Xavier Moreda: Sobriño, neto, bisneto e primo de asasinados polo franquismo
Recuperamos o testemuño de tres vigueses cuxa historia familiar quedou marcada pola represión franquista.

O historiador Xurxo Martínez define os Moreda como «unha das familias máis represaliadas de toda España», e non lle falta razón. Confírmao o propio Xavier Moreda: «Teño a dubidosa honra de ser sobriño, neto, bisneto e primo de asasinados polo franquismo». O primeiro asasinado foi Lenin Moreda, con tan só 15 anos, na sublevación franquista na Porta do Sol en xullo de 1936. A finais dese mesmo ano fusilaron no alto do Castro a José, Manuel e Constante Moreda, de 49, 79 e 45 anos, respectivamente. O motivo? A súa suposta participación no asalto do chalé do empresario Estanislao Núñez, no concello de Lavadores. Non existía proba ningunha que os situase no lugar dos feitos nin foron sometidos a un xuízo xusto. Tampouco creron ningunha das súas coartadas. A decisión era inamovible.
A medida que ía medrando, a Xavier facíaselle máis incómodo o silencio que había arredor de tantas ausencias. Non deixaba de preguntarse: «Por que eu non teño avó?». Con once anos comezou a insistirlles aos seus pais, que, pouco a pouco e con moita cautela («coas fiestras do coche subidas»), foron saciando a infinita curiosidade do rapaz. Pese aos riscos que iso supoñía en pleno franquismo, Xavier «falaba do tema no colexio cos amigos, mesmo cos profesores», que lle dicían que todo aquilo era mentira. Axiña comprendeu tamén que non lle contaran nada ata ese momento para protexelo e evitar que correse a mesma sorte que os seus antepasados. O silencio como forma de protección, como coiraza contra a represión.
Cunha postura antifascista cada vez máis clara, a súa irmá Giovanna e el comezan a investigar pola súa conta e mergúllanse na documentación oficial da época, moita depositada no Arquivo Militar de Ferrol: «Os documentos atópanse nun estado malísimo e non están dixitalizados», explica. Un dos detalles que máis chama a súa atención é que os encargados de realizar os informes estaban «moi orgullosos da súa santa cruzada; inculpábanse dos propios delitos porque se sentían moralmente por riba de todo». Moreda é moi preciso na terminoloxía que usa para non caer na equidistancia entre uns e outros: utiliza xenocidio en lugar de guerra; non fala de bandos, pois «iso non foi un partido de fútbol; houbo una banda de delincuentes que estiveron contra a inmensa maioría»; prefire memoria antifascista en vez de histórica ou democrática, e fala do período posfranquista como «a Transición sen fin», que dura ata os nosos días a través da monarquía e de partidos políticos herdeiros do franquismo.
Xavier leva toda unha vida de activismo, primeiro como portavoz de Vigo Antifascista e agora como presidente de Memoria, Verdade e Xustiza, asociación coa que está a preparar a presentación dunha Comisión da Verdade para o 10 de decembro e unha homenaxe aos 140 fusilados no monte do Castro. É consciente de que, ante o inmobilismo das institucións públicas, ten que ser o pobo civil quen asuma este tipo de accións para apremar o Estado e conseguir que «ilegalicen a legalidade franquista», axuden a atopar os restos dos asasinados e eliminen todos os monumentos na honra dos sublevados, como a cruz do Castro.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O Underfest trae por primeira vez a Galicia as ilustracións orixinais dun músico de culto - 12 Novembro, 2025
- Revista de novembro: 50 anos de desmemoria - 31 Outubro, 2025
- Moon Cresta, dani dicostas, Broken Peach… Novidades musicais locais para o Samaín - 31 Outubro, 2025
- O Concello incrementa o orzamento de Cultura para 2026 en máis dun millón de euros - 29 Outubro, 2025
- Flor Baena: O último escarmento dunha ditadura moribunda - 28 Outubro, 2025



