Verbenas, música en directo e mercados creativos: Fragoselo, Máis Ladies e Querido protagonizan a fin de semana

Coa ansiada chegada do verán, xuño arranca cunha primeira fin de semana chea de plans para saír da casa. As tradicionais festas de San Sebastián de Fragoselo encherán Coruxo de música e actividades populares durante tres días, mentres que Churruca converterase nun punto de encontro para a creatividade feminina coa celebración de Máis Ladies, unha xornada con charlas, concertos e mercado artesanal repartida por varios locais da zona. A música tamén terá un papel destacado coa presentación de ¿Qué seré yo?, o novo disco de Querido, unha das bandas viguesas con máis proxección do momento. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.

FESTAS DE SAN SEBASTIÁN DE FRAGOSELO – Venres a domingo en Coruxo – De balde

Do 5 ao 7 de xuño, este recuncho da cidade converterase nun punto de encontro para varias xeracións, cun programa que combina verbenas, actos relixiosos, agrupacións culturais e propostas para toda a familia. Os festexos arrancan o venres coa orquestra Fuego e a discomóbil Nexus. O sábado será unha xornada especialmente centrada na tradición local, coa misa cantada e a animación da charanga Excombro, ademais das actuacións da Escola Infantil de Baile Tradicional do CRAC de Coruxo e do Grupo Etnográfico A Buxaina; pola noite será a quenda das orquestras Magos e Gran Parada. O domingo concentrará os actos máis solemnes, coa misa maior e a procesión acompañadas pola Unión Musical de Coruxo. Pola tarde, as tradicionais cucañas e as poxas do santo compartirán protagonismo coa actuación de Cé Orquestra Pantasma, antes do peche definitivo das festas coa música do grupo La Banda de Ayer.

REAPERTURA DE THE MONK PUB CON BRIAN BRODY – Venres e sábado ás 21:30 h en The Monk Pub – Caixa inversa

The Monk Pub celebra o seu regreso (despois do peche pola reforma do local) cunha fin de semana especial protagonizada polo músico irlandés Brian Brody. O artista ofrecerá dous concertos consecutivos en formato acústico, unha oportunidade para gozar dun directo próximo e intimista nun dos locais clásicos da noite viguesa, que inicia así unha nova etapa na que continúa a apostar pola música en vivo.

CONCERTO DE QUERIDO – Venres ás 21:00 h na Sala Supersonic – Desde 14,30 €

A banda viguesa chega cun traballo que foxe das fórmulas rápidas para reivindicar a canción como espazo de reflexión. ¿Qué seré yo? aborda as contradicións, medos e incertezas dunha xeración que se enfronta á vida adulta sen manual de instrucións. Cun son coidado e unha produción ambiciosa, Querido consolídase como unha das propostas emerxentes máis interesantes da escena galega actual.

NOITE DE HARDCORE CON UP-RIGHTS E CUELGUE – Venres ás 21:00 h na Sala Kominsky – 12,00 €

A Sala Kominsky acolle unha descarga de enerxía coa visita dos franceses Up-Rights e os galegos Cuelgue. Dúas bandas unidas pola intensidade do hardcore e polo espírito underground que caracteriza a este tipo de propostas. Un concerto pensado para quen busca directos sen artificios, guitarras afiadas e a proximidade dunha escena que segue mantendo vivo o espírito DIY.

CONCERTO DE SANNY & MIGUEL MOLDES – Venres ás 21:30 h en La Pecera – Desde 8,00 €

Dous nomes habituais da escena independente galega únense nun formato acústico pensado para a proximidade e a escoita atenta. As composicións propias, as influencias da música americana e o blues e a complicidade entre ambos artistas conforman unha proposta delicada e honesta, ideal para quen busque un concerto afastado dos grandes formatos.

EVENTO MÁIS LADIES – Sábado de 17:00 a 22:00 h en Churruca – De balde

O aniversario de Ladies, Wine & Design Vigo, a comunidade local dun movemento internacional que promove a visibilidade do talento feminino, evoluciona este ano cara a Máis Ladies: unha xornada aberta a toda a cidadanía que converterá Churruca nun gran punto de encontro para a creatividade feminina. A programación de Máis Ladies espallarase por varios locais de Churruca cunha combinación de charlas, mesas redondas, mercado creativo e música en directo.

CINEMA QUEER POR PALESTINA – Sábado ás 19:30 h no Centro Social A Nubeira – De balde

O Centro Social A Nubeira acolle unha nova edición de Queer Cinema for Palestine, unha iniciativa internacional que utiliza o cinema como ferramenta de solidariedade e reflexión arredor da situación do pobo palestino. O proxecto, que este ano se desenvolve baixo o lema No Pride in Genocide, reúne centos de proxeccións en decenas de países durante o mes de xuño e está impulsado por cineastas e organizacións culturais en colaboración coa campaña palestina PACBI. A sesión viguesa incluirá unha selección de curtametraxes realizadas por artistas palestinos, queer e aliados internacionais, con historias que abordan cuestións como o exilio, a memoria, a identidade, a resistencia e a defensa dos dereitos humanos a través de diferentes linguaxes cinematográficas. Tras a proxección celebrarase unha palestra coa participación de integrantes de BDS Galiza Vigo e Amnistía Internacional Vigo.

GREEN HOT PEPPERS – Sábado ás 22:00 na Sala Master – Desde 11,75 €

A banda viguesa celebra dez anos de traxectoria cun concerto especial. Considerados un dos tributos máis recoñecidos aos Red Hot Chili Peppers da península, ofrecerán un espectáculo de case dúas horas no que repasarán algúns dos grandes éxitos da formación californiana. A cita contará ademais con convidados de excepción, entre eles Fran Velo e Javier Gómez Noya, que subirá ao escenario para amosar a súa faceta máis musical. 

JOAQUÍN CASERZA: CONVERSACIONES CON MI MENTE – Domingo ás 19:00 h no Teatro García Brobón – Desde 18,80 €

FAITE AMOVIDALOVER

O humorista Joaquín Caserza sobe ao escenario do Teatro García Borbón cun espectáculo que mestura comedia e saúde mental. A través de diálogos coa súa ansiedade, os seus medos e outras voces que habitan na súa cabeza, constrúe un show tan divertido como recoñecible. Unha proposta que utiliza o humor para falar de cuestións que afectan a toda unha xeración, combinando gargalladas con reflexións sobre a relación que mantemos coa nosa propia mente.

CONCERTO DE BALTEIRA + COMANDO CURUXÁS – Domingo ás 19:00 h na Sala Rebullón – Desde 12,24 €

A Sala Rebullón recibe dúas das propostas máis interesantes do novo folk galego dentro do ciclo Ducia e Pico. Balteira recupera músicas e cantares tradicionais desde unha óptica contemporánea, mentres que Comando Curuxás converte cada concerto nunha celebración colectiva onde o baile e a festa son protagonistas. Unha oportunidade perfecta para achegarse á música de raíz galega nun dos espazos culturais de referencia da contorna de Vigo.

plans de fin de semana para escoitar música en directo