Zarzuela, rol en vivo, festivais e moitas festas esta fin de semana en Vigo
Tamén podemos gozar dos últimos días da Feira do libro antigo e de ocasión, dunhas cervexas ben fresquiñas ao pé do mar ou do concerto da artista local Sanny en Villa Solita. Se queres ter máis información sobre algún evento, preme no título. Consulta todos os eventos en Vigo na axenda da Movida.

Feira do libro antigo e de ocasión – Ata o domingo 2 na Praza de Compostela – De balde
A cita reunirá once librarías especializadas chegadas de diferentes puntos de España, que ofrecerán ao público milleiros de exemplares antigos, raros, curiosos, descatalogados ou difíciles de atopar, ademais de revistas históricas e outras publicacións de interese para coleccionistas.
Champions Burger – Desde o xoves ata o 16 de agosto en Vialia – De balde
Durante máis de dúas semanas, 17 hamburgueserías de distintos puntos do país elaborarán as súas propostas en directo para conquistar o voto do público, entre elas as viguesas Caracuchos Furious Food, Custom Burger e Carnivale. Ademais, haberá postos fóra de concurso de marcas recoñecidas como Faakin Smash, Smash Hiro e Nolito’s, nun evento que combina gastronomía, música e ambientación ao máis puro estilo street food americano.
Festa da Cervexa – Do venres 31 ao domingo 2 na explanada do Náutico – De balde
A Festa da Cervexa regresa á Explanada do Náutico de Vigo cunha nova edición que converterá este espazo nun punto de encontro para os amantes da cervexa, a gastronomía e a música en directo entre o venres 31 de xullo e o domingo 2 de agosto. Durante tres días poderanse degustar cervexas artesás galegas e referencias internacionais, acompañadas dunha ampla oferta gastronómica e concertos ao longo de toda a fin de semana.
Sinsal – Do venres 31 ao domingo 2 en varios espazos – Varios prezos
A programación do Sinsal non remata en San Simón. Do 31 de xullo ao 2 de agosto, o festival continuará a súa travesía con concertos e actividades en diferentes localizacións, incluso vencelladas co Camiño Portugués. O 31 de xullo, o porto de Vigo acollerá dous concertos singulares en espazos industriais da cidade. Las Nietas del Charli estrearanse en Galicia na Nave de Reder@s, en Bouzas, mentres que Maria Rodés actuará entre os bloques de granito de Kaleido Logistics. A programación continuará o 1 de agosto no Museo do Mar de Galicia, onde regresará a fórmula do cartel secreto con varias estreas estatais e a presentación en Galicia do novo traballo dun recoñecido grupo galego. O festival despedirase o 2 de agosto no Real Mosteiro de Oia, cun concerto especial da cantautora Alondra Bentley nun escenario único, o único edificio cisterciense do mundo situado á beira do Atlántico.
Curiosidades Solita: Sanny – Venres 31 ás 21:00 h en Villa Solita – De balde
Sanny, o nome artístico da viguesa Sandra Gómez, actúa este venres 31 de xullo ás 21:00 h en Villa Solita acompañada pola súa banda. Anxo Paz á batería, Bruno Costas ao baixo e Denis Carballás á guitarra conforman esta agrupación coa que desde hai uns anos a compositora leva as súas cancións ao directo dunha maneira moito máis coidada e ambiciosa. Unha velada de folk, country e indie que fará as delicias dos amantes da música norteamericana.
O repertorio estará formado polos temas do seu primeiro EP, Loners Downtown (2019), adaptados a esta nova formación, ademais de novas cancións que compuxo nos últimos anos, como ’25’, ‘Bird in a Cage’ ou ‘Grape Juice’. Despois de numerosos concertos pola xeografía galega, e mesmo en Portugal e Italia, Sanny volve actuar na súa cidade nun espazo idílico: unha antiga casa indiana rehabilitada situada na parroquia de Alcabre.
