BIBOPALULA

Xosé Cermeño: «A tele e os libros comparten a vocación de contar historias»

Aínda que foxe dos focos, Xosé Cermeño (A Coruña, 1959) é o creador de dous dos programas con máis éxito da Televisión de Galicia: Pratos combinados e Larpeiros. Descubriu a súa afección polas historias ben contadas aos seis anos cos cómics de Tintín. Tamén foi a esa idade cando se trasladou cos seus pais a vivir á nosa cidade, onde continúa escribindo e achegándonos historias nas que o mar ten un especial protagonismo. A última: Vantaxes e inconvenientes de case todo (Galaxia).

Xosé Cermeño no paseo do Náutico | P. Vázquez

Es sociólogo de formación, como chegaches á televisión?

Escollín a socioloxía seguindo o corazón e para nada os intereses laborais ou profesionais e fixen a especialidade de antropoloxía cultural. Naquel tempo, primeiros anos dos oitenta, non había grandes saídas profesionais para ese asunto. Con todo, eu tiña un grande interese por escribir e polos medios de comunicación, así que un dos meus primeiros traballos foi co Ministerio de Cultura: redactar un informe sobre a cultura festiva en Galicia. Despois pasei un verán aquí, en Vigo, e empatei co mundo da publicidade, e de aí fun a Santiago para traballar como asesor da Consellería de Cultura. Naquel tempo tamén nacía a Televisión de Galicia e foi todo así, un pouco seguido. Era unha época moi distinta a esta; daquela todos os que nos interesabamos polos medios de comunicación, ben porque eramos xornalistas ou ben porque estudaramos algunha carreira relacionada coas humanidades e nos gustaba escribir, podiamos escoller. Tiñamos relativamente fácil o panorama.

Nada que ver co de agora.

Completamente. De feito, tanto eu como a xente da que estaba rodeado tiñamos ofertas seguidas.

Quizais porque naquel momento había menos xente formada?

Si, e tamén porque as empresas de comunicación eran máis fortes. Ademais, era un momento de efervescencia política. Estou falando incluso antes de que Felipe González gañase as eleccións. Estabamos vivindo unha gran renovación.

E acabaches na tele.

Si, traballei para a Televisión de Galicia desde os inicios da canle, pero nunca fun traballador da TVG. Primeiro fixemos un programa de sketchs que foi a primeira oportunidade na televisión para moitos actores galegos. Como consecuencia diso, ofrecéronme dirixir a primeira serie de ficción da Televisión de Galicia, que foi Os outros feirantes, inspirada no libro homónimo de Álvaro Cunqueiro. Tivemos a sorte de contar para algúns episodios con actores españois coñecidos como Alfredo Landa, Rossy de Palma, Santiago Ramos… Despois o director da TVG naquel momento pediume un proxecto para facer unha serie de ficción que foi Pratos combinados. Daquela as referencias nas televisións españolas eran poucas, existía Farmacia de Guardia e pouco máis. Fixemos Pratos con éxito, estivemos once ou doce anos producindo episodios.

«O éxito de Pratos combinados foi grazas ao elenco e a que estaba ben escrita»

Por que cres que funcionou tan ben Pratos combinados entre o público galego?

Porque todo o que se xuntou alí funcionou. Tivemos uns actores estupendos, xa que, ao tratarse da primeira serie, puidemos escoller os que quixemos; non era como agora, que os actores poden estar ocupados en mil producións. Creo que, ademais, o artefacto narrativo estaba ben construído. E tamén empatamos cun escenario e uns personaxes que funcionaban, eses emigrantes que retornaban e abrían un bar.

Eran uns personaxes e un escenario recoñecibles para os galegos.

Na definición dos personaxes había elementos que non eran só tópicos, senón que estaban latentes na sociedade daquel momento. Na serie, os parvos, os tramposos, os mentiráns, os enredantes… eran os homes, mentres que o sentido común, o sentido do negocio, a orde… correspondían ás mulleres. Despois os tramposos disimulados estaban representados polo cura e os traballadores da caixa de aforros. Na definición dos personaxes había algo que nos situaba naquel tempo, de forma tanto explícita como un pouco escondida.

Como dicías, puidestes contar cun elenco de actores e actrices de primeiro nivel. Como foi traballar con eles?

