovedora colaxe de fotografías e as últimas notas manuscritas polo cineasta: “Rexeitar os miles de millóns de ditados alfabéticos para liberar as incesantes metamorfoses e metáforas dunha linguaxe necesaria e verdadeira, volvendo ás localizacións de rodaxes pasadas, sen perder de vista os tempos modernos.”

William Friedkin foi un recoñecido cienasta estadounidense, que faleceu o ano pasado aos 87 anos. É especialmente recoñecido polas obras The French Connection (1971), pola que gañou o Oscar a Mellor Película e Mellor Dirección; e The Exorcist (1973), un clásico do cine de terror. A maiores destes dous filmes, Play-Doc proxectará Sorcerer (1977), Cruising (1980), Vivir y morir en Los Ángeles (1985) e Conversation with Fritz Lang (1975). As dúas proxeccións de The Exorcist na Igrexa de Santo Domingo, o sábado e o domingo ás 22:30, prometen ser moi especiais.

Tras a súa prematura morte, aos 49 anos, o nome de Leon Hirszman foi crecendo en recoñecemento no cinema brasileiro. Parte inicial do grupo fundador do Cinema Novo –a súa primeira curtametraxe, Pedreira de São Diogo, formou parte de Cinco vezes favela, película fundacional dese movemento–, Hirszman dirixiu películas que puxeron ao descuberto, entre os anos 1960 e 1980, as profundas contradicións arraigadas na formación social de Brasil. Herdeiro do realismo e cun forte compromiso político, Hirszman foi así mesmo particularmente sensible á música popular, que consideraba unha manifestación social e a auténtica representación colectiva da tradición cultural brasileira, producindo algúns dos documentos máis valiosos da historia do samba. Na súa primeira retrospectiva europea, Play-Doc recupera as súas catro longametraxes máis importantes: A falecida (1965), São Bernardo (1972), Eles não usam black-tie (1979) e o seu filme póstumo ABC da greve (1990), ademais de catro curtametraxes que mostran as súas distintas facetas artísticas e temáticas: Pedreira de São Diogo (1962), Maioria absoluta (1964), Nelson Cavaquinho (1969) e Partido alto (1982). Maria Hirszman, a súa filla, acudirá a Tui para falar do legado do seu pai.

A través de percorridos nocturnos guiados pola cidade monumental de Tui, os espectadores poderán gozar de varias paradas no camiño para descubrir performances audiovisuais en directo situadas en edificios históricos da cidade. Cinema Percorridos é un evento único e orixinal producido en exclusiva por Play-Doc que expón unha exploración polos novos camiños da creación audiovisual contemporánea levando ao cinema máis aló da pantalla tradicional. Nesta ocasión, contará con tres colectivos de artistas visuais e sonoros que, baixo o comisariado da cineasta Xisela Franco, presentarán diferentes obras que comparten un espírito de denuncia fronte á distopía actual. Propostas inspiradas no termo panóptico, asociado nesta ocasión ás novas formas de control social.

Xisela Franco | U. Soliño

A tradicional sección competitiva galega propón un percorrido caracterizado pola diversidade de propostas, tanto no formal como no temático. A través dos seus trece títulos, entre longametraxes e curtametraxes, o programa tenta tender pontes entre a memoria histórica e o presente, a través de temáticas insoslayables como son os lazos familiares, a narración oral, a ecoloxía e as historias de inmigración e emigración. A conexión coas orixes faise presente na maioría dos filmes seleccionados, que buscan reforzar os lazos co pasado a través de historias, mitos e supersticiones, coa familia como protagonista de moitos deles.

Entre as películas que poñen o eixo na memoria histórica e familiar, están 12 de Maio 1937, de Mar Caldas, que lembra a un concelleiro socialista fusilado durante a Guerra Civil; En O auto das animas, de Pablo Lagos Dantas, na que unha familia reúnese despois de moito tempo para revisar a súa historia; Os espazos en branco, de Bruno Arias, segue ao director no seu intento de lembrar a unha tía influente na súa vida; Queimar cando morra, de Inés Pintor, examina o rol da muller a través de obxectos do armario da súa avoa e Segunda II, de Anita Pico, que narra a historia dunha matriarca do pobo de Couso.

