CONCERTOS CASTRELOS
DIA DE GALICIA

Xa se coñecen todos os concertos e cachés de Castrelos

Xa coñecemos a programación completa deste verán en Castrelos, tanto para público adulto como infantil. Tamén coñecemos os cachés de cada un dos espectáculos, que suman un total de 2.803.152 euros. Outro ano máis, o Concello contratou menos concertos dos que anunciara previamente e, de novo, a variedade estilística é máis reducida que outros anos.

Tras anunciar un par de espectáculos infantís a pasada semana, o Concello de Vigo deu por pechada a programación deste ano para Castrelos. Un total de dez xornadas de concertos (con 11 actuacións), unha de ópera e catro de actuacións infantís conforman o programa de Vigo en Festas 2024. Isto son dous concertos menos dos 18 anunciados polo alcalde Abel Caballero no prego de contratación.

Outro aspecto negativo é que, un ano máis, a programación adolece de variedade estilística. A gran maioría dos artistas programados poden englobarse dentro do indie (Vetusta Morla, Xoel López), pop (Luz Casal, Víctor Manuel, Melendi, Aitana, Dani Fernández) e o urbano/latino (Luis Fonsi, Sen Senra). Nin rock, nin jazz, nin metal, nin rap, nin folk, nin country, nin electrónica, nin punk…

Xoel López en Castrelos | P. Vázquez

Volvendo aos pregos de contratación, o Concello esixe ás promotoras (entre as que xa non se atopa a viguesa Sweet Nocturna desde o incidente de Guns N Roses) que os seus artistas sexan quen de reunir polo menos a 15.000 persoas no auditorio, que teñan premios musicais e moitos seguidores en redes. En ningún destes casos o organismo municipal parece fixarse na calidade artística, na variedade estilística ou na orixinalidade da proposta.

En canto aos cachés dos artistas, destaca por arriba o de Aitana (786.500 €), que se achega ao récord ostentando polo francés David Guetta, que o ano pasado custou ás arcas públicas 932.085 euros, IVE incluído. Iso si, convírtese na artista española máis cara da historia de Castrelos, superando os 611.000 euros de Alejandro Sanz o ano pasado. En segunda posición atopamos a Melendi, cun custo de 350.900 €, algo máis que o tándem de Esmerarte Vetusta Morla e Xoel López, que repiten un lustro despois cun prezo de 332.750 €. Na cola atopamos, ademais dos espectáculos infantís, á Coral Casablanca (44.165 €), Rigoletto (48.763 €) e Sen Senra (116.765 €).

Este ano o sistema de venda de entradas cambiou de xeito notable respecto á edición anterior. Ou, polo menos, así foi este luns coas entradas para o concerto de Dani Fernández. Nas próximas semanas iranse anunciando á venda das entradas de cada un dos espectáculos

Poranse á venda un total de 5.000 entradas, 1.000 online e 4.000 en persoa, repartidas entre a mañá e a tarde. Entre as 9:30 e as 13:00 repartiranse 2.000 presenciais e 500 online, e a mesma cantidade de 16:30 a 20:00.

A reserva de entradas presencial múdase do Concello ao Auditorio de Castrelos, onde se instalarán seis taquillas para facer o proceso máis áxil. Cada persoa poderá retirar ata catro entradas. A novidade máis importante deste verán é que as entradas serán nominativas, polo que é preciso amosar unha copia do DNI no momento da compra e o documento orixinal no acceso ao recinto o día do concerto.

VIALIA

13 xullo – Dani Fernández – 121.000 €
17 xullo – Una casita con encanto (infantil) – 18.137,90 €
20 xullo – Coral Casablanca – 44.165 €
23 xullo – Luis Fonsi – 245.630 €
25 xullo – Sen Senra – 116.765 €
31 xullo – Las orejas de mariposa (infantil) – 10.012,75 €
2 agosto – Luz Casal – 167.585 €
3 agosto – Aitana – 786.500 €
5 agosto – La cajita de los sueños (infantil) – 17.774,90 €
7 agosto – UB40 – 291.368 €
9 agosto – Ópera: Rigoletto – 48.763 €
12 agosto – Cantajuego (infantil) – 46.101 €
14 agosto – Víctor Manuel – 205.700 €
16 agosto – Vetusta Morla e Xoel López – 332.750 €
17 agosto – Melendi – 350.900 €