Viaxe a historia negra de San Simón
Hoxe chega aos cines ‘San Simón’. O filme dirixido por Miguel Ángel Delgado narra a historia da illa entre outubro de 1936 e marzo de 1942, período durante o que este espazo foi convertido en campo de concentración polo réxime franquista.

É probable que moitos de vós, ao igual ca min, estivésedes algunha vez en San Simón. É posible que incluso saibades que durante algún tempo esta pequena illa localizada na ría de Vigo foi convertida en cárcere. Pero pode que vos sorprenda coñecer que, en realidade, ao longo de sete anos San Simón foi un campo de concentración polo que pasaron seis mil persoas. Miguel Ángel Delgado, director do filme, ponnos de fronte cunha realidade que tiñamos xusto diante e non coñecíamos. Non vos culpedes, este descoñecemento foi inducido por un sistema que se encargou de borrar e ocultar unha parte da nosa historia.
Lamas, un preso que estivo na illa durante todo o período de tempo que esta actuou como campo de concentración, é o encargado de narrar todo o que alí acontece. A través dos seus ollos, vemos como os presos son tratados coma escravos, son obrigados a levar a cabo todas as tarefas de mantemento do campo, nunhas condicións inhumanas e ante o constante control dos gardas franquistas. Vemos tamén como os propios présos teñen que a cavar as tombas dos que van ser asasinados e como esas condicións infrahumanas se cobran vidas coa proliferación de enfermidades. ‘San Simón’ é o resultado de moitos anos de investigación e de numerosas entrevistas coas familias dos presos que pasaron por este campo de concentración. Desa labor, saíron a luz historias que foron silenciadas dentro do silencio é que Delgado quixo reflectir neste filme. É o caso dos abusos que sufrían as mulleres que ían a illa visitar os seus familiares a levarlles comida e roupa.

Despois de estrearse mundialmente no Festival Internacional de Cine de San Sebastián e facerse coa Calpurnia ao Mellor Filme Galego no Festival de Cine de Ourense, ‘San Simón’ xa se pode ver nos cines de todo o país. A película rodouse na localización orixinal onde tiveron lugar os acontecementos na illa: os edificios, os peiraos, a ponte de pedra que une ambos os illotes, a chaira da illa, os areais que a rodean. Mentres que para filmar os interiores, a produción tivo que trasladarse a localizacións fóra da illa como a ETEA de Vigo, o Convento de Santa Clara de Pontevedra ou A Cova da Moura no concello de Cenlle. O elenco de San Simón mestura actores e actrices profesionais con actores e actrices sen experiencia previa. Entre os membros do equipo artístico e técnico destaca a participación de fillos e netos dos presos de San Simón.
O filme amósanos un dos episodios máis escuros da nosa historia recente a través dunha fotografía de gran beleza e moitos espazos para a reflexión. Se ides ao cine, a illa de San Simón cobrará en vós unha nova dimensión.
Tamara Novoa
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Antón Bouzas, activista: «A revolución no modelo desta cidade debería facerse desde as asociacións veciñais» - 31 Agosto, 2026
- Lista dos artistas vigueses que tocaron en Castrelos desde 1983 ata hoxe - 19 Agosto, 2026
- A música en directo volve aos chiringuitos de Vigo - 4 Agosto, 2026
- Cecilia F. Santomé: «Trátase de escribir cos ollos antes que coas mans» - 21 Xullo, 2026
- 15.000 espectadores acreditan o bo facer da Sala Ártika - 1 Xullo, 2026



