Volve Cinema a Pedal, o festival onde o público alimenta o proxector coas súas pedaladas
O festival celebrarase os días 11 e 12 de xullo ao aire libre no Esteiro da Foz, cunha presentación previa o día 10 nos cines recentemente rehabilitados de A Ramallosa. A cita é gratuíta, ao aire libre e accesible para persoas de todas as idades.

Cinema a Pedal regresa a Nigrán cunha nova edición de cine, deporte, medioambiente e participación cidadá. A cuarta edición do festival desenvolverase os días 11 e 12 de xullo ao aire libre no Esteiro da Foz da Ramallosa, cunha programación pensada para todos os públicos, onde o cine se alimenta, literalmente, da enerxía xerada polo público ao pedalear. Como novidade, este ano o evento abrirá cunha presentación o día 10 nos cines recentemente rehabilitados de A Ramallosa, un espazo histórico que se reabre á vida cultural da vila. Durante esta xornada inaugural, o público poderá asistir á proxección dunha curtametraxe sorpresa e desfrutar dun petisco saudable, nun acto simbólico que convida a recuperar a memoria colectiva e celebrar o cine como punto de encontro.
O venres 11, a programación comeza coa presenza de Anxo Moure e a súa máxica Cinecleta, Cóntame un cine, un espectáculo para toda a familia que mestura narración oral, pedaladas e emoción. A continuación, representarase Moby Dick, unha función escénica da compañía Pedras de Cartón protagonizada por un monicreque xigante de tres metros, inspirada na novela de Melville. A noite rematará coa proxección de À Bicyclette! (Francia, 2024), unha road movie cargada de humor e emoción que se estrea en Galicia.

O sábado 12 comezará cunha actividade que combina cinema, territorio e bicicleta: o Bici-Roteiro Un Nigrán de Cine, un percorrido guiado xunto co equipo de Biking Vigo polos escenarios máis emblemáticos de A praia dos afogados, película dirixida por Gerardo Herrero e baseada na novela de Domingo Villar. Ademais de visitar estes lugares de rodaxe, o roteiro incluirá paradas interpretativas para coñecer a riqueza cultural e paisaxística da comarca. A ruta rematará no Esteiro da Foz, onde Antonio Pino amosará unha pequena colección de réplicas de bicicletas de cine. A actividade é gratuíta e as prazas son limitadas, polo que cómpre inscrición previa a través de info@cinemaapedal.gal .

A continuación (ás 20:00 h), a compañía Pablísimo presentará Cabicivai, un espectáculo sobre rodas protagonizado por unha bicicleta, un Kamishibai e tres caixóns cheos de sorpresas. A xornada culminará coa proxección do documental África en Cinecicleta (España, 2019), coa presenza das súas protagonistas, Isabel Segura e Carmelo López, que contarán como percorreron 18.000 km por África levando o cinema a lugares sen acceso á electricidade. O festival complétase cunha serie de accións paralelas que fomentan hábitos sostibles: un espazo de troco de roupa a cargo da organización ecoloxista Amigas da Terra, un punto de recollida de bicicletas para a iniciativa Bicis polo mundo de Recycling, e un ecomercado con alimentación saudable e produtos locais, orientado ao benestar das persoas asistentes e á sensibilización ambiental.
Cinema a Pedal é unha proposta cultural singular impulsada polo Concello de Nigrán, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o programa Culturea. O festival convida a repensar os eventos culturais desde unha perspectiva sostible, inclusiva e participativa. A cita é gratuíta, ao aire libre e accesible para persoas de todas as idades.
