GFFF
GFFF

Ciudad Aventura

Co obxectivo de mellorar a conciliación familiar no proxecto de actuación urbanizadora (PAU) de Navia, unha das zonas da nosa urbe con máis densidade de poboación infantil, a primeiros de ano inaugurouse Ciudad Aventura. Obradoiros e xogos simbólicos son pezas básicas deste proxecto situado na vertebral rúa das Teixugueiras. A partir deste mes ofrécense dúas novas actividades para a rapazada de catro anos en diante, un laboratorio de arte e outro de cociña. No primeiro desenvólvese a creatividade experimentando procesos e técnicas a través de diferentes tipos de materiais, utensilios pouco comúns e técnicas de reciclaxe para crear arte sostible, e tamén hai tempo para que os participantes aprendan sobre os diferentes movementos artísticos e os seus principais representantes de maneira lúdica. Pola súa parte, o laboratorio de cociña é unha actividade en que, ademais de recrear diferentes receitas, os pequenos chefs adquiren coñecementos básicos sobre nutrición, aprenden a diferenciar os alimentos, empregan utensilios de cociña, ao tempo que se informan sobre bos hábitos no tocante á alimentación, á hixiene e á seguridade. Despois da hora e media de duración de cada actividade, disponse de media hora para xogar libremente polo espazo. Ademais, pódese prolongar a estadía nesta ludoteca que busca mellorar a conciliación das familias.

Idade recomendada: de 4 a 12 anos. Disciplina: arte e cociña. Contacto: rúa das Teixugueiras, 19, interior | 604 04 53 92 |  @ciudadaventuravigo