Volve o Festival Pequeártiko para inculcar o amor polo teatro nos máis pequenos
Como cada nadal, a sala Ártika, propón un intenso programa de teatro familiar para encher de maneira lúdica as vacacións dos máis pequenos. Nesta nova edición, o festival Pequeártiko propón nove obras diferentes desde o luns 22 ata o mércores 31 de decembro.

Programa completo do festival de teatro para nenos PequeÁrtiko:
Luns 22 de decembro de 2025 ás 18:00h – Os contos do lobicán
“Os contos do Lobicán” é un espectáculo de monicreques musical, en verso, áxil e atrevido, destinado a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos, que busca darlle a volta aos contos clásicos ao tempo que transmite unha mensaxe educativa e valores universais como a amizade, a cooperación, o respecto pola natureza, o pensamento crítico e a importancia da imaxinación.
Martes 23 de decembro ás 18:00h – ¿Cuántas estrellas puedes contar?’
Orihime, a princesa tecelá, atrévese a achegarse ás estrelas e a desvelar os seus secretos, como o fixeron tantas mulleres astronautas, astrónomas, físicas… científicas. Surca da man dunha preciosa lenda xaponesa a noite estrelada para descubrir os segredos que agocha o universo xunto aos monicreques e a música en directo
Mércores 24 de decembro ás 12:00h – O libro da selva
Este musical toma como punto de partida a obra clásica de Rudyard Kipling, reinterpretándoa nun contexto contemporáneo e adaptado ao público galego. A historia mantén a súa esencia universal, pero reformúlase para incluír temas e valores que resoan coas audiencias actuais: a diversidade cultural, a cooperación interxeracional e a sustentabilidade ambiental.
Venres 26 de decembro ás 16:30h – Pañuelos
En Pañuelos, daremos un paseo polas distintas estacións do ano. Unha bolboreta acompañaranos nesta viaxe pola natureza e unha árbore coas súas ramas de cores e olores, encherá de sensacións e emocións. Un espectáculo para que os bebés gocen dun mundo sensorial, cheo de sorpresas e interacción con diferentes paisaxes que a natureza e os panos amósannos.
Sábado 27 de decembro ás 18:00h – Moby Dick
Un mozo chamado Ismael decide embarcarse nunha aventura mariña. A bordo dun barco ballenero vivirá perigos, emocións e encontros insólitos mentres coñece a figura obsesiva do capitán Ahab e persegue ao mítico cachalote branco, Moby Dick. Nesta versión para público familiar, a historia inspírase no texto orixinal de Herman Melville pero conta cunha posta en escena visual e case sen palabras, onde un enorme títere articulado de tres metros (o gran cachalote) cobra vida sobre un triciclo escénico que percorre espazos e imaxinarios.
Domingo 28 de decembro ás 18:00h – Katia the cat
Katia the Cat é unha gata detective privada que vive no Mundo Gato, concretamente na cidade de Catburgo. Unha mañá, a cidade esperta conmocionada pola desaparición das “Gemas do Poder” do Templo das deusas gato Panterian e Florai. Con axuda do seu fiel asistente Ramón Pumita, Katia deberá iniciar unha investigación chea de acción, intelixencia e toques de humor para salvar a súa cidade.
Luns 29 de decembro ás 18:00h – Ñam Ñam
Un humilde puchero de garavanzos vai cambiando de dono a través de trampas, mentiras e enganos. Cada personaxe, movido pola gula, a avaricia ou a necesidade, tenta facerse co cobizado tesouro culinario. Inspirada nas novelas picarescas e nos entremeses do teatro breve español dos séculos XVI e XVII, Ñam Ñam compón unha galería de personaxes bufonescos e cheos de retranca.
Martes 30 de decembro ás 18:00h – Bipedestrucción
Dous seres que chegan dun universo descoñecido abúrrense de camiñar sobre dous pés. Deciden investigar como se move un corpo na Terra, entre a dúbida e a posibilidade. Bipedestrución é unha danza alieníxena, monstruosa e absurdamente reivindicativa que se pregunta: quen somos? que queremos ser? A única forma de seguir camiñando neste planeta será apoiándonos nas amizades, nos coidados e na comunidade.
Mércores 31 de decembro ás 12:00h – A historia do coelliño
Nun día soleado, o coelliño branco sae da casa para ir á horta buscar coles coas que preparar un caldiño. Ao regresar, atópase coa súa porta pechada: unha cabra cabresa apoderouse da súa casa e ameázao con saltarlle enriba da cabeza se non marcha. Comeza así unha fermosa viaxe escénica na que o coelliño busca axuda para recuperar o seu fogar. A historia desenvolve un relato clásico no que o animal máis pequeno debe enfrontarse a un máis grande, pero cun xiro que destaca a importancia do apoio mutuo e da valentía, grazas á intervención da formiga.
Entradas xa á venda a prezo reducido na web da sala Ártika.


