Xoias para un ‘look’ total

TOTAL é un proxecto de xoiería nacido en 2022 no seo da Fundación Igualarte, impulsado por un grupo de mozos e mozas e polo xoieiro Ramón López. A iniciativa combina formación artesanal coa vontade de construír unha marca recoñecible tanto pola súa estética como polo seu xeito de traballar coas mans.

Joyas TOTAL é unha idea de Elena Cubel, Gustavo López, Alberto Rodríguez, Iván Lago, Olivia Boyce, Uxía Rodríguez e Ramón López que xorde en 2022 como un proxecto da Fundación Igualarte, co que se pretende formar un grupo de rapaces para crear unha marca de xoias na que axuntar o seu imaxinario creativo e os coñecementos de Ramón, xoieiro desde o ano 2010. O proxecto ten a intención de que estes mozos se profesionalicen neste oficio a través da aprendizaxe, así como a meta de que creen unha estética e unha forma de traballar coas mans que os identifique como marca con só botar unha ollada ou tocar algunha das súas pezas.

A filosofía de Joyas TOTAL é a liberdade creativa. Para alcanzala, buscan referencias e temas específicos sobre os que traballar nos seus deseños e, unha vez elixidos, dedícanse a traducilos á súa linguaxe e imaxinario propios. Na actualidade, estes xoieiros están a traballar co seu propio logo para facer pezas nas que a palabra TOTAL sexa a protagonista. O material empregado neste proxecto é o latón chapado en ouro e prata, e todas as súas xoias están elaboradas de forma manual e artesanal, unha por unha; non hai dúas idénticas. O resultado deste proceso son pezas desenfadadas, atrevidas e divertidas, fáciles de levar e con prezos alcanzables. Xoias de calidade feitas á man ao alcance de todo o mundo.

Proximamente, TOTAL estreará a súa tenda en liña. Mentres tanto, podemos conseguir calquera peza a través do seu perfil de Instagram. A que esperas para ser total?

@joyas_total

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 1992 preto do mar. É filóloga, escritora e correctora literaria, amiga do analóxico, a cultura e a moda vintage. No 2021 foi unha das dez escritoras seleccionadas da Residencia Literaria da Cidade da Cultura dirixida por Javier Peña. No 2025 publicou a súa primeira novela. Poderás atopar a Estela na biblioteca, no cine, no museo, no teatro, nun concerto ou no centro da cidade lendo un libro ao sol.