Vigo acolle unha nova edición de Rueda Academia de Cine con proxeccións e actividades abertas á cidadanía
Vigo converterase entre o 20 e o 24 de abril nun punto de encontro para o audiovisual coa chegada, por terceiro ano consecutivo, de Rueda Academia de Cine. O programa, impulsado pola Academia de Cine e co apoio do Concello a través da Vigo Film Office, inclúe unha completa axenda de actividades formativas e, especialmente, varias propostas abertas ao público xeral. Entre os nomes destacados desta edición atópanse cineastas como Aitor Arregi, Alain Guiraudie, Pilar Palomero ou Celia Rico, xunto a profesionais galegos como Anxos Fazáns, Diana Toucedo ou Guillermo de Oliveira.

Un dos eixos principais da programación aberta á cidadanía serán as proxeccións con coloquio, que permitirán ao público achegarse de primeira man ao traballo dos creadores. O martes 21 de abril, o Museo MARCO acollerá a proxección de As liñas descontinuas, presentada pola súa directora, Anxos Fazáns. O xoves 23, o Auditorio do Concello será escenario da exhibición de Miséricorde, seguida dun encontro co cineasta francés Alain Guiraudie. Finalmente, o venres, o MARCO recibirá a Aitor Arregi coa proxección de Maspalomas, filme codirixido con José María Goenaga.
Ademais destas sesións abertas, o programa inclúe encontros e actividades dirixidas a estudantes da cidade. A experta en diversidade Salima Jirari ofrecerá charlas en centros educativos como o IES Politécnico e o CIFP Audiovisual de Bouzas, mentres que Aitor Arregi participará nun encontro co alumnado da ESAD de Galicia.
A programación complétase cunha vertente social a través do programa Proyecta, que levará actividades ao Centro de Integración Social Carmen Avendaño Otero, combinando formación e acceso ao cinema para colectivos específicos. Con esta iniciativa, Vigo reafírmase como escenario de referencia para o sector audiovisual, abrindo ao mesmo tempo espazos de encontro entre profesionais e público, e achegando o cinema á cidadanía dun xeito directo e participativo.

Programación para profesionais
As directoras Pilar Palomero (Los destellos, La maternal) e Celia Rico (La buena letra, Los pequeños amores) serán as mentoras en Vigo dos proxectos dos seis participantes do programa Rueda desta edición (entre os que se atopa a viguesa Eire Cid) o luns e o martes no Museo MARCO. Xa o martes pola tarde incorporaranse ao encontro os vinte participantes do programa Residencias e un grupo de cineastas galegos seleccionados para participar no resto das actividades programadas.
Entre as propostas, os cineastas participarán o xoves nun obradoiro impartido polo Equipo SOPA, unha axencia creativa especializada na conceptualización de marcas e no desenvolvemento de universos visuais, verbais e experienciais, que traballou en series como La Mesías, El otro lado ou Arde Madrid.
Ademais, compartirán impresións co cineasta galego Guillermo de Oliveira (que proximamente estreará a súa película A morte nos teus ollos, rodada en Vigo e arredores), co guionista Miguel Barros e coa directora de casting Noemí Chantada. O Espazo Redeiras da Universidade de Vigo acollerá estas formacións. No último día, os participantes desprazaranse ao Museo Verbum para coñecer outra parte da cidade e compartir as súas experiencias e proxectos co grupo.
Completan as actividades destinadas aos residentes, Rueda e cineastas locais un percorrido pola ría de Vigo o 22 de abril e unha formación sobre o consentimento impartida por Andrea Isasi, directora de casting e coordinadora de intimidade para cine, televisión e teatro.


