Yung Beef e Hard GZ inundan O Porriño de música urbana no Negrita Music Festival

O Concello de O Porriño xa anunciou o cartel da terceira edición do Negrita Music Festival na localidade galega. O festival, con presenza noutros lugares de España como Santander ou Barcelona, aterriza en O Porriño o día 6 de setembro. A organización aposta por un cartel que —ademais de contar cunha gran representación galega— mestura figuras consolidadas e novas promesas como Xiyo & Fernandezz, co seu recente éxito Do You Remember, ou o vigués West SRK, co seu último EP Mi Cruz.

Yung Beef, Hard GZ e Alvama Ice | Extraídas dos seus perfís de RRSS

O Negrita Music Festival é un evento que conta cunha presenza notoria no conxunto de festivais nacionais dirixidos á mocidade, no eido da música urbana. Ofrece, cada verán, unha xira por distintas localidades de España, sendo o 2025 o terceiro ano no que apostan por Porriño para achegar esta festa a Galicia. No cartel desta edición, a representación galega ven da man do rapeiro vigués Hard GZ, un nome recoñecido no panorama nacional que repite no festival tras o éxito do ano pasado; a actuación dos galegos Groove Amigos; Galician Army, os DJ’s que encherán o escenario coa súa estética retro xunto a Traffic House; e o artista emerxente galego West Srk.

ESCENICAS

Outro dos nomes con forza do cartel é o de Yung Beef. O granadino é coñecido como o pai do trap español, que se deu a coñecer no grupo Pxxr Gvng hai máis dunha década. Fundador do selo discográfico independente La Vendición Records, trata de impulsar o underground do país de forma horizontal, loitando contra a industrialización da música e defendendo os dereitos dos artistas sobre a súa obra. Deste xeito, Fernando representa o espírito que o Negrita pretende transmitir.

BARAFUNDA

A organización confía en superar os 10.000 asistentes da pasada edición e marcar o evento como unha data fundamental do verán galego. Outro dos pratos fortes da programación son as actuacións do DJ Alvama Ice, que conta con preto de medio millón de seguidores no seu perfil de Instagram, La Pantera ou Cyril Kamer.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

  • Yung Beef
  • Hard Gz
  • Cyril Kamer
  • La Pantera
  • Alvama Ice
  • West Srk
  • Xiyo & Fernandezz
  • Groove Amigos B2B Traffic House
  • Galician Army

As entradas están á venda na súa páxina web desde 25,00 €.

ENTRADAS