REVISTA OUTUBRO

Cinema a Pedal, dez bicis para prender un proxector

Cinema a Pedal celebra a súa terceira edición en Nigrán os días 12, 13 e 14 de xullo. A bicicleta, eixo vertebrador deste novidoso certame, é protagonista tanto da programación como do funcionamento do equipo de proxección, que se alimenta do pedaleo do público nunha plataforma xeradora de enerxía composta por dez bicicletas.

No 2022 nacía en Nigrán unha proposta de ocio diferente: cine, en verán, ao aire libre e proxectado coa enerxía do pedaleo dos asistentes. Tres anos despois, a proposta consolídase, crece en días e ofrecendo en cada edición máis actividades paralelas á proxección de filmes, tanto para nenos como para adultos, ademáis de foodtrucks e ecomercado. Todo isto con acceso libre e de balde no Esteiro da Foz da Ramallosa.

A partir do venres ás 17:00 abriranse os postos de comida e artesanía e as persoas interesadas poderán achegarse a pedalear para ir cargando as baterías que prenderán o proxector. Tamén a esa hora instalarase unha zona de xogo libre organizada por Miudiño. Ás 19:30 h, unha sesión músicopoética con M.A. Barreira e a poeta viguesa afincada en Nigrán Vanessa Glemsel tomará o relevo. Ás 22:00, iniciaranse as proxeccións coa curtametraxe As Solistas, unha fermosa animación francesa sobre a liberdade; seguida do clásico Las bicicletas son para el verano, de Jaime Chávarri, unha adaptación da obra de Fernando Fernán-Gómez eloxiada polas súas reflexións, tenrura, emoción e humor fronte á adversidade. Un filme de visión obrigada nestes tempos que vivimos.

A xornada do sábado 13 de xullo comzará ás 12:00 na Biblioteca Pública de Nigrán coa presentación do libro As bicicletas si son para Galicia, de Catro Ventos Editora, acompañada dun petisco e un viño de Paco & Lola. As actividades retomaranse ás 17:00 no Esteiro da Foz cunha sesión de ioga para todos os públicos. Ás 18:00 comezará o obradoiro infantil Paper Cinético que achega o cinema primixenio ao público máis miúdo propondo a construccións dun zoótropo xigante. Ás 19:15 Alba Villanueva e Fabián Freiría, de Aventura Plástica, presentarán o seu proxecto de sensibilización medioambiental especializado en residuos plásticos. O agradable son indie-pop do grupo El último ciclista tomará o relevo ás 20:00.

En canto ás proxeccións do sábado poderá desfrutarse sa curta The cycling wind, da veterana directora Nazanin Sobhan, unha fermosa e artística animación iraniana; e a longametraxe alemá Barbara, de Christian Petzold, gañadora do Oso de Prata na Berlinale 2012. O filme céntrase nunha médica recén chegada a un hospital da RDA. O festival pechará o domingo 14 de xullo cunha proxección para o público infantil ás 18:00 no Auditorio do Concello de Nigrán: Tía Hilda, longametraxe francesa que combina humor, aventura e unha fonda mensaxe sobre a importancia de preservar a biodiversidade.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.