VIALIA
bannerPicnicSesions

Velada de cinema, barrio e historia en Coia

Como previa ao Festival Primavera do Cine onte proxectouse o filme ‘Vigo 1972’ nun campo de fútbol ao aire libre de Coia. Hoxe o evento repítese diante da fábrica de Vulcano en Teis. Ambos barrios foron clave nos acontecementos que a cidade viviu no 72.


Pasaban as dez da noite. O sol aproveitaba as súas últimas raiolas ao tempo que o ceo azul se tinguía dun espectáculo de cores laranxas e rosas que acabarían por fundirse a negro. Un pequeno campo de fútbol, no que horas antes os nenos do barrio xogaban ata máis tarde do habitual porque era un dos primeiros venres soleados do ano, transformouse nunha sala de cine ao aire libre. As torres de formigón, construídas na década dos 70 polo crecemento industrial que viviu a cidade, rodeaban o campo de fútbol. Veciños do barrio de Coia e outros chegados de fóra encheron as cadeiras habilitadas, superando ás expectativas da organización. Moitos quedaron de pé, outros sentaron no chan, nas gradas, na herba…

REVISTA ABRIL

Caeu a noite e comezaron a soar os acordes do tema de Rolando Alarcón ‘A la huelga’: “A la huelga compañero, no vayas a trabajar, deja quieta la herramienta que es la hora de luchar. A la huelga diez, a la huelga cien, a la huelga madre yo voy también. A la huelga cien a la huelga mil yo por ellos madre y ellos por mi”. Uns versos que se foron repetindo ao longo de todo o filme e que ao rematar nos levaríamos con nós para casa.

Estábase a proxectar o documental ‘Vigo 1972’, de Roi Cagiao. Un filme imprescindible para achegarnos a un dos episodios máis importantes da nosa cidade da man dos seus protagonistas. En setembro de 1972 Vigo protagonizou unha folga xeral que durou máis de dúas semanas e convocou a miles de traballadores. As consecuencias máis inmediatas desta folga foi o despedimento de catro mil traballadores, aínda que ao final quedaron en catrocentos. A folga de Vigo do 72 forma parte do subconsciente colectivo da sociedade viguesa e galega e que constituíu, xunto co 10 de marzo ferrolá, o fito principal na loita do pobo galego polas liberdades democráticas e os dereitos sociais no tramo final da ditadura, e na mesma participaron máis de corenta mil traballadores e traballadoras da bisbarra de Vigo. Este filme achéganos a esta parte da historia de Vigo a través da testemuña dos seus protagonistas. Recolle as declaracións de Juan Bacariza e Francisco Lores, dirixentes sindicais de Citroën na época; Margarita Rodríguez e Pilar Pérez, dirixentes sindicais da empresa de cerámica Álvarez; Camilo Nogueira, cofundador de Galicia Socialista; a avogada Elvira Landín; Carlos Barros, responsable do Movemento Obreiro do Comité Local do PCG; Juan Benavides, dirixente sindical no sector do Naval na época da folga; Waldino Varela, dirixente sindical en Vulcano daquela; Carlos Núñez, secretario do Consello Comarcal do PCG; e Rafael Pillado, dirixente sindical en Ferrol. Testemuñas rescatadas do esquecemento grazas ao traballo de Roi Cagiao.

Aqueles que onte non estiveron en Coia teñen unha nova oportunidade esta noite. O Festival Primavera do Cine organiza unha nova sesión de cine ao aire libre diante da fábrica Vulcano en Teis, outro dos barrios protagonistas nesta gran folga do 72. Será a partir das 21:30 da noite, totalmente gratuíto e contará coa presenza do director.

(GMT+01:00) Vulcano

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.