Xa está dispoñible de balde o libro sobre a toponimia de Matamá
Xa está dispoñible na Área de Normalización Lingüística do Concello o libro sobre a toponimia de Matamá, décima entrega da colección Toponimia do Val de Fragoso. Trátase dunha obra colectiva escrita a seis mans por Gonzalo Navaza, Arantzazu Luna e Marcos Alonso Rodrigues e editada pola Universidade de Vigo e o Concello.

Na mañá do martes presentouse no Concello de Vigo o libro Toponimia do Val de Fragoso: Matamá, unha obra escrita por Gonzalo Navaza, Arantzazu Luna e Marcos Alonso Rodrigues arredor dos nomes de lugar desta parroquia viguesa. O de Matamá é o décimo volume da colección, que xa recolleu a toponimia doutros lugares como Coia, Beade, Bembrive, Sárdoma ou Comesaña, entre outros.
A pesar das profundas transformacións que experimentou a paisaxe, os topónimos de Matamá conservan a memoria do pasado da parroquia, moi ligada á cultura agrícuola e aos modos de vida tradicionais. O gran crecemento demográfico de Vigo, especialmente no século XX, creou unha presión urbanística, industrial e viaria que fixo que moitos destes nomes desaparecesen e fosen substituídos por outros novos.
Para salvar do esquecemento todo este saber popular, Marcos Alonso Rodrigues comezou en 2014 a falar con veciños máis maiores da parroquia, testemuñas deste gran cambio social. Despois explorou arquivos, especialmente actas notariais de entre os séculos XVI e XIX. Esta nova publicación complementa e actualiza o libro Historia de Matamá, publicado en 2022.

Na propia introducción explícasenos a orixe do topónimo Matamá, que vén de Mata (matogueira, área boscosa de monte bravo) e Má (mala, que se refire á espesura de vexetación e á orografía accidentada). Atopamos outras Matamás e en Laza, Sober e Gomesende, ademais de en Guimarães, Portugal. En 1836 a parroquia adheriuse ao concello de Bouzas, malia que un ano antes a veciñanza promoveu unha iniciativa para consituírse en concello autónomo. Antes de que o Concello de Bouzas se anexionase ao de Vigo en 1904, en Matamá promoveuse outra nova iniciativa para segregarse do primeiro e incorporarse ao segundo.
O libro pode recollerse de xeito gratuíto na Área de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, no primeiro andar. Alí poderemos coller o resto de obras da colección Toponimia do Val de Fragoso.

