Vigo terá por fin a Biblioteca do Estado que leva quince anos esperando

Despois de máis dunha década de adiamentos, desencontros institucionais e expectativas frustradas, Vigo está un pouco máis preto de contar coa Biblioteca do Estado que leva anos reclamando. A visita conxunta este 17 de xullo do conselleiro de Cultura da Xunta e o ministro de Cultura á parcela onde se levantará o novo edificio supón un paso significativo nun proceso que acumula anos de atrasos.

Biblioteca Juan Compañel | Foto: Pablo Vázquez

Tras máis de quince anos de falta de coordinación institucional, Vigo dá un paso cara á creación da Biblioteca do Estado que tanto precisa. A visita do ministro de Cultura, Ernest Urtasun, e do conselleiro de cultura da Xunta, José López Campos, ao solar onde se construirá a infraestrutura invita á esperanza nunha cidade que segue á cola de España en número e dimensión das súas bibliotecas públicas.

Segundo anunciou onte o ministro de Cultura, o Goberno central licitará en 2026 o proxecto da Biblioteca do Estado en Vigo, un trámite imprescindible para iniciar a construción. A futura biblioteca contará cunha superficie de 8.000 m² , moi por riba dos 3.000 m² da actual Biblioteca Pública Juan Compañel. Por iso, desde o goberno autonómico afirman que “está chamado a ser un dos grandes equipamentos culturais de Galicia, xunto co Teatro Cine Fraga, tamén en Vigo”.

O edificio estará ubicado na rúa Lalín, nun terreo xunto aos antigos xulgados que o Concello de Vigo cederá nas próximas semanas. A Xunta de Galicia tamén forma parte do acordo e será a encargada de xestionar a nova infraestructura. Actualmente, o goberno autonómico está á fronte da Biblioteca Juan Compañel, que desaparecerá no momento en que a da rúa Lalín estea en funcionamento, trasladando os seus fondos e persoal á nova instalación. Polo momento, o goberno municipal (propietario do edificio) non aclarou se manterá o uso do inmoble como biblioteca ou quedará vacío, o que deixaría orfo de bibliotecas o centro da cidade.

Tal e como argumentamos neste artigo do mes de marzo, Vigo é unha das cidades de España con menos bibliotecas públicas e presenta unha situación especialmente grave neste ámbito. Cunha poboación que supera os 295.000 habitantes, a cidade conta só con dúas bibliotecas públicas —a municipal Xosé Neira Vilas, de xestión municipal, e a mencionada Juan Compañel—. Isto choca frontalmente coas indicacións feitas polo Ministerio de Cultura no documento Sistemas urbanos de bibliotecas, que recomenda unha por cada 15.000 habitantes e a menos de vinte minutos do lugar de residencia. Non hai que saír de Galicia para abochornarnos coas comparacións: A Coruña, con 250.000 habitantes, goza de oito municipais , unha provincial e outra autonómica; Redondela, con menos de 30.000 habitantes, ten dúas bibliotecas municipais e Cangas, con 27.000, ten catro.

Cronoloxía da Biblioteca do Estado:

2010 – Comeza a falarse formalmente do proxecto cando o Ministerio de Cultura promete a construción dunha Biblioteca Estatal en Vigo. A parcela na rúa Lalín chegou a ser cedida polo Concello á Dirección Xeral do Patrimonio do Estado, pero durante anos o expediente quedou paralizado.

2017- O Goberno central anula a cesión do terreo ao considerar que a parcela non cumpre cos requisitos. A partir dese momento, as administracións comezan a lanzarse reproches mutuos: o Concello acusa á Xunta de desinterese, mentres que o Goberno galego reclama un plan de necesidades e un espazo axeitado. Durante anos o tema permanece no limbo político.

2020 – A Xunta de Galicia elabora un plan de necesidades e propón unha biblioteca de entre 6.000 e 8.000 m², rexeitando as propostas previas do Ministerio e do Concello, que contemplaban un edificio de tamaño máis reducido.

2025 – Xunta e Ministerio de Cultura reúnense para poñer data ás seguintes etapas: a cesión definitiva do terreo por parte do Concello, a actualización do proxecto por parte da Xunta, a licitación das obras e a execución material.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.