Villa Idalina, historia que se viste
Unha camisa estampada, un caderno artesán, unha teteira e un colar teñen, desde este mes, unha orixe común: Villa Idalina. Este palacete, situado na aldea portuguesa de Caminha, está rexentado por unha parella galega que acaba de crear unha colección de roupa e complementos inspirados na historia do edificio que conta coa colaboración dunha ducia de artesáns de ambos os lados da raia.

Localizado en Seixas (Portugal), Villa Idalina é un maxestoso palacete construído en 1911 por Joaquim dos Anjos Costa, inspirado polo seu amor Idalina. Destaca polo seu excepcional estado de conservación, grazas ao traballo meticuloso e incansable de Susana e Andrés, e por manter elementos orixinais como estucos, chans e mobles. Villa Idalina ofrece aloxamento en seis estancias, decoradas con mobiliario e adornos do século pasado, que permiten a quen a visita sentirse nunha cápsula do tempo.


Cada cuarto pódese alugar individualmente e inclúe un almorzo con produtos locais e da horta. Ademais do aloxamento, pódese gozar dunha experiencia de brunch con especialidades caseiras no elegante comedor do pazo, precedido dun paseo polos xardíns e interiores do edificio, no que se percorren os despachos, a sala de billar, os salóns sociais e a bodega. Durante os meses de verán tamén ofrecen a posibilidade de desfrutar dunha merenda privada, tipo pícnic, no alto da distintiva torre do edificio.

De volta á colección que acaban de poñer á venda, trátase dunha escolma de pezas de artesanía moi exclusivas, pois só existen uns poucos exemplares de cada deseño. As flores do xardín, especialmente as camelias, as favoritas de Lolita, avoa do actual dono, foron convertidas pola ilustradora Anaïs en teas estampadas rosas, verdes e azuis que as mans de Laura Senses transformaron en camisas vaqueiras e as de Didi en vestidos estivais, bolsas con volantes e camisolas. A vexetación tamén está presente nos cadernos da Flor do Vale, unha novísima artista do sur de Portugal que, pese a que nunca estivo físicamente no palacete, soubo plasmar a súa esencia nunha colección de cadernos con frases, azulexos e flores na capa e cuxo papel artesanal contén flores e follas de Villa Idalina.
As flores tamén forman parte da exclusiva vaixela pintada á man polo obradoiro familiar portugués Atelier O2. Pola súa banda, a ourive galega Lia B inspirouse nas espirais da escaleira da torre e as balaustradas para crear un deseño enroscado, protagonista dunha serie limitada de aneis, pendentes e colgantes. Todas estas exclusivas pezas de artesanía pódense adquirir na web ou achegándose ao propio aloxamento.






Lugar: Largo de São Bento, 4910-348 (Caminha, Portugal)
Distancia desde Vigo: 55 km
Prezo: 80,00 € (brunch para dúas persoas)
Arredores que visitar: Caminha, miradoiro do Sino dos Mouros, monte de Santa Trega, praia de Moledo, Vila Nova de Cerveira…
Información e reservas: 639 15 49 01 | villaidalina.com | @villaidalina
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Villa Idalina, historia que se viste - 4 Xuño, 2025
- A Panadaría baixa o pano do seu forno teatral - 3 Xuño, 2025
- Branca Trigo: «A Residencia Mariñán permitiume sentirme poeta e non autónoma» - 29 Maio, 2025
- O Marisquiño celebra o seu 25 aniversario co concerto de Villano Antillano e un escenario 100% feminino - 29 Maio, 2025
- A Residenca Deleite Literario ofrece 3.000 € a un autor galego - 26 Maio, 2025