Vigo acolle a última parada da exposición do 75 aniversario de Editorial Galaxia
A Sala de Exposicións da Sede Afundación de Vigo acolle “Crear Porvir. 75 aniversario da Editorial Galaxia (1950-2025)”, a mostra coa que Editorial Galaxia culmina un ano enteiro de celebracións polo seu 75 aniversario. A inauguración, que tivo lugar na tarde do 4 de decembro, supón o peche dun ambicioso programa de actividades que percorreu toda Galicia durante 2025 e que reivindica o papel esencial da editorial na modernización cultural do país. Pode visitarse de balde até o 10 de xaneiro de 2026.

O aniversario de Galaxia traducíuse nun amplo conxunto de iniciativas que van desde a celebración dos foros da revista Grial —baixo o lema “Galicia 2050. Pensar cara adiante”— até a campaña escolar A Biblioteca Galáctica contra a IA fantástica, da compañía Tanxarina, que percorreu máis de vinte localidades e achegou o teatro a 3.500 escolares. Tamén se estreou un documental dirixido por Ana Viqueira e Diego Frey; desenvolveuse a mostra Galaxia–Auria. 75 anos despois, centrada no papel de Ourense na historia da editorial; saíu á luz a Biblioteca 75, cunha escolla de dez títulos fundamentais; e convocáronse premios literarios extraordinarios como o Galaxia de Novela 75 anos, que gañou Fernando Castro Paredes con O lanzador de coitelos.

A estes actos sumáronse publicacións específicas, como Unha galaxia viguesa de Marcos Calveiro, destinada aos centros de ensino de Vigo, e a primeira edición do Premio Xosé Neira Vilas de literatura xuvenil, que recaeu en Gabriel Romero de Ávila.
Un percorrido pola historia cultural de Galicia
A mostra inaugurada en Vigo chega tras itinerar polas sete grandes cidades galegas. O proxecto, coordinado por un amplo equipo da editorial e por profesionais externos, ofrece un percorrido pola historia de Galaxia desde a súa fundación en 1950. Encárgase da súa comisaría un equipo de prestixio encabezado por Henrique Monteagudo —catedrático, director da Cátedra Castelao e presidente da Real Academia Galega—, acompañado pola profesora Malores Villanueva e polo catedrático Xosé Manuel Dasilva.
A exposición destaca o labor de autoras e autores esenciais da literatura galega contemporánea —de Castelao, Otero Pedrayo e Blanco Amor a Xohana Torres, Paco Martín, Carlos Casares, Manuel Rivas, Fina Casalderrey, Yolanda Castaño, Domingo Villar ou Xesús Fraga—, así como o papel clave de editores e fundadores como Ramón Piñeiro, Xaime Isla Couto ou Fernández del Riego.

Estruturada en catro grandes bloques temáticos, a mostra percorre:
- A narrativa e a creación literaria, desde o Rexurdimento á Xeración Nós, a literatura da posguerra, a autonomía e o novo milenio.
- O ensaio e o pensamento galego, con especial atención á lingua, a historia, a sociedade, a ecoloxía e proxectos editoriais de referencia como a revista Grial.
- A tradución e a proxección internacional, alicerce fundamental da vocación universalista de Galaxia.
- A literatura infantil e xuvenil, ámbito no que a editorial foi pioneira e decisiva para o desenvolvemento desta área en Galicia.
O deseño expositivo, a cargo do estudo Desoños, propón un “bosque” de estruturas móbiles precedido por un túnel do tempo que resume os fitos da editorial. A experiencia complétase cunha peza audiovisual dirixida por Ana Viqueira e Diego Frey, con testemuños de figuras destacadas como Xesús Alonso Montero, Antía Yáñez, Dolores Vilavedra, María López Sández ou Ramón Villares.

Galaxia, 75 anos creando porvir
A exposición, que poderá visitarse en Vigo até o 10 de xaneiro de 2026, conta co apoio da Xunta de Galicia, Afundación e outras entidades culturais como a Deputación de Lugo, Caixa Rural Galega e a Fundación Luis Seoane.
Ao longo das súas sete décadas e media de vida, Editorial Galaxia publicou preto de 3.500 títulos e deu espazo a máis de 1.500 autoras e autores. O seu proxecto, firme na defensa da lingua e da cultura galegas, converteuse nun dos motores principais da modernización intelectual do país. As numerosas distincións recibidas —entre elas a Medalla de Ouro de Galicia, o Premio da Cultura Galega ou a Medalla de Ouro da Universidade de Vigo— acreditan unha contribución que transcende o ámbito editorial.


