ENCORDASS

Xogos, natureza, arte e galego no campamento da Semente

A Semente é unha iniciativa social sen fins lucrativos con seis centros educativos espallados pola xeografía galega que poñen o foco en garantir a supervivencia da lingua nas xeracións máis novas, así como no coñecemento da cultura de noso entre as crianzas, para que o galego teña mil primaveras máis. Ao longo do ano realizan diversos campamentos, un deles en verán.

Ofrecen un lugar axeitado onde brincar, aprender e tecer novas amizades, sempre en galego e coa natureza moi presente. Algunhas das actividades que realizan son xogos, saídas á natureza (praia, monte…), artes e manualidades, música, obradoiros educativos…

A Semente Vigo, que cumpriu no 2023 dez anos de existencia, sitúase nunha casa de pedra da rúa Doutor Corbal, 102, no barrio de Teis. Neste baixo, que hai anos foi o bar rexentado por Pilar “Manda Truco”, hai unha morea de nenas e nenos en idade infantil que pasan o seu tempo xogando e aprendendo en lingua galega. Conta cun espazo-aula interior, organizado por recantos, e un espazo exterior cun patio para xogar ao aire libre e unha horta.

A Semente funciona como espazo de protección da lingua e a tradición cultural galega, que naceu para evitar un fenómeno moi habitual: as crianzas galegofalantes deixan de selo unha vez que se incorporan ao sistema educativo. É por iso que a Semente recibe nenos e nenas non só de Vigo, mais tamén dos concellos da contorna. Defenden tamén a liberdade responsable, o respecto, a autorregulación e a igualdade de xénero. Trátase dun centro laico, creativo e innovador onde a natureza xoga un papel fundamental. Réxense de xeito participativo e de forma horizontal con nais, pais, crianzas e mestras.

Xogos, saídas á natureza nas que se combina o monte e a praia, artes e manualidades, lingua e cultura, música… Un campamento no que brincar, aprender e tecer novas amizades en galego.

REVISTA XUNHO

Datas: 23 de xuño a 31 de xullo
Horario: 8:30 h a 14:30 h
Idade: 3 a 8 anos
Prezo:
desde 70,00 €
Enderezo: Rúa do Doutor Corbal, 102 (Teis)
Contacto: atividades.vigo@semente.gal | 665 17 11 46 | vigo@semente.gal