Vigo Psych Fest, un oasis de stoner e rock psicodélico no centro da cidade
O vindeiro sábado 4 de outubro arranca na sala Masterclub a terceira edición do Vigo Psych Fest cos concertos de Moura e Sulfur Giant. O festival está enfocado no stoner, doom e rock psicodélico, xéneros minoritarios pero que gozan de boa acollida na cidade. O evento continuará o venres 10 e sábado 11 no mesmo espazo coas actuacións de Travo, Madmess, Atomic Vulture, The Miffs, Totengott e Mil Homes. Falamos con María Ramil, responsable do festival e da promotora Espazo Underground. Podes mercar aquí o abono para os tres días.

En ocasións acontece que certos xéneros musicais son minoritarios nunha zona e, a poucos quilómetros de distancia, moven a milleiros de persoas. É o caso do stoner (tamén coñecido como desert rock) ou o rock psicodélico. Non son, nin moito menos, os estilos predilectos na nosa cidade, pero ao norte de Portugal (primeiro en Moledo e agora en Vila Praia de Âncora) hai máis dunha década que se vén celebrando o Sonic Blast, un exitoso festival cun cartel internacional de primeiro nivel ao que acoden miles de persoas de distintas partes do mundo e que vai medrando en cada edición.
Fiel seguidora deste festival e deste tipo de músicas é a viguesa María Ramil, persoa ao cargo da promotora Espazo Underground e do Vigo Psych Fest, festival que os días 4, 10 e 11 de outubro celebra a súa terceira edición na Sala Masterclub: “Quería darlle a Vigo unha visión diferente desde o punto de vista musical; quería que se lle dese unha oportunidade a estes estilos”, comenta. Na primeira edición recurriu a artistas de Galicia e Portugal, para ela “un dos países máis importantes de Europa no tocanto ao stoner e psycho, moito máis que España”. Non é un xeito de falar: con Espazo Underground traballa, sobre todo, traendo bandas lusas a Galicia e ao resto de España: “Nestes anos traballei con máis de cincuenta bandas; este mes de outubro teño tres xirando simultaneamente pola península. Moitas salas xa confían nos proxectos que lles presento”, explica.

Malia que poida soar romántico, María asegura que fai isto “só pola música”: “Quero axudar a todas esas bandas nas que creo, músicos excelentes que non teñen a oportunidade que merecen. Eu tamén son música e sei o difícil que é poder pechar un concerto”, di. O seu idilio co país veciño tamén é recíproco: “Recibo moi a miúdo ofertas de bandas portuguesas para que lles bote unha man; creouse un pequeno vínculo entre nós”, resume.
Hai, nesta terceira edición do Vigo Psych Fest, unha aposta importante respecto a anos anteriores: máis días, máis capacidade e máis bandas internacionais: “As dúas primeiras edicións tiveron boa acollida, entón confío en que haxa público para este tipo de músicas”. O feito de alugar a sala máis grande do centro de Vigo corrobora ese presentimento. O criterio de selección é, ademais da calidade dos proxectos, o seu gusto persoal: “Encántame a psicodelia e a música dos setenta, por exemplo Jimi Hendrix”, engade. Teñen cabida grupos que vai descubrindo en festivais, navegando por internet ou propostas que lle chegan ao correo. María séntese especialmente orgullosa do cartel deste ano, con propostas tan distintas e interesantes como os portugueses Travo, Madmess ou Sulfur Giant, as australianas The Miffs, os belgas Atomic Vulture, os asturianos Totengott ou os galegos Moura e Mil Homes.
Existen varias combinacións á hora de mercar as entradas do Vigo Psych Fest:
- Entradas físicas en Discos Elepé
- En liña (preme en cada unha das opcións para acceder a tiqueteira):
Abono tres días: 40 € + GG
Entradas dous días (10 e 11): 32 € + GG
Entrada Pre Fest venres 4: 20 € + GG
Entrada venres 10: 20 € + GG
Entrada sábado 11: 20 € + GG
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O Concello impide a celebración do festival Mar de Galicia a menos de 24 horas da súa celebración - 18 Xullo, 2026
- Novidades musicais locais para escoitar cos pés a remollo - 17 Xullo, 2026
- Sinsal vertebra a súa edición máis ambiciosa a través do Camiño Portugués e o patrimonio industrial - 8 Xullo, 2026
- Os concertos de Castrelos teñen un custo de arredor de tres millóns e medio de euros - 30 Xuño, 2026
- Do bar ao mundial: a evolución imparable do fútbol gaélico en Galicia - 29 Xuño, 2026