Traballar con Ernesto Chao, que era quizais o protagonista principal, Antonio Durán «Morris», Mabel Rivera, Xosé Manuel Olveira «Pico»… foi un luxo. A verdade é que foi sempre un plató moi entregado, laborioso e fluído. As relacións entre as persoas eran moi boas.

Desde entón a TVG ten emitido outras series de éxito como, por exemplo, Mareas Vivas ou Padre Casares, pero na actualidade non hai en emisión ningunha serie de tanto éxito como estas. É casual ou cres que se debe a algo?

A Televisión de Galicia agora mesmo non ten series, apenas ten ficción de produción propia. O declive é acusadísimo. Pratos combinados, Mareas Vivas ou Padre Casares conseguían audiencias por enriba do 30 %; hoxe en día a TVG está loitando por superar o 8 % de audiencia.

Pensas que iso ten que ver con como se está xestionando a TVG ou responde a unha dinámica social? Agora hai moita máis oferta coas plataformas dixitais e xa non se ve a tele como antes.

Está claro, pero, se valoramos os números relativos, naquel tempo o prime time da galega era imbatible, era o prime time máis sólido de todas as canles estatais.

A que cres que se debe esa caída?

A TVG leva anos nun declive producido por unha falta completa de ideas.

Es tamén un dos creadores do exitoso Larpeiros, programa pioneiro neste formato. Como xurdiu?

Si, tanto en Galicia como nas televisións españolas. Aínda non existía Masterchef cando fixemos Larpeiros. Naceu tamén dunha petición da TVG. Eu vía que naquela altura funcionaban moi ben os programas musicais, porque a moitos galegos lles gusta a música tradicional. A min sempre me interesou a gastronomía, así que lle levei ao director da TVG a idea de Larpeiros, quen se sorprendeu de que quixese pór no prime time un programa de comer e con receitas. Pero eu tiña claro que se hai algo que nos gusta aos galegos é comer. Se vas a un cocido, a xente na sobremesa xa está pensando onde e cando se vai celebrar o seguinte. Finalmente aceptou, puxémolo en marcha e funcionou.

Despois publicáronse varios libros, tamén con moito éxito.

Do primeiro libro vendéronse uns 80.000 exemplares; iso para un libro galego e unha editorial galega como Galaxia é unha barbaridade.

«A TVG leva anos nun declive producido por falta de ideas»

Acabas de publicar Vantaxes e inconvenientes de case todo, que é como un caderno de notas. Nace así?

A principios dos anos noventa publiquei un libro que se titulaba Ciencia de facer as camas (Xerais), unha obra como esta, de fragmentos, retallos e citas. Estes dous libros naceron da afección por ler escritores fragmentarios. Todos os que escribimos algo así somos, polo xeral, herdeiros de Michel de Montaigne. Ese é, quizais, o gran santo do noso santoral. Entre os contemporáneos temos a Julio Ramón Ribeyro, Gerald Brenan, Bioy Casares… De aí naceron estas dúas obras miñas, desa lectura de autores fragmentarios.

Escribes este libro baseándote en anotacións que vas facendo ao longo do tempo?

Si, isto é así. Son uns materiais que vas acumulando ao longo de bastante tempo. Eu teño bastantes cadernos con anotacións. Un día recolles un feixe delas e decides publicalas.

Dis que vai dirixido a persoas escépticas e perplexas. Por que?

Nos séculos XVI, XVII e creo que XVIII tamén, estaban moi de moda entre a xente rica os gabinetes de curiosidades, nos que se exhibían unha mestura de cousas, moitas delas procedentes da natureza e da historia natural, como fósiles, ósos, plumas, cornos de animais ou obxectos traballados por tribos perdidas na selva. Este libro ten algo diso, está feito con curiosidade e, ao tempo, cunha mirada un pouco escéptica, un pouco irónica, cunhas pinceladas de humor.

Estas prosas breves seguen algunha orde?

Están recollidas tal como foron caendo.

O autor posa co libro | P. Vázquez

Es un grande admirador do bacallau, como vimos no teu libro anterior, Un bacalao por bandera (Rosamerón). Como nace a idea de dedicarlle todo un libro a este peixe?

Ese libro é o pago persoal dunha débeda moi antiga. Hai moito tempo que teño un interese variado e desde ángulos moi distintos polo bacallau. A pesca do bacallau é un feito histórico que está vinculado á navegación, aos descubrimentos, á astronomía, á gastronomía, á conservación e transporte dos alimentos, á relixión… É un interese que levo cultivando podería dicir que toda a vida, a través de moitas lecturas.