Con motivo do 50 aniversario da Revolución dos Caraveis, que tivo lugar entre o 25 de abril e o 1 de maio de 1974, proxectarase As armas e o povo (1975), película colectiva que ilustra o primeiros seis días desa revolución que acabou coa ditadura en Portugal. A rodaxe estivo a cargo de varios directores portugueses –entre eles, António da Cunha Telles Fernando Lopes– aos que se uniu o brasileiro Glauber Rocha, exiliado en Portugal. Obra ineludible do cinema militante europeo, As armas e o povo é tamén un manifesto sobre a relación entre cinema e política, non só como mero difusor dos acontecementos, senón como participante activo no acto revolucionario. A restauración desta película emblemática presentarase no festival en estrea española.

Ao longo do mes de abril de 2024, os e as participantes realizaron unha pequena peza audiovisual de curta duración, na que se adentraron nos bosques para revelar os seus segredos e encantamentos, para experimentar a súa quietude e harmonía, ou para denunciar a súa destrución e reivindicar pola súa conservación. Os filmes resultantes deste taller presentaranse dentro do marco da XX edición de Play-Doc. O curso é impartido por Eloy Domínguez Serén, recoñecido e  multipremiado cineasta galego que conta cunha notable traxectoria internacional, na que destacan títulos como Hamada, No cow on the ice, Os Corpos ou Rompente. Os cineastas participantes son Aldara López , Andrea Sermeno, Antonio Lago, Cecilia Estévez, Diego Plaza, Martín Carrera, Noemí Guisande, Paco Serén, Pedro Serén, Raquel Diz e Raúl De Celis e Miguel Ángel Franco.

Sombras é un espazo co que o festival abre á memoria do cinema que aquí e antes fíxose con tanto empeño e talento. Películas que son pegadas dun pasado –non só o dos anos da República, tamén a época do cinema mudo, a eclosión dos sesenta…- que quizá por sernos tan próximo temos desatendido, pero que está infestado de traballos estimulantes, imprevistos, singulares. A idea é traer á pantalla a obra de cineastas que nos merecemos lembrar. Comezan esta viaxe coa figura de Tony Román, máis coñecido como Antonio Román, o noso protagonista pasaría á historia do cinema español como un dos principais representantes do primeiro cinema franquista. El dirixiu algunhas daquelas películas dos anos corenta –como Escuadrilla ou Os últimos de Filipinas– feitas a maior gloria do novo réxime. A notoriedade que entón alcanzou acabaría eclipsando o resto do seu filmografía, na que hai films tan notables e pouco convencionais como IntrigaMadrugadaA casa da choiva ou A fierecilla domada. E aínda máis esquecida quedou a primeira época dun cineasta que entón non se chamaba Antonio, senón Tony.

Relacionado co anterior punto, a segunda sesión vai adicada exclusivamente a Canto de emigración (1935). Canto de emigración. Romance en imaxes sobre motivos galegos, que ese é o título completo, foi a primeira película profesional de Tony Román. Inspirada nun debuxo de Castelao, a película contaba o drama da emigración galega emulando aos grandes cineastas soviéticos. Aspiraba a ser un exemplo de cinema puro, como podía selo a Romanza sentimental de Eisenstein, un cinema sen palabras no que imaxes e música entrasen en íntimo diálogo.

A pesar de ser aclamada polos círculos cineclubistas, a película foi ignorada comercialmente e practicamente desapareceu. De Canto de emigración consérvanse varias fotografías, un esbozo de guion e a partitura que o músico tudense Teódulo Páramos compuxo especialmente para ela. Non son materiais suficientes para recuperar a película, pero si para evocala. A Orquestra Clásica de Vigo interpretará en vivo a música, ofrecendo ao público unha experiencia evocadora do que puido ser esta xoia perdida do cinema galego.

REVISTA MAIO