Uxía Senlle: «Non podía eu soñar que a xente iría ás foliadas como vai agora, a bailar e mocear»

Corenta anos leva sobre os escenarios a artista mosense Uxía Domínguez Senlle (Sanguiñeda, 1962), unha carreira marcada polas múltiples colaboracións con artistas de todos os estilos, desde Martirio ata Mondra, pasando por Narf. Co firme convencemento de defender o propio pero coa mirada aberta ao alleo, Uxía nunca deixa de sorprendernos. O seu último traballo, Indómitas, está dedicado á súa amiga a xornalista e escritora viguesa Begoña Caamaño, homenaxeada neste 2026 polo Día das Letras Galegas.

Uxía Senlle | P. Vázquez
CASTELAO

Si, nacín nun ambiente moi musical porque o meu pai tocaba o contrabaixo nunha orquestra de baile. Na casa había longas sobremesas musicais e as miñas irmás tamén todas cantan. Sempre se propiciou moito a creatividade. Se naces e medras nun ambiente así, é moi fácil que leves a música nas veas. Ademais, os meus avós maternos tiñan unha taberna, e con sete e oito anos eu subía nas mesas a cantar; sabía que me ían escoitar e aproveitábao. Logo, xa no instituto, sempre levaba a guitarra comigo —algo que era pouco usual naquela altura—, e polo Día das Letras Galegas faciamos algún concerto. Podo dicir que ese foi o meu primeiro escenario.

Sen dúbida. Estaba estudando Filoloxía Románica en Compostela e souben que había este certame en Bergantiños. Era un festival moi importante daquela e alá fun coa miña guitarriña. Cheguei alí e todos os grupos ían con baixo eléctrico, guitarras, batería… ata o punto de que eu estaba pensando que facía alí coa miña guitarra e as miñas cancións. Para a miña sorpresa, gañei o primeiro premio e aí vin que se abría a posibilidade de ser profesional: déronme 100.000 pesetas coas que puiden comprar unha guitarra nova e ofrecéronme a opción de gravar un disco, pois o festival servía para «cazar talentos». Despois foi todo moi rápido, moito máis do que eu desexaría, porque as cousas hai que maduralas. Pero si, considero que desde 1985 este é o meu oficio; de feito, estou a celebrar os corenta anos sobre os escenarios.

Nun grupo ten que haber un consenso na parte musical, nas letras das cancións… e unha, como artista, sempre ten algo máis persoal que quere contar. Pero foi unha escola para min. Entendín o que era ser un grupo profesional: ensaiabamos a diario, todas as tardes, e pola mañá eu levaba a comunicación da banda. Ademais, era unha formación á que lle gustaba moito experimentar e iso para min foi moi importante, entendín que había que ensaiar duramente e darlles dez mil voltas aos arranxos. Tamén aprendín a tocar a mandolina e algo de percusión, e achegueime á música tradicional, porque eu viña da escola das cantautoras como Violeta Parra, Mercedes Sosa, Silvio Rodríguez, Pablo Milanés… A través de Na Lúa descubrín a Faustino Santalices e a música de Portugal, e iso permaneceu en min para sempre. Estarei eternamente agradecida.

Sempre penso na música como unha experiencia colectiva. Creo que colaborar con outros artistas e con persoas doutras culturas enriquece as músicas; naqueles tempos eu colaborei moito con artistas de Portugal, do Brasil e de Cabo Verde. Ademais, fixen espectáculos onde eramos todo mulleres porque iso tamén me preocupou sempre, visibilizar o traballo das mulleres. En case todos os discos que gravei hai colaboracións, é unha maneira de saír do teu mundo interior e conectar con outros mundos, aprendes a ver o mundo doutro xeito.

