Volven as andainas gratuítas para coñecer a contorna natural de Vigo

A partir de abril ponse en marcha unha nova edición de Camiño a Camiño, o programa municipal con oferta gratuíta de rutas de sendeirismo, actividades nas hortas urbanas e iniciativas de voluntariado ambiental. A inscrición nas andainas comeza o 6 de abril.

Camiño a Camiño regresa con rutas ambientais, hortas urbanas e voluntariado desde abril. O programa municipal Camiño a Camiño volve á actividade cunha oferta de actividades gratuítas que promoven o contacto coa natureza, a sustentabilidade e a participación cidadá.

Entre as actividades máis destacadas figuran nove rutas de sendeirismo polos miradoiros e espazos naturais de Vigo e o sur da provincia de Pontevedra. O ciclo arrinca o 12 de abril cun percorrido cun roteiro polos miradoiros do Maruxento, Maúxo Grande e o Alto da Bandeira, e continuará nas semanas seguintes por Redondela, O Porriño, Ponteareas, Tomiño, Gondomar, Baiona, Oia, O Rosal e A Cañiza. Todas estas andainas contarán con 165 prazas dispoñibles por percorrido, en horario de 9:00 a 15:00 h, polo que se trata de andainas de mañá completa na natureza. Nalgúns casos, como as rutas do Rosal e da Cañiza, tratarase de actividades de día completo. As inscricións ábrense o luns 6 de abril e poden realizarse de luns a mércores a través do teléfono 010 (desde fixo) ou no número 986 810 260 (desde móbil).

Aos nove percorrido engádense dúas andainas especiais. O 31 de maio celebrarase a XI Andaina polos montes de Vigo, que percorrerá zonas naturais de Zamáns, Beade e Bembrive e da que o Concello ofrecerá máis información a partir do día 14 de maio, mentres que o 6 de xuño terá lugar unha ruta nocturna polos montes de Valadares. Esta última tamén ten un cupo de 165 prazas e desenvolverase en horario de 20:30 a 01:00 h.

Ademais, as sete hortas urbanas municipais poderán comezar a sementarse a partir 6 de abril, con bancais situados en Navia, Camelias, Pedro Alvarado, Fontáns, Ramón Nieto e Sardomela. As persoas interesadas xa poden formalizar a súa inscrición nos cursos de iniciación ás hortas urbanas na páxina web www.vigonature.es e no 010.

Por último, o programa de voluntariado medioambiental manterá a súa actividade habitual centrada na intervención nos espazos verdes da cidade, a conservación dos sendeiros locais e o acompañamento de cans na protectora de A Madroa.

MIRADOIROS DE VIGO E SUR DE PONTEVEDRA
Todas con convocatoria convocatoria ás 8:30 h

  • 12 abril – Miradoiros de Vigo (O Maruxento – Maúxo Grande – Alto da Bandeira)
  • 19 abril – Miradoiros de Redondela (Fenteira e Coto da Aguia)
  • 26 abril – Miradoiros de Porriño (Faro Budiño) e de Ponteareas (San Cibrao)
  • 3 maio – Miradoiros de Tomiño (Monte Tetón) e de Gondomar (Alto de San Antonino)
  • 10 maio – Miradoiros de Baiona (Alto da Groba) e de Oia (Alto de Corroubelo)
  • 17 maio – Miradoiros de O Rosal (Alto do Niño do Corvo)
  • 24 maio – Miradoiros de A Cañiza (Alto da Paradanta)

XI ANDAINA POLOS MONTES DE VIGO

  • 31 maio – Montes de Zamáns, Beade e Bembrive
    Información adicional dende 14 de maio

RUTA NOCTURNA
Convocatoria ás 20:00

  • 6 xuño – Ruta nocturna polos montes de Valladares