Xuntanzas para compartir paixóns en comunidade

A rutina é máis amable ao atopar un oco para despexar a mente e gozar das afeccións. Aínda que non se conte cun hobbie en concreto, existe unha ampla variedade de espazos onde descubrir aquilo que esperta a creatividade. Lectura, debuxo, música e xogos de mesa son algúns dos ámbitos que abarcan as comunidades seleccionadas para este artigo. Estas son seis agrupacións na cidade de Vigo.

BOOKISH BUDDIES

CASTELAO

Esta primeira comunidade é un club de lectura en inglés, coa iniciativa de reunirse unha vez ao mes no Monte do Castro para abordar as obras escollidas polos membros, sempre escritas en inglés. Máis aló da lectura, a proposta xira arredor do intercambio lingüístico e outras actividades culturais que enriquecen a experiencia. As reunións autoxestiónanse mediante un grupo de Whatsapp e seguen un formato informal de conversa, idóneo para aprender a falar o idioma noutros rexistros. As xuntanzas comezan cun resumo do libro escollido para ese mes, destacando as cuestións máis relevantes e compartindo opinións. Despois, suxírense obras e faise unha votación para elexir o libro da seguinte quedada.

Bookish Buddies naceu no 2021 na comunidade de auxiliares de conversa de Vigo. Estas persoas, provintes de distintos países, veñen a España a ensinar inglés para que o estudantado poida familiarizarse co acento nativo. A aspiración do club é expandirse e organizar eventos multiculturais de intercambio de linguas, máis aló do inglés. O propósito é bidireccional: por unha banda, que os vigueses aprendan doutras culturas; e pola outra, que os auxiliares de conversa teñan a oportunidade de coñecer a xente local. Todo isto, conectando a xente que ama a lectura en inglés.

Contacto: Instagram @bookishbuddies_vigo

Imaxe cedida por Bookish Buddies

URBAN SKETCHERS VIGO

O grupo forma parte dunha comunidade internacional de debuxantes especializados na ilustración de localizacións a través da observación directa. Esta proposta, nada en 2007 en Seattle, xira arredor da creación de grupos nas distintas localidades para reivindicar o valor artístico e educativo de retratar o espazo onde se atopa o artista. Ademais, aínda que miles de grupos no mundo realizan esta actividade, só 514 son oficialmente parte desta rede global. O grupo vigués, creado no 2022, é o único en Galicia que conta con esta distinción.

Aínda que a comunidade aglutine a distintos profesionais do sector, o único requisito para entrar é a paixón por debuxar e compartir afeccións artísticas. No inverno adoitan pintar en interiores, mentres que, sempre que a choiva non llo impida, o resto do ano reúnense en distintos puntos da cidade como xardíns, paseos ou praias. Realízase unha xuntanza ou “debuxada” cada domingo anunciada durante a semana a través das súas redes sociais. Ao remate de cada xornada, compártense as creacións nas redes. O estilo e a técnica empregadas son libres, sexa con lapis ou pincel, calquera pode probar e integrarse no grupo.

Urban Sketchers Vigo organiza na cidade unha xuntanza de debuxantes urbanos de toda Galicia e do norte de Portugal. Celébrase o sábado 2 de agosto, primeiro no Castro e despois polo Casco Vello e o Porto deportivo.

Contacto: Instagram @uskvigo

Imaxe cedida por Urban Sketchers Vigo

SERÁNS EN CASTRELOS

Trátase dunha iniciativa que organiza seráns autoxestionados no Parque de Castrelos cada quince días. Con 877 seguidores no seu perfil de Instagram, levan desde o 2022 organizando estas foliadas co obxectivo de gozar da música en comunidade e coñecer a xente que comparta a paixón pola música tradicional. Pandeiretas, gaitas, canto, e baile son algúns dos compoñentes destas xuntanzas. Os membros convidan aos vigueses a traer os seus instrumentos a estas xuntanzas no corazón da cidade olívica. O obxectivo é crear un espazo de diversión e aprendizaxe arredor da tradición e da cultura galega.

