Vigo lembra o Titanic a través da radio e o código Morse

Un evento internacional promovido desde Unión de Radioafeccionados de Vigo-Val Miñor, emitirá un indicativo especial para lembrar o naufraxio do Titanic en 1912 e reivindicar a telegrafía como patrimonio inmaterial da humanidade.

Jack Phillips, xefe de radiotelegrafismo, operando en la sala de radio Marconi do Titanic | Frances Browne

A cidade de Vigo convértese estes días nun inesperado epicentro da memoria histórica e tecnolóxica grazas á iniciativa da Unión de Radioafeccionados de Vigo-Val Miñor, que impulsa o I Memorial Titanic. O evento ten carácter internacional e busca honrar tanto aos pasaxeiro como á tripulación do mítico transatlántico, con especial atención aos seus operadores de radio e telégrafo, Jack Phillips e Harold Bride, protagonistas dunha das noites tráxicas máis lembradas da historia contemporánea.

Desde o 10 ata o 15 de abril, datas que coinciden coa travesía do buque, a Unión de Radioafeccionados de Vigo-Val Miñor contarán cunha estación especial co indicativo especial EG1912T (EG por España, 1912 polo ano do afondamento e T polo nome do buque) á que poden unirse estacións de todo o mundo. Este código, emitido desde Vigo, percorrerá o planeta a través de diferentes frecuencias e modos, desde tecnoloxías dixitais ata o código Morse, o mesmo sistema co que se enviaron as desesperadas chamadas de socorro en 1912. Cada contacto dos radioafeccionados co indicativo EG1912T recibirán unha tarxeta conmemorativa que combina imaxes históricas do transatlántico co estado actual do seu pecio.

A través deste memorial, a organización viguesa quere poñer en valor a importancia da telegrafía, un sistema que que marcou o inicio das comunicacións globais modernas q euq, no caso do Titanic, foi clave na salvación de máis de 700 persoas grazas á insistencia dos telegrafistas Jack Phillips e Harold Bride, quen permaneceron nos seus postos ata practicamente o final e conseguiron que o barco Carpanthia acudise ao rescate. Desde a Unión de Radioafeccionados de Vigo-Val Miñor fan un chamamento a recoñecer a telegrafía como patrimonio cultural inmaterial da humanidade.

O evento acompáñase dun relato orixinal titulado La historia inalámbrica del Titanic, no que se reconstrúen con detalle as horas decisivas vividas na sala Marconi do barco. Este espazo, considerado na súa época unha marabilla tecnolóxica, foi o escenario onde se transmitiron centos de mensaxes, tanto triviais como vitais. O texto afonda nas condicións técnicas, humanas e mesmo nos erros de comunicación que marcaron o destino do buque, ofrecendo unha perspectiva rigorosa e divulgativa.

Ademais, o proxecto complétase cunha páxina web que reúne abundante material divulgativo sobre o Titanic, incluíndo fotografías históricas, cun especial protagonismo da sala Marconi de radiotelecomunicacións e as historias de algúns supervivintes do barco. As fotografías utilizadas neste artigo foron atopadas en dita web.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.