Vigocultura, ‘Somos criminais’, Desafío Boot Camp e Eladio y los Seres Queridos esta fin de semana en Vigo

Esta fin de semana en Vigo temos o concerto do vinte aniversario da banda local Eladio y los Seres Queridos, comeza a programación teatral de Vigocultura e Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco poñen punto e final a súa saga ‘Somos criminais’. Preme no título de cada evento para máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana na cidade, entra na axenda d’A Movida.

Superglú

CONXEMAR FEST FISH & HITS + CONXEMAR TAPAS – Toda a fin de semana en varios puntos da cidade – De balde

Conxemar celebra unha nova edición do seu concurso de artistas emerxentes. Os artistas finalistas que actuarán o 3 de outubro ás 19:00 h na Porta do Sol no marco do Conxemar Fest Fish & Hits, son Mal Finde (Vigo), Superglú (Ferrol) e Amparo (Vigo). Así mesmo e tras o éxito acadado na primeira, chega a Vigo a segunda edición de Conxemar Tapas, unha ruta gastronómica onde os protagonistas son o peixe e o marisco conxelado. Entre o 3 e o 26 de outubro, unha trintena de locais do Casco Vello e da Zona Náutico preparan unha tapa (cada un) certamente creativa.

VIGOCULTURA – Venres e sábado ás 20:00 h na rúa do Príncipe – De balde

O programa de Vigocultura arranca cos dous espectáculos que se celebrarán na rúa e que serven como presentación deste ciclo de artes escénicas. O venres 3 de outubro, a partir das 20:00 h, a rúa do Príncipe e a Porta do Sol serán escenarios de Pilots, un espectáculo de pasarrúas, circo e cultura, de A Finestra Nou Circ. Acto seguido, o día seguinte á mesma hora, está programado A viaxe imposible. Tributo a Julio Verne, un espectáculo de Pablo Méndez Performance.

FURIOSA FEST – Venres e sábado a varias horas na Sala Kominsky – Desde 12,00 €

Os días 3 e 4 de outubro, a Sala Kominsky acolle unha nova edición do Furiosa Fest, o festival vigués de música electrónica. Nesta ocasión, o evento aposta por un concepto que rende homenaxe ao vinilo: obxecto de culto, soporte ideolóxico e símbolo da electrónica na súa forma máis pura. Serán dous días de programación selecta en Vigo, entre escoita activa, directos e DJ sets a vinilo, con figuras clave da escena local e nacional.

ELADIO Y LOS SERES QUERIDOS – Venres ás 21:00 h no Teatro Afundación – Entradas esgotadas

Eladio y los Seres Queridos celebran o seu vixésimo aniversario cun concerto no Teatro Afundación, acompañados polos artistas convidados Gala Santos, Pucho (Vetusta Morla), Sara Faro (Fillas de Cassandra) e Vega. Ademais, presentan un novo álbum, B.S.O. 2005 – 2025, en directo. Unha das bandas máis prolíficas e estables do panorama musical nacional, colga o cartel de sold out na cidade olívica, demostrando que souberon tocar o corazón de varias xeracións que continúan vinculadas co proxecto.

THE WAIT – Venres ás 22:30 h na Sala MasterClub – Desde 8,00 €

A banda viguesa The Wait, formada por Fernando Vázquez (baixo e voz), David Rodríguez (guitarra), José Lores (teclados) e Álvaro Caramés (batería), prepárase para un momento clave na súa carreira: a presentación en directo do seu primeiro traballo de estudio, un EP titulado A Drift. O concerto terá lugar o vindeiro 3 de octubre, na Sala MasterClub. A Drift é unha colección de seis temas que amosan toda a sonoridade de The Wait, psicodelia a baixas revolucións que conecta coa esencia do rock progresivo dos anos setenta e a enerxía grunge dos noventa.

PAUL BENJAMAN BAND + PAUL VAL BAND – Venres ás 22:30 h na Sala Rebullón – Desde 18,00 €

A Sala Rebullón organiza dous concertos de dúas bandas norteamericanas, Paul Benjaman Band e Paul Val Band. Unha noite única de música con calidade brutal, onde o blues, o rock e o groove se mesturan para facer vibrar ata o último recuncho da Rebullón. Un evento irrepetible para os amantes da boa música en directo.

SOMOS CRIMINAIS – Sábado ás 20:30 h e domingo ás 18:00 h no Mar de Vigo – Desde 16,75 €

Falta pouco máis dunha hora para o fin do mundo. En Galicia, unha nave, a Arteixo II, está a piques de despegar cuns poucos elixidos a bordo en dirección a un planeta onde empezarán unha nova vida. Os capitáns da nave, Carlos Blanco e Touriñán, son os encargados de que a evacuación leve a cabo con éxito e meter nesta Arca de Noé galega todo o noso patrimonio humano, material e inmaterial máis prezado, para que a nova terra á que emigraremos siga sendo criminal.

VIGO PSYCH FEST – Sábado ás 21:30 h na Sala MasterClub – Desde 20,00 €

O Vigo Psych Fest volve este outono á cidade para facer as delicias dos amantes do stoner, do rock psicodélico e do doom metal, xéneros que quizais non son maioritarios pero que gozan dun nutrido número de seguidores. Desde Espazo Underground, os organizadores do festival, traballan todo o ano con bandas independentes realizando xiras por toda a península. Esta nova edición conta con tres xornadas divididas en dúas fins de semana, todas elas na sala Masterclub. O 4 de outubro terá lugar o Pre Fest coas actuacións dos galegos Moura e os portugueses Sulfur Giant.

DESAFÍO BOOT CAMP – Domingo de 10:00 a 13:00 h na Praia de Samil – Varios prezos

O domingo 5 de outubro celebrarase a carreira de obstáculos Desafío Boot Camp, un referente a nivel nacional no mundo OCR. Sete quilómetros de percorrido por area, monte e asfalto nos que 2.000 participantes atoparanse con ata 35 obstáculos. A carreira, aínda que esixente, é para todos os públicos, incluíndo categoría infantil. O 80% dos participantes son populares, grupos de amigos e compañeiros de ximnasio que veñen a pasalo en grande, pero tamén hai un perfil de público semiprofesional que vén a competir porque as quendas Élite puntúan para o campionato do mundo OCR World, o campionato de España AOCO e a liga OCRA Galicia.

TAMARA – Domingo ás 19:00 h no Teatro Afundación – Desde 27,50 €

Única no seu estilo, Tamara cumpre vinte e cinco anos cunha nova xira e cun formato íntimo no que conecta co público dunha forma próxima e emocionante. En Piano y voz, Tamara interpreta os seus grandes éxitos poñendo o protagonismo na súa voz intimidante, sen artificios, acompañada unicamente do seu inseparable piano. Tamén haberá espazo para versións moi especiais como as que acaba de estrear en homenaxe a Manuel Alejandro e Rocío Jurado e presentará en directo algún dos seus novos temas estreados para esta xira dentro do seu novo álbum de aniversario. Unha posta en escena impecable, envolvente e que atravesa ao espectador desde os primeiros acordes.