Vigo acolle de novo a G-Night, a gran festa da ciencia

O vindeiro venres 26 de setembro, as rúas e espazos culturais de Vigo converteranse nun enorme laboratorio aberto para celebrar a G-Night 2025, a Noite Galega das Persoas Investigadoras. Esta cita, que se desenvolve de maneira simultánea en centos de cidades europeas baixo o paraugas da European Researchers’ Night, busca achegar a ciencia á sociedade dun xeito lúdico, accesible e participativo.

Ao longo da tarde e da noite do venres 26 de setembro, as sete principais cidades galegas (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo) converteranse en escenarios para a ciencia, con máis de 200 actividades abertas ao público que inclúen obradoiros, experimentos, andainas, charlas, exposicións e feiras científicas. Preme aquí para consultar todos os eventos.

CASTELAO

En Vigo, o edificio Redeiras, na praza do Berbés, será o epicentro da programación local, con preto de trinta postos instalados tanto no interior coma no exterior. Haberá actividades pensadas sobre todo para o público familiar e infantil, que poderán achegarse ao mundo dos robots, da intelixencia artificial, do espazo ou do cambio climático a través de obradoiros prácticos e xogos interactivos.

GOZO FEST

Tamén no Redeiras desenvolverase a peza artística colaborativa Tecendo ecosistemas en comunidade, dirixida pola artista Antía Iglesias, na que as persoas participantes poderán contribuír a construír unha obra colectiva que mestura arte e ciencia.

No segundo andar, con inscrición previa, celebraranse dous obradoiros especializados: Hackeando a Lei: xustiza con perspectiva de xénero e LivingSoiLL. De restos a recursos, reavivando o solo con miñocas.

A programación viguesa sumarase un ano máis á iniciativa Ciencia no Bar, no Café De Catro a Catro (19:00–21:00 h), con tres charlas divulgativas sobre saúde e tecnoloxía: videoxogos inmersivos aplicados á saúde, a funga de Madagascar e as lesións musculoesqueléticas en músicos. Ademais, regresa Ciencia na Biblio na Biblioteca Xosé Neira Vilas, cunha conferencia do investigador David Tizón sobre a aprendizaxe de linguas. O Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) abrirá as súas portas a comerciantes participantes na iniciativa Escaparates Oceánicos, mentres que no local de EMAÚS se celebrarán seis obradoiros científicos organizados polo IEO-CSIC.

A ciencia espállase polo resto de Galicia

Alén de Vigo, a G-Night terá tamén programación en todas as cidades galegas: Santiago converterá o Colexio de Fonseca no seu epicentro cunha vintena de stands e faladoiros científicos; A Coruña acollerá obradoiros na DOMUS e actividades na dársena da Mariña; Lugo encherá a Praza de Abastos e o Mercado Municipal de talleres de biomedicina, botánica ou enerxías do futuro; en Ourense haberá obradoiros de escritura antiga e charlas de xustiza social; Pontevedra combinará un roteiro científico arredor de Castelao cun escape room sobre cambio climático; e Ferrol organizará experiencias de enxeñaría, economía e visitas ao CITENI.