Viva Vigo, tamén en Castrelos?

Ata en dez ocasións tocaron os Siniestro Total no auditorio de Castrelos, algo impensable para calquera grupo vigués da actualidade. Cada verán, o alcalde, Abel Caballero, sobe ao escenario antes dos concertos ao grito de «viva Vigo» mentres entre o público cada vez soa con máis forza a mesma pregunta: onde están os grupos de aquí?

A primeira vez que o daquela trío formado por Julián Hernández, Miguel Costas e Alberto Torrado subiu ao palco da «Finca da Marquesa» foi en 1984, cando lle tocou compartir escenario con Golpes Bajos, a banda liderada polo seu excompañeiro Germán Copinni: «Respirábase unha rivalidade propia dun partido do Betis contra o Sevilla», explicou tempo despois o guitarrista de Golpes, Pablo Novoa. Nos dous anos seguintes Siniestro repetiu no auditorio vigués, na mesma noite que os seus amigos de Os Resentidos, cos que volverían coincidir en 2012 no que foi o último concerto de Siniestro Total en Castrelos.

CASTELAO

A pesar dos rumores, non houbo acordo e o desexado derradeiro concerto da banda antes da súa disolución non conseguiu sumarse á programación do Vigo en Festas de 2022. Para desgusto dos seguidores, a despedida do grupo vigués celebrouse nun dobre concerto no WiZink Center de Madrid, onde reuniron entre as dúas xornadas a 30.000 persoas (moitas chegadas desde a cidade olívica). No libro de recente publicación ¡Esas palmas, coño! Memorias supervivientes de un Siniestro Total, Miguel Costas afirma en varias pasaxes que non se entende que a despedida da banda non fose na cidade que a viu nacer, en concreto no escenario que tan bos recordos lles regalara.

Javier Soto e Julián Hernández, no concerto final de Siniestro Total | P. Vázquez

Siniestro non foi o único grupo da época en coroar o parque. Bandas como Averno, Batallón Disciplinario, El Acto, Voces de Ultratumba, Las Termitas, Mañana Examen o Los Zuecos (por nomear algúns) subiron nos oitenta ao escenario de Castrelos. Concretamente, en 1985 quince grupos de Vigo actuaron alí, o triplo que en toda a última década. De feito, algúns dos compoñentes de Aerolíneas Federales confesaban en 1984 ao Faro de Vigo: «Somos sempre os mesmos» e suxerían que «sería mellor traer xente nova e non repetirse tanto».

A realidade é que mentres nos oitenta eran moitos os grupos vigueses que actuaban en Castrelos, a tendencia foi á baixa nas seguintes décadas ata chegar case a desaparecer da programación nos últimos anos. Alén do tradicional concerto da Coral Casablanca, que actúa cada verán desde 2007, na última década os únicos vigueses que tiveron a honra de subir ao cobizado palco municipal foron a banda de metal Aphonnic (como abreconcertos de Anthrax en 2016), Wöyza (que actuou antes de Hijos de la Ruina en 2022), Groove Amigos (encargados de quecer o ambiente antes da chegada de David Guetta en 2023) e Sen Senra (que actuou en solitario en 2024).

Carlos Núñez | P. Vázquez

Esta anomalía xera cada verán o mesmo debate na cidade, que se pregunta onde están os artistas locais. Carlos Núñez, un dos músicos vigueses con máis proxección a nivel internacional, criticaba nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia en 2018 que o consistorio vigués gastase medio millón de euros na actuación dos mexicanos Maná e tan pouco en música galega: «Estanse a pagar con diñeiro público músicas comerciais e mainstream que por natureza deberían sustentarse como o fan no resto do mundo, a billeteira, grazas ao xenuíno apoio do seu público». A través dunha publicación nas súas redes sociais, esgrimía que os músicos locais tiñan moi complicado competir nesta situación e, para explicalo, poñía o seguinte exemplo: «Se un Concello se pon a regalar burguers na porta dos locais que venden produtos do país, por moi bos que sexan os produtos locais, os agricultores, gandeiros, viticultores… acabarían pechando». Malia as numerosas críticas do sector, o orzamento destinado desde o Concello aos macroconcertos de artistas nacionais e internacionais seguiu aumentando, ata o punto de chegar a pagar case un millón de euros pola actuación de David Guetta en 2023.

Iván Ferreiro en 2018 | P. Vázquez

Contra todo prognóstico, este verán son tres os grupos vigueses anunciados por Abel Caballero para os concertos de Castrelos: Iván Ferreiro actuará o sábado 15 de agosto, mentres que Fillas de Cassandra e Eladio y los Seres Queridos compartirán escenario ao día seguinte, noticia que foi ben recibida tanto polos grupos escollidos como pola escena musical local. Desde a plataforma Grupos de Vigo en Loita celebran a nova e, aínda que cren que se cede a unha «presión histórica», sinalan que a contratación destas bandas para as festas estivais responde ao bo momento que vive a música galega en xeral e a viguesa en particular: «É inevitable acabar levando este tipo de bandas porque están soando moito. Pero a cuestión está en darlles espazo a outros grupos que moven menos xente, pero que poden beneficiarse moito da presenza neste tipo de escenarios», explica Jacobo Mouriño, voceiro da plataforma.