Lauta – Venres 31 ás 22:30 h na Sala Masterclub – 12,00 €
O artista Lauta chega á Masterclub cun directo no que combina pop urbano, melodías pegadizas e un son contemporáneo que o converteu nunha das voces emerxentes da escena actual. É coñecido polos seus éxitos musicais como “Puñaladas”, “Más linda que ayer” e “Salí a robarte corazones”
Xogo de rol en vivo La Subasta – Sábado 1 ás 21:00 h no Café Vitruvia – 49,95 €
La Subasta é un xogo de rol en vivo no que as persoas participantes interpretarán un personaxe propio, coa súa historia, as súas relacións e os seus obxectivos. Terán que negociar, investigar, mentir e decidir en quen confiar. A trama avanzará a través das súas propias accións. A partida terá lugar no Café Vitruvia, un local situado no centro de Vigo cuxa atmosfera transportará ás persoas participantes aos felices anos vinte. Disfrutarán dun espazo reservado e dunha cea cóctel durante a partida. Desde Realidade Alternativa proporcionarase todo o necesario: vestiario de época, personaxes, tramas individuais e a guía dun director de xogo profesional. A entrada inclúe tamén a cea cóctel; as bebidas aboaranse á parte.
As Noites de Zarzuela – Sábado 1 ás 22:00h en Castrelos – De balde
O espectáculo contará cun elenco de 26 artistas, entre solistas e coro, acompañados por un espectacular ballet para danzas tradicionais, ademais dun equipo de 22 músicos, que darán forma a este viaxe pola historia da zarzuela e os seus momentos máis emblemáticos. A proposta combina música, danza e teatro para ofrecer unha experiencia completa que revive o xénero. Ao longo da noite soarán algunhas das pezas máis simbólicas, como “El barberillo de Lavapiés”, “La revoltosa” o “El gato montés”, entro outros. “As noites de Zarzuela” é unha oportunidade única para redescubrir o patrimonio cultural do xénero nun contorno único como Castrelos.
Festa do Monte – Domingo 2 desde as 11:15 h no Parque Forestal de Beade – De balde
A XXXV Festa do Monte de Beade celebrarase o vindeiro 2 de agosto no Parque Forestal de Beade cunha xornada chea de música e tradición. A programación arrancará ás 11.15 horas coa actuación da charanga Costamekrelos, que volverá animar a festa ás 14.00 horas. Ás 12.00 horas será a quenda do grupo de pandeireteiras A Volta do Demo, mentres que ás 12.20 horas actuarán os gaiteiros Airiñe xunto co grupo de baile Semente da Arte Galega. A partir das 13.00 horas ofrecerá un concerto a Banda Escola de Música de Beade. Ademais, entre as 11.00 e as 13.30 horas haberá reparto gratuíto de sardiñas con pan de millo para todas as persoas asistentes.
Nosa Señora das Neves – Do domingo 2 ao mércores 5 en Matamá – De balde
As festas de Nosa Señora das Neves de Matamá 2026 celebraranse do 2 ao 5 de agosto cun amplo programa relixioso, musical e festivo. O domingo 2 abriranse coa entrada das charangas, misa solemne, procesión e concerto da Unión Musical de Valladares, ademais do pregón e do inicio do XXVII Certame de Bandas de Música, rematando a noite cunha verbena. O luns 3 continuará o certame coa actuación da Unión Musical de Coruxo, seguida da orquestra Los Players. O martes 4 será a quenda da Agrupación Musical Atlántida de Matamá, coa participación do saxofonista Rafa Yebra, e pola noite actuará a orquestra América de Vigo. As festas pecharanse o mércores 5 con entrada de charangas, misa, procesión, actuación da Coral Atlántida e unha tarde dedicada ás tradicións e á gastronomía, con cucañas, festa da escuma, festa da empanada e actuacións musicais, antes da verbena de fin de festa coa orquestra Marbella.

