Volve o Galicia Fest cun éxito de Netflix como cabeza de cartel
O Galicia Fest celebra a súa segunda edición os días 26 e 27 de xuño no peirao de transatlánticos de Vigo. A primeira confirmación é La Reina del Flow, unha exitosa telenovela musical colombiana que actuará o venres 26. As entradas para esa xornada e os abonos saen á venda o martes 10 de febreiro ás 12:00 h.

Aínda que con este tempo sexa difícil imaxinalo, o verán chegará e, con el, os festivais de música, que aos poucos van desvelando os seus carteis. Este luns tocoulle ao Galicia Fest, evento de indie e pop en castelán que o pasado agosto celebrou no peirao de transatlánticos de Vigo a súa primeira edición. Foi a chuvia, probablemente, a que fixo adiantar esta segunda edición aos días 26 e 27 de xuño no mesmo espazo.
A primeira confirmación vén desde o outro lado do Atlántico, concretamente desde Colombia. La Reina del Flow é unha exitosa telenovela musical que está a arrasar en Netflix e que vén de estrear a terceira temporada. A telenovela, a máis vista da historia da plataforma, conta cun espectáculo en directo co que están a xirar polo mundo e que o ano pasado xa encheu o Movistar Arena en Madrid. Nel interpretan as cancións propias que aparecen na telenovela, interpretadas polos mesmos actores.
Este concerto será o cabeza de cartel do venres 26. As entradas para esta xornada e os abonos para os dous días están á venda na web do festival desde hoxe, martes 10 de febreiro ás 12:00 h. O prezo das entradas diarias é de 25 € e o do abono de 40 €. A capacidade do recinto é de 6500 persoas por xornada. Nese mesmo lugar, o peirao de transatlánticos, terá lugar tamén o dobre concerto de Leiva unha semana despois, os días 3 e 4 de xullo, para o que as entradas xa están esgotadas.