Seráns en Castrelos xorde dun grupo de amigos e coñecidos que, tras ver como noutras cidades a xente xuntábase de forma espontánea en parques para tocar música e bailar, decidiron crear algo similar en Vigo. O primeiro serán celebrado superou as expectativas dos que o organizaron, con moi boa acollida entre a xente de escolas e agrupacións, afeccionados e mesmo xente que pasaba por alí e uniuse. Posteriormente, de xeito orgánico, a iniciativa foi collendo forma ata converterse en rutina dos xoves (cada dúas semanas). Aínda que haxa un encargado de publicar os carteis e as convocatorias nas redes, os seráns son completamente autoxestionados polos propios participantes. Así, co paso dos anos foi gañando popularidade, sendo unha oportunidade excepcional para gozar da música tradicional na natureza, aprender a tocar un instrumento ou socializar.

Contacto: Instagram @seransencastrelos

Imaxe extraída do seu perfil de Instagram

SHAKA CLUB

O obxectivo desta comunidade deportiva nada en Vigo é conectar a persoas que gocen de correr sen importar o nivel ou experiencia. Organizan adestramentos abertos e outras actividades como brunch e quedadas. Apóstase pola creación de contido dinámico para redes sociais, sempre fomentando o estilo de vida activo e social. Trátase dun proxecto co foco na formación dunha comunidade en expansión, con forte presenza nas redes sociais e impacto local.

A iniciativa foi creada en 2024 por dous afeccionados: A cara visible do proxecto é Rocío Pontan, creadora de contido lifestyle nas súas redes sociais, que lidera o grupo en cada evento; Fran Alegre é o fotógrafo oficial, especializado en deporte. Actualmente, conseguen reunir arredor de 40 persoas nas quedadas, con máis de 220 membros activos.

Deste xeito, a proposta aspira a fortalecer o tecido local de Vigo a través da creación de eventos e a consolidación dunha comunidade que comparta valores e motivación.

Contacto: Instagram @shakaclubb

Imaxe cedida por Shaka Club

TOBA COLLECTIVE

En 2023 nace este proxecto como un espazo de encontro e ocio alternativo en Vigo, para compartir tempo en comunidade fóra das rutinas consumistas propias da sociedade actual. Organizan encontros gratuitos cada mes, abertos a todos os vigueses, nos que se programan distintas actividades artísticas arredor da creación artesanal.

As actividades, programadas mensualmente, realízanse xeralmente no local social Faísca, no barrio do Calvario. Este espazo acolle unha das propostas máis ambiciosas de Toba Collective: a creación dunha biblioteca de fanzines, co obxectivo de ofrecer un recuncho de lectura e consulta de zines. Deste xeito, recompilan obras de creadores e coleccionistas para poder crear un fondo deste tipo de publicacións, normalmente difíciles de rexistrar. A través das doazóns e a elaboración e venda de merchandising propio, o proxecto autofinánciase para conseguir o maior número de zines posible e poder engrosar este arquivo.

A actividade do grupo retómase en setembro, co comezo do curso. Non obstante, durante a pausa estival, están abertas a calquera suxerencia para incorporar novas ideas á programación. Calquera persoa amante dos fanzines ou, simplemente, que queira deixar voar a súa creatividade en grupo, ten o seu oco en Toba Collective.

Contacto: Instagram @toba.collective / mail: toba.collective@gmail.com

Imaxe cedida por Toba Collective

ASOCIACIÓN ESBOZOS

GOZO FEST

Os amantes da fantasía, ciencia ficción e historia reúnense nesta Asociación cultural que promove distintas actividades orientadas á cidadanía viguesa. Xornadas de xogos de mesa, torneos de soft-combat de combate medieval e torneos de simulación estratéxica con miniaturas son algunhas das propostas de Esbozos. As súas xuntanzas concéntranse no seu local na rúa San Ignacio, cos chamados Días Jugones, nos que as mesas se enchen de xogos.

Ademais dos war games e os xogos de rol, unha parte importante de Esbozos durante os seus 14 anos de traxectoria é a súa presenza e participación activa nos distintos eventos e concursos organizados en Galicia arredor deste ámbito: O Interplanetario, o I Autonómico Galego de X-Wing, a Liga do Noroeste e o Autonómico Galego de Infinity, entre outros.

Esta Asociación de longo percorrido, nada en marzo do 2011, ten sempre as portas abertas para todo o que queira adentrarse no universo Infinity, participar en torneos ou pasar un bo rato nas partidas de xogos de mesa.

Contacto: Instagram @asociacion_esbozos

Imaxe extraída do seu perfil de Instagram