Xa coñecemos a programación do Entroido 2026
A cidade de Vigo prepárase para unha ampla celebración do Entroido que se estenderá dende o venres 13 ata o mércores 18 de febreiro. O programa deste ano destaca pola súa gran variedade, incluíndo pasarrúas, concertos para todos os públicos, obradoiros e concursos de disfraces que prometen encher de animación as rúas viguesas.

As festividades comezarán o venres 13 coa música da charanga Imperiales e o tradicional desfile de cabezudos. O evento principal da xornada será a entronización do Meco na Porta do Sol, que dará paso, arredor das 20:45 h, a un concerto da orquestra París de Noia.
O sábado 14 a animación trasladarase á rúa Príncipe, servindo de antesala ao gran desfile do concurso de comparsas do Entroido. O percorrido realizarase dende o nudo de Isaac Peral ata a zona de Policarpo Sanz. Un dos grandes atractivos deste concurso é a súa dotación económica, xa que se repartirán 18.000 € en premios, ademais das axudas destinadas á propia participación das formacións.
O domingo 15 a música será a protagonista na Porta do Sol e na rúa Príncipe coas actuacións da batucada Leña Verde, a charanga Imperiales e Bate no Cobre. A programación da tarde estará enfocada ás familias cun concerto infantil de Uxía Lambona ás 17:30, unha chocolatada na Porta do Sol a partir das 19:00 e, xa par todas as idades, o concerto de Crónicas Pop ás 20:00 h.

O luns 16 continuará a diversión para os máis pequenos con obradoiros infantís e animación de rúa a partir das 17:20, xunto coa actuación das Panisukis.
O martes 17 celebrarase o esperado concurso de disfraces na Porta do Sol, con categorías tanto para nenos como para adultos. Tras o espectáculo de Asacocirco ás 20:00 h, terá lugar un dos momentos máis simbólicos: a queima do Meco ás 21:15 h.
O Entroido vigués concluirá o mércores 18 coas exequias funerarias do Meco e o desfile da súa comitiva. Pola tarde haberá unha actuación da Banda de Gaitas da ETRAD acompañada polo grupo de percusión Leña Verde. A celebración pecharase oficialmente ás 18:30 coa lectura da acta do xurado do concurso de comparsas.