En que momento te decataches de que tiñas material suficiente para escribir un libro?

En realidade hai bastante tempo. Despois de ler uns trescentos libros sobre o bacallau, sabes que algo podes ir contando. Pero, curiosamente, o primeiro que escribín do libro foi a introdución, que é un capítulo de recordos infantís, de como comiamos —ou de como evitabamos comer, os nenos— o bacallau na casa dos meus avós cando era a cea de Noiteboa. É dicir, lin moitos libros, pero ao final o que empeza a moverme é a historia persoal, a miña experiencia particular co bacallau.

Por como está narrado o libro, vese que tes un especial interese pola cociña, como xa dixemos antes, pero tamén pola pesca, é así?

Si, agora estou un pouco retirado, pero fun pescador toda a vida e gústame moito. Teño pasado días moi felices pescando e cociñando.

Cres que en Galicia non se lle fixo xustiza a este peixe, en comparación, por exemplo, con Portugal?

Desde un punto de vista literario, culinario e gastronómico, non se lle fixo xustiza ao bacallau. Se un se compara con portugueses, franceses ou vascos, que son xentes moi comedoras de bacallau, ve a enorme diferenza que hai na cantidade de publicacións de libros de memoria persoal e de cociña nestes sitios.

Por que pensas que en Galicia non se lle ten tanta consideración?

Eu creo que en realidade aquí non lle temos demasiado aprecio a case nada. Esa pregunta poderiamos facela sobre o Románico, os ríos ou o urbanismo e a resposta sería a mesma. Son poucas as cousas ás que temos prestado unha atención literaria, artística ou intelectual.

Que dato sobre o bacallau cres que lle pode sorprender máis a un lector galego?

O libro ten varias aventuras vitais que son moi interesantes polas persoas que as protagonizan. Para min é moi bonita a historia dese comerciante italiano que se chamaba Pietro Querini e que naufragou. Acabou nas illas Lofoten, fronte ás costas de Noruega, no círculo polar ártico, e regresou cos bacallaus secos á Venecia. Isto deu lugar ao inicio dunha grande afección no Véneto polo bacallau seco, non salgado, como o tomamos nós. É unha crónica dun naufraxio épico. A historia de Anita Conti tamén é preciosa, unha muller que, levada polo seu interese polo estudo da vida nos océanos e no mar, embarca en bacallaeiros e fai os primeiros mapas de pesca. Ademais de estudar durante un tempo o bacallau e de conseguir sobrevivir naquel ambiente tan masculino e áspero, Conti estudou moitos peixes.

Coidas que os vigueses lle damos ao sector pesqueiro a importancia que ten?

A importancia que ten para a cidade o sector é moita, iso está claro. A conexión do sector coa cidadanía que non traballa na pesca é máis escasa. A xente sabe pouco do que sucede nas lonxas e seguramente tamén sabe pouco desa gran transformación que estamos vivindo, na que o peixe de piscicultura está coméndolle o terreo á pesca extractiva. É probable que os vigueses e as viguesas vexamos pouco de todo iso.

Paréceche máis interesante chegar ao público a través da tele ou a través dun libro?

Cando falamos de ter certo éxito na televisión referímonos a que podes chegar a 300.000 persoas. Un libro en galego nunca vai ter ese alcance, pero dá outras satisfaccións. Por exemplo, cando estás escribindo para a televisión ou para unha película, tes que cortarte: nunha novela podes dicir que aparecen trescentos elefantes enfurecidos, nun programa televisivo é un pouco máis complicado. Aínda que escribir para a tele e escribir un libro son cousas completamente diferentes, teñen algo en común, que é a vocación de contar historias. O primeiro mandamento, tanto dun escritor como dun guionista para televisión, é espertar interese no lector ou no espectador.

Como vimos, a televisión, a gastronomía, o mar e a escritura son fundamentais na túa vida. Se tiveses que ordenalos por importancia, como os porías?

A escritura é a nai de case todo e o mar é moi importante para a vida en xeral. Todo o demais vai despois.

REVISTA XUNHO
The following two tabs change content below.
A súa curiosidade fixo que estudase xornalismo. Agora ten unha boa escusa para preguntar (case) todo o que quere. Sempre lle interesaron os movementos cidadáns e entende que os medios de comunicación deben cumprir un labor social. No 2018 cofundou A Movida co obxectivo de contribuír a un Vigo culturalmente máis activo.