VIALIA
GNIGHT

A mariscadora Dula Piñeiro protagoniza o Festival Kerouac adicado ás poetas do mar

A mariscadora galega Dula Piñeiro, a portuguesa Elisa Scarpa e a estadounidense Ana María Caballero participan no festival de poesía de Vigo Kerouac. Marcos de la Fuente abre o programa coa presentación en Galicia do seu novo proxecto.

REVISTA SETEMBRO
Ana María Caballero, Elisa Scarpa, Dula Piñeiro e Marcos de la Fuente

Desde Lisboa, Madrid, Miami ou Nova York, chegan os poetas para celebrar a poesía en Vigo. Durante tres días, e en seis idiomas, as palabras saen dos libros para mesturarse coa música, a arte e a interpretación. Este é o espírito doFestival Kerouac que celebra unha nova edición entre o o 24 e o 26 de outubro, e xa van catorce. Os seus organizadores, Marcos de la Fuente e Vanesa Álvarez, vigueses afincados en Nova York, volverán explorar as vertentes musicais e performativas da arte poética, ao tempo que tenden unha ponte entre Europa e América pola que atravesan poetas e amantes da poesía.

 Neste 2024, o festival está dedicado ás mariscadoras, cunha fermosa ilustración para o cartel de Vanesa Álvarez, titulada As poetas do mar. Esta dedicatoria vólvese real no caso dunha das invitadas, a mariscadora e poeta de Vilanova Dula Piñeiro, que será unha das protagonistas desta edición. Elisa Scarpa, desde Lisboa, será outra das voces que se poderán desfrutar, escritora recoñecida na escena poética portuguesa, poderémola ver o venres 25 de outubro na sétima planta do Corte Inglés.

Outra das artistas que veñen de fóra é a poeta e artista dixital Ana María Caballero, da que hai pouco se fixeron eco os medios de todo o mundo por vender un poema por 11.000 euros en Sotheby’s. A estadounidense de ascendencia colombiana presentará a súa performance o sábado no Museo MARCO, sede principal do festival, xunto a outras propostas poéticas que chegan desde León, Ourense, Segovia ou Madrid.
 
Serán tres días de eventos, que comezarán o xoves 24 de outubro na Escola Oficial de Idiomas de Vigo, cunha peza de free jazz que contará co músico Sunil López ao piano e o poeta Marcos de la Fuente no recitado. Ademais, o alumnado da
escola irá traducindo en vivo e en varios idiomas os poemas do propio de la Fuente, no que será a presentación en Galicia do seu novo proxecto Aguias nas mans.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.