Vigo acollerá tres festas gastronómicas este verán

Vigo presenta tres grandes citas festas gastronómicas para este verán: A Festa do Viño, a Festa da Cervexa e a primeira edición de Sabores do Mundo celebraranse entre xuño e setembro no Náutico.

O edificio do Real Club Náutico de Vigo acolleu esta mañá a presentación oficial das tres grandes citas gastronómicas que se celebrarán este verán na cidade: a III Festa do Viño, a III Festa da Cervexa e a I edición de Sabores do Mundo, organizadas por VigoPlan Events na Explanada do Náutico.

A programación arrincará coa Festa do Viño, os días 24, 25 e 26 de xullo, unha cita dedicada ás principais denominacións de orixe galegas, acompañada de gastronomía e música en directo. Seguiralle a Festa da Cervexa, os días 31 de xullo, 1 e 2 de agosto, que reunirá cervexeiras artesás e industriais xunto a unha ampla oferta gastronómica e actuacións musicais.

Como principal novidade, os días 4, 5 e 6 de setembro chegará a primeira edición de Sabores do Mundo, un evento que reunirá arredor de 20 postos gastronómicos de diferentes países, permitindo aos asistentes descubrir sabores e culturas de distintos recunchos do planeta a través da gastronomía, a música e diversas actividades culturais.