Vigo e San Sebastián únense no Congreso do Mar a través do deporte e a economía
Vigo convértese esta semana, do 8 ao 14 de xuño, na capital internacional da economía azul coa celebración da segunda edición do Congreso do Mar. Este evento, organizado pola empresa viguesa Diesemm en colaboración co Real Club Náutico de Vigo, busca poñer o foco na industria náutica, a innovación, a sustentabilidade e, moi especialmente, no potencial do turismo deportivo.

David Suárez, CEO de Diesemm, sinala que a organización deste congreso supón unha “motivación brutal” debido a que Vigo e Galicia son, esencialmente, mar. Segundo Suárez, “chegou o momento de amosarlle ao mundo a ría de Vigo”, un referente industrial e deportivo, e unir a todos os actores da economía azul para converter as Rías Baixas nun referente internacional. Suárez destaca que o deporte é “unha industria máis” e que o turismo deportivo impacta positivamente no territorio, citando como exemplo a Vigo Sailing Week e as regatas que se celebran estes días.
Un dos pratos fortes do congreso é a participación de Mariaje Torres, directora de Donostia Kultura, quen compartirá a experiencia de San Sebastián na xestión das históricas Regatas da Bandera de la Concha. Con case 140 anos de tradición, esta competición naceu cunha finalidade clara: alargar a tempada turística na cidade e ofrecer un aliciente económico e social en setembro.
Torres define as regatas como un “evento global” que vai moito máis alá do puramente deportivo. Na actualidade, a proba atrae a entre 35.000 e 40.000 persoas durante as dúas fins de semana de competición. Segundo a directora, o impacto na cidade é enorme: “A ocupación hoteleira é elevada, a repercusión na hostalería é clarísima e o comercio e outros moitos sectores vense beneficiados”.

Aínda que mantén elementos tradicionais desde mediados do século pasado (como o percorrido ou o número de traíñas), a Bandera de la Concha soubo evolucionar. Un dos fitos máis importantes foi a incorporación da modalidade feminina no ano 2008, un avance que Torres considera fundamental para a proba.
Alén das cifras, Torres destaca o compoñente emocional e de identidade que xeran as regatas: “A traíña é un traballo en equipo no que todos nos decatamos de que, se remamos xuntos, conseguimos máis que se remamos sos“. Esta “memoria emocional” non pertence só a Donostia, senón que forma parte da cultura marítima do Cantábrico.
A presenza de Mariaje Torres en Vigo non é casual. David Suárez explica que contar coa experiencia da Bandera de la Concha era unha “declaración de intencións”, xa que San Sebastián é un referente en mesturar deporte e economía. Suárez subliña que existe un paralelismo evidente entre o País Vasco e Galicia: “falamos o mesmo idioma” no que respecta á relación co mar e o potencial para liderar o turismo náutico a nivel nacional. O Congreso do Mar continúa en Vigo con máis de cincuenta charlas e trinta actividades, consolidando a idea de que o mar, ademais de paisaxe, é un motor económico indispensable para o futuro da cidade.


