Viva Suecia, Fillas de Cassandra e Arizona Baby esta fin de semana en Vigo e arredores
Fin de semana musical en Vigo e arredores. Romarías, grandes concertos, blues, jazz, rock, piano e festas populares comparten protagonismo. Preme no título de cada evento para obter máis información. Consulta a axenda da Movida para ver todos os eventos desta fin de semana en Vigo.

ROMARÍA DE SAN ROQUE – De venres a domingo na Finca de San Roque – De balde
A romaría urbana máis antiga de Galicia, con orixes que se remontan ao século XVI. Recupera durante varios días o espírito das antigas romarías, combinando devoción e tradición popular con concertos, verbenas, gastronomía, artesanía e encontros ao aire libre. O sábado actúan Tona, Bafana Bafana e Familia Caamagno.
FINAL CONCURSO INTERNACIONAL DE PIANO – Venres ás 19:30 h no Auditorio Mar de Vigo – Desde 11,75 €
A décima edición do concurso culmina o 14 de agosto cunha gran final no Auditorio Mar de Vigo, na que os tres finalistas actuarán acompañados pola Orquestra Sinfónica de Galicia. As entradas poden adquirirse na plataforma teuticket.
CONCERTO DE LÄCÓN SÏIN JRËLOS – Venres ás 21:00h – De balde
A banda de postpunk con letras en galego actúa o venres dentro do ciclo Curiosidades Solita, un ciclo de concertos en formato pequeno que busca dinamizar e poñer en valor o enclave histórico de Villa Solita.

CONCERTO DE VIVA SUECIA – Venres ás 22:00 h no auditorio de Castrelos – De balde
Viva Suecia é cabeza de cartel nos principais festivais do país e conta cunha lexión de fans que levaron o seu cuarto álbum, El amor de la clase que sea a acadar, ao número 1 en vendas e o Disco de Platino en España. autores de temas como “Todo lo que importa”, “Hablar de nada” ou “Sangre”.
FESTA DO MOTOR – Sábado no Torreiro de Beade – De balde
Beade estrea unha xornada dedicada ao mundo do motor cunha concentración pensada para afeccionados aos coches e ás motos. A cita reunirá vehículos de competición, coches e motos clásicas nunha exposición aberta ao público, acompañada doutras actividades ao longo do día como sorteos, poxas, comida e baile.
FESTIVAL NIGRÁN BLUES – Sábado ás 19:00h no Playa Club de Praia América – De balde
Terceira edición do festival internacionbal de blues no que actuarán a banda inglesa Mitch Laddie Band, a portuguesa Nico&The Blue Birds, a cubano-galega Layuca e a galega The Triplets.
CONCERTO DE IVÁN FERREIRO – Sábado ás 22:00 h no Auditorio de Castrelos – De balde
Cantante e compositor de Nigrán, exmembro da banda Los Piratas e autor de grandes éxitos como “Turnedo”, “Años 80” e “El equilibrio es imposible”. Chega a Castrelos coa xira ‘Hoy por ayer’, na que celebra 35 anos sobre o escenario e na que interpreta as súas mellores cancións desde Piratas ata a actualidade.
FESTIVAL CANJAZZ – De domingo a mércores en Cangas
Esta edición do festival incorpora dúas sesións vermú, unha banda residente para as jam sessions e presenta un cartel que combina figuras consagradas do jazz internacional coa oportunidade de descubrir algunhas das voces máis prometedoras da actualidade.

TARDES NA SOLAINA: ARIZONA BABY – Domingo ás 19:30h no Malabar Pénjamo de Patos – 17,60 €
Arizona Baby é unha banda de rock de Valladolid formada en 2003, integrada por Javier Vielba, Rubén Marrón e Guillermo Aragón. A súa música combina rock acústico, indie folk e influencias do rock americano.
Aposta pola música galega co triple concerto de The Rapants, Fillas de Cassandra e Eladio y los Seres Queridos en Castrelos. As dúas primeiras son probablemente as banda en galego que máis medraron nos últimos anos, acadando unha popularidade impensable hai pouco tempo. O concerto encádrase dentro de Fnac Live, un ciclo de concertos que a famosa marca realiza en cidades como París, Lisboa, Barcelona ou Madrid.