Uxía Senlle | P. Vázquez

Creo que o mellor momento é agora, sempre penso que é o presente, pero si que foi un disco importante para min. Traballei moito para buscar unha sonoridade nova, sen medo a experimentar. Tamén traballei con músicos moi novos con moitísimo talento como Nacho Muñoz ou Quico Comesaña. Mesturei o folk con sonoridades moi clásicas como o violonchelo ou o violín. É un disco que me abriu moitas portas e que foi unha referencia importante para moita xente.

Creo que nós sementamos o que está acontecendo agora. É o resultado de moito traballo naqueles momentos, cando o folk tivo unha presenza importante. Sinto que agora hai menos prexuízos, ao mesturar a electrónica, por exemplo. Antes había cousas un pouco irreverentes, que eu practiquei porque sempre me pareceu que, se non arriscas, se non fas cousas novas, tendes a repetirte. Eu procuraba abrir camiños novos, polo menos para min. Pero non podía eu soñar que a xente iría ás foliadas como vai agora, a bailar, a mocear; que tanta xente asista aos concertos nos que se canta a nosa música, ver a xente tan orgullosa da súa identidade, da súa lingua, da súa cultura…, en fin, estou encantada. Ademais, procuro estar atenta aos novos talentos. Durante o tempo que traballei na radio puiden coñecer moitos grupos emerxentes, rapazas novas con moitísimo talento como as Tanxugueiras, Caamaño e Ameixeiras, Fillas de Cassandra…, mullerazas que deron unha nova vida á nosa música, pero que beberon tanto do tradicional como de pioneiras como Leilía, Mercedes Peón, A Pedreira, Guadi Galego ou Berrogüetto. Hai pouco colaborei con Mondra e encántame tamén como estas novas xeracións coidan a estética e a posta en escena, algo que para nós antes non era importante.

Eu cría firmemente naquilo. A priori non parecía que iso fose acontecer, pero si que o pensaba, porque a nosa música ten moita forza, nace moi da terra. Ten algo telúrico, conéctate, non sabes por que, pero identifícaste con iso que se canta. Eu canto un alalá e sinto que iso atravesa calquera barreira, emociona mesmo sen que se comprenda toda a letra nin se saiba moi ben que di. Non vou dicir que a música salva a humanidade, porque é moito dicir, pero si que nos permite conectar e nos fai máis sensibles. E eu si que podo afirmar que a min me salvou: eu era unha rapaza moi tímida e a música axudoume a comunicarme.

Claro. Tiven a oportunidade de cantar nese escenario, que é un dos máis fermosos que coñezo, con Na Lúa en 1985, compartíndoo con Milladoiro e Fuxan os Ventos, nunha homenaxe histórica a José Afonso, e logo en 1989 na xira que fixemos xunto aos Resentidos. Que volva a música galega a Castrelos é unha gran noticia, e tamén é renderse á evidencia, pois son grupos que teñen moito poder de convocatoria e moita calidade. Paréceme de xustiza que os grupos locais poidan actuar na súa terra. Agardo que non sexa unha excepción e se continúe na liña de programar grupos de aquí, porque ás veces existe moito pailanismo en pensar que o que vén de fóra é sempre mellor. Ese exilio de tantos anos foi unha mágoa.

Uxía Senlle | P. Vázquez

Naceu como unha carta musical de agradecemento por tantos anos de amizade. Son nove cancións inspiradas na súa vida e na súa obra. Considerei que na celebración deste ano das Letras faltaba música, e Begoña era unha gran melómana, así que pensei que a ela lle gustaría que fixese un disco. Fíxeno para ela, pero fágoo extensivo a todas as mulleres que queren ser donas do seu destino, que queren ter voz propia e que son indómitas, como di o propio título.

Algunhas das cancións xa existían e xa as escoitara ela. Unha, «Fada Morgana», prepareina para a presentación do seu libro Morgana en Esmelle na feira do libro de aquí, de Vigo. Tamén hai varias colaboracións nas que participan amigas de Begoña: por exemplo, Guadi Galego canta comigo un poema de