UVIGO
FILLOAS

Variedade, reinvindicación e pureza, os tres ingredentes do Festival Isto Ferve

No noso primeiro encontro, Pedro Fresneda e Raquel Hernández dixeronme do Teatro Ensalle que era un espazo para a confrontación no sentido máis amplo do termo, e para a reivindicación do pensamento. Como para constatar esta afirmación, ofrecinme para cubrir o festival Isto Ferve de teatro que se celebra alí todos os anos e cuxa presente edición tivo lugar este mes de febreiro. En total, 3 pezas que se representaron en 3 findes consecutivas a venres, sábado e domingo. Mais, mágoa, o meu incipiente embarazo, non me permitiu acudir á terceira cita. Bágoas.

Unha imaxe de Bonneville.

Bonneville

Escándalo. Da primeira cita aínda conservo lembranzas moi vívidas, pasada xa unha vintena de días. Foi unha peza incómoda. Unha obra das que che fan respirar os fumes máis penetrantes da complexa personalidade humana. Un personaxe que non colle nas constricións desta sociedade e rebenta as nosas expectativas. Fascinación. Un exercicio de percusión e exploración corporal inicial presentábanos ao único personaxe coma un exhibicionista de menores. Corpo. O actor Miguel Ángel Altet, escritor, director e intérprete do texto, fai un traballo demoledor, magnetizando ao espectador e cincelando as verbas do seu monólogo nos meus oídos. Representa unha personalidade desesperada por atoparlle algún sentido a todas as convencións sociais e, en xeral, á súa vida. Quizais falaba esta obra da corrupción da antropocentricidade e do grande sufrimento que pode causar. Náusea. En calquera caso, foi unha hora de teatro intensa, abafante e tenra por momentos, cunha escenografía mínima, onde cada obxecto da escea ofrecíase a todo tipo de interpretacións simbólicas e que, pola súa sinxeleza, causaba aínda mellor impresión. Unha obra con momentos dunha carga filosófica tan densa que modificaba o espazo tempo da sala e do tecido da nosa conciencia, transportándonos a lembranzas emocionais e a reflexións propias e cargando a nosa percepción de empatía cara o protagonista. Introspección. Despois, volta a casa trepando polo último tramo da rúa de Chile baixo a choiva.

¡Ay!¡Ya!

Recursos. A segunda xornada foi un absoluto cambio de tercio. Macarena Recuerda Sheperd e Idurre Azkue: dúas mulleres, actrices, artistas, bailarinas, máquinas de músculos, tendóns, ligamentos e torsións. Cadanseu chándal vermello e maia branca. Un xogo constante coa percepción visual do espectador creado a base de escorzos e sérpeas construcións. Experimentación. Case un patio de recreo escénico que nos encheu de ilusión e nos fixo rir a gargalladas polas cóxegas que os hemisferios en loita do noso cerebro facían en nós, que nos preguntabamos como era que os nosos sentidos nos estivesen presentando unha realidade tan ilóxica, tan desafiante ás leis da física a escasos metros de nós. Orixinalidade. Unha delicia que se ía desfiando en pequenas doses, mentres as actrices plantexaban un xogo detrás de outro, tamén con oco para a pura grotesquidade, cando a nosa percepción converteu as pernas das artistas nun rostro que se arrastraba con ritmo alieníxena pola escea. Viaxe. Un traballo de máxima explotación dos recursos corporais, que encheu unha hora de moito goce teatral cunha escenografía e un vestiario mínimos. Unha idea orixinal da tamén intérprete Macarena Recuerda Sheperd.

Una vez más

A útima peza era Una vez más, unha historia de parella contada a través dun espectáculo de danza. Prometía una terceira e última experiencia teatral única, mais tiven o espectáculo na casa debido a náusea do primeiro trimestre de embarazo e decidín quedar e librar o Ensalle da miña indisposición. Constato que hai teatro en Vigo e que, se dalgún xeito se pode describir o Isto Ferve, é coma unha celebración da variedade teatral e a exploración das posibilidades infinitas das artes escénicas. Arte en estado puro.

Podedes ampliar a vosa información, na excelente páxina web do teatro Ensalle en https://teatroensalle.com/isto-ferve/.

CAMELIAS NADAL
The following two tabs change content below.

Maruxa Gesto

Últimos posts de Maruxa Gesto (ver todos)