Vigo súmase á conmemoración do 25 de abril

Este sábado 25 de abril conmemórase a fin da ditadura portuguesa nesa data en 1974. Vigo quere sumarse a esta celebración do país irmán cunha serie de actividades ao longo desta semana. Preme no título de cada actividade para obter máis información.

MÉRCORES 22 | Micro aberto en Vitruvia ás 20:30 h | De balde

MILLO VERDE

Vitruvia acolle unha xornada de poesía que nace como un acto de conciencia e reivindicación. Inspirada polo espírito do 25 de abril de 1974 en Portugal —a Revolución dos Cravos—, esta iniciativa busca celebrar a palabra como ferramenta para facer retroceder o medo e soster a liberdade. Grazas á iniciativa da poeta Cristiana Santos Ribeiro (@bico.de.peixe) e co apoio do Consulado de Portugal en Vigo, o evento convida a entender a poesía compartida como un lugar común onde cada voz atopa o seu sentido. O espazo de Vitruvia ábrese tanto para quen desexe escoitar como para quen queira recitar. Trátase dun micrófono aberto onde a palabra se mide pola súa necesidade e onde participar —traia un poema ou non— responde á mesma intención: nomear a liberdade como forma de mantela viva.

XOVES 23 | Charla de Margarita Ledo no AVCD de Lavadores ás 19:30 h | De balde

Margarita Ledo ofrece unha charla relacionada coa súa experiencia persoal no Portugal daquela altura. A cineasta, escritora e xornalista lucense estivo exiliada dous anos no país luso por causa do seu activismo político, polo que viviu de primeira man o levantamento do 25 de abril. O acto péchase coa interpretación do Grândola por parte do coro Lembranzas Galegas, da Asociación de Lavadores.

VENRES 24 | Concerto de Miguel Calhaz no CC Camões ás 19:00 h | De balde

O Camões – Centro Cultural Português en Vigo, en colaboración co Centro Artístico Cultural e Desportivo Adriano Correia de Oliveira, promove as celebracións do Revolución dos Caraveis, conmemorando tamén os 84 anos do nacemento de Adriano Correia de Oliveira, figura clave da música de intervención en Portugal. A iniciativa terá lugar na sala de eventos do Camões, con comezo ás 19:00 h, e contará coa actuación do cantautor e contrabaixista Miguel Calhaz.

VENRES 24 | Concerto de As Pías e Lorelia na Sala Rebullón ás 22:00 h | Desde 6,00 €

A fin de semana homenaxe ao 25 de Abril comeza co dobre concerto de Lorelia e As Pías, música de raíz que propicia un encontro sonoro entre Galicia e Portugal, reivindicando os valores da liberdade, a memoria, a loita contra o fascismo e a fraternidade entre pobos.

Lorelia representa a nova fornada de música de raíz galega contemporánea, unha proposta na que o repertorio popular se mestura con toque actuais, influencias do folk europeo e unha posta en escena moi coidada. Lorelia reivindica o rural galego como espazo de creación e celebración colectiva. 

Pola súa banda, As Pías son un grupo de música tradicional galega no que destaca a corda e o vento, o baile e a festa. Recuperan seitureiras, foliadas e cantos de romería, que levan ao escenario cunha sonoridade de rúa, directa, participa, convidando a cantar e bailar ao público. Este ano, As Pías teñen xa vinte concertos pechados en Galicia, mostra da proxección e boa acollida do seu espectáculo. 

SÁBADO 25 | Cantada do Grândola, Vila Morena diante do Marco ás 12:00 h | De balde

Diante do museo Marco (un espazo polo que tantos e tantos represaliados polo réxime franquista pasaron cando aínda era un cárcere), ten lugar a popular xuntanza para cantar o Grândola, Vila Morena, coa participación do artista multidisciplinario Nelson Quinteiro. Organizada pola asociación viguesa Memoria, Verdade e Xustiza.

SÁBADO 25 | Cantada do Grândola, Vila Morena na Farola de Príncipe ás 19:30 h | De balde

O mesmo día e practicamente no mesmo lugar hai convocada outra cantada doGrândola, Vila Morena ás 19:30 h da tarde.

SÁBADO 25 | Concerto de MJ Pérez, Bouba e Crua na Sala Rebullón ás 21:00 h | Desde 10,00 €

Seguindo coa fin de semana temática, a Rebullón acolle tres formacións con personalidade e tres actuacións femininas para honrar a relación entre pobos veciños e irmáns: Galicia e Portugal. 

Nacida en Arzúa, MJ Pérez é unha das voces máis recoñecibles da música galega contemporánea. Compositora, cantante, comunicadora e produtora, suma máis de douscentos concertos nos que pasou polos escenarios das principais salas e festivais galegos.  Foi quen de construír un universo sonoro propio no que se atopan a canción de autora, o pop e os ecos da música de raíz en galego.

O proxecto portugués Crua, pola súa banda, está composto por seis mulleres que exploran as músicas de raíz desde unha perspectiva contemporánea e feminista, ligando as melodías tradicionais coas experiencias e sensibilidades das mulleres de hoxe. 

Bouba leva anos recuperando, reivindicando e difundindo a música tradicional galega, en particular a das pandereteiras. Elas poñen o foco nas melodías habitualmente cantadas polas mulleres, voces e cancións convertidas en espazo de memoria e resistencia cultural.