Nesa mesma liña, Iván Ferreiro sinala: «O tecido musical de Vigo nos oitenta era moi rico, igual que o é agora. Pero naquel momento ese tecido estaba máis exposto, víase máis, coñeciámolo máis, precisamente porque o viamos en Castrelos. É necesario pórlle diante á cidadanía todo o talento que temos». Ferreiro, que este 2026 tocará por cuarta vez en Castrelos, recorda ser testemuña daquela actuación de Siniestro Total e Golpes Bajos de 1984; era o seu primeiro concerto e chegou alí grazas á súa veciña Sonia: «Saín de alí absolutamente alucinado. Despois dese viñeron moitos máis. Recordo volver ver a Golpes Bajos e xa saber todas as letras das súas cancións, ou a El Último de la Fila coa xira Como la cabeza al sombrero. Castrelos provocou en min a paixón que teño por tocar, estar no escenario e desfrutar da música».

Eladio Santos en 2021 | P. Cermeño

Sen dúbida, este auditorio ten para os vigueses algo que transcende o musical. Eladio Santos, líder de Eladio y los Seres Queridos, recorda que cando el era un rapaz estas actuacións eran un acontecemento social: «Eu son veciño da Dobrada e recordo que baixabamos todos xuntos camiñando; daba igual quen actuase, incluso os espectáculos de monicreques estaban cheos de xente. Iso agora non pasa». Como explica Santos, nos últimos tempos a oferta cultural multiplicouse, tanto en Vigo como na bisbarra, e a industria musical viviu unha intensa transformación que multiplicou o número de proxectos musicais aos que, a través de Internet, temos acceso sen necesidade de compartir localización xeográfica.

Pese aos cambios, as novas xeracións seguen a percibir a maxia do auditorio vigués. Para Sara Faro, a metade de Fillas de Cassandra, Castrelos «é un punto de encontro anual no que celebramos a chegada do verán e que está moi ligado á nosa historia persoal de descubrimento da música». Sara recorda con especial agarimo ver a Carlos Núñez xunto á súa nai en 2008: «Para min foi moi importante ver que un gaiteiro era capaz de encher o auditorio de público». A viguesa amósase encantada de ter a oportunidade de actuar, por fin, nese mesmo palco: «Era algo que levabamos tempo proxectando e por fin se fai realidade. É unha forma de devolverlle á cidade todo o que nos deu».

María SOA e Sara Faro, nun concerto de Fillas de Cassandra | L. Alonso

Tanto a integrante de Fillas de Cassandra como Iván Ferreiro coinciden en que a cidade debe ser habitada e ocupada pola propia cidadanía e por iso, tendo un escenario como este, parécelles inxusto que os grupos locais non o poidan empregar. Ter un poder de convocatoria superior ás 15.000 persoas e un alto seguimento nas redes sociais son algúns dos criterios que o Concello esixe á hora de elaborar a programación de verán. Desde Grupos de Vigo en Loita amósanse escépticos con estes requisitos: «Nin a Coral Casablanca, nin as óperas, nin os espectáculos infantís reúnen esa cantidade de público e non por iso se deixan de programar», argumentan.

GOZO FEST

A plataforma leva anos solicitando que se lles volva dar ás bandas locais a opción de actuar como abreconcertos, unha práctica que foi bastante habitual nos noventa e a comezos dos anos 2000 e que Abel Caballero practicamente dinamitou porque, segundo el mesmo ten afirmado, o formato das grandes xiras é incompatible con estas actuacións previas. Neste argumento coincide con matices o excompoñente de Piratas: «É verdade que cada vez máis artistas levan escenarios moi grandes e montaxes con luces e pantallas que o complican. Pero penso que, se hai interese, pode facerse un esforzo para solucionalo».

Abel Caballero exercendo de abreconcertos en Castrelos | P. Vázquez

Para Grupos de Vigo en Loita este argumento queda desacreditado ao programarse nunha mesma noite a actuación de tres grupos, como acontece o 16 de agosto, cando Fillas de Cassandra compartirán escenario cos xa amentados Eladio y los Seres Queridos e con The Rapants. Sara Faro móstrase optimista con este formato: «Estamos tres grupos unidos, aí, en prol dun obxectivo común. Quizais esa é unha das solucións». Eladio Santos concorda, pero amosa o seu escepticismo: «O outro día, nunha publicación en redes na que se anunciaba este concerto, había quen comentaba: “E os grupos de Vigo que?”. É dicir, hai moita xente que pide que actuemos os grupos locais e logo non nos vai ver porque non ten idea de quen somos. Temos suficiente talento na cidade para dedicar un día ao rock, ao heavy, ao folk…, pero non estou seguro de como funcionaría. Hai que asumilo: hoxe en día Castrelos énchese se traes a Melendi ou cousas así».

Os próximos 15 e 16 de agosto, temos a oportunidade de tomar partido e enchermos de orgullo vigués o recinto municipal. E se non, xa sabedes: «Menos mal que nos queda Portugal».

Iván Ferreiro: «Castrelos provocou en min a paixón que teño por tocar»

Concertos en Castrelos: 1992 e 1999 (con Los Piratas), e 2011 (en solitario).

Recordo: Golpes Bajos en 1985.

Eladio Santos: «Hai moita xente que pide que actuemos os grupos locais e logo non nos vén ver»

Concertos en Castrelos: 2002 (con Starluxe) e 2011 (con Eladio y los Seres Queridos). O de 2026 será o terceiro.

Recordo: Leonard Cohen en 2009

Sara Faro: «Para min foi importante ver que un gaiteiro enchía o auditorio»

Concertos en Castrelos: primeiro concerto este 2026.

Recordo: Carlos Núñez en 2008.

Ilustracións: Denis Carballás

The following two tabs change content below.

Tamara Novoa

A súa curiosidade fixo que estudase xornalismo. Agora ten unha boa escusa para preguntar (case) todo o que quere. Sempre lle interesaron os movementos cidadáns e entende que os medios de comunicación deben cumprir un labor social. No 2018 cofundou A Movida co obxectivo de contribuír a un Vigo culturalmente máis activo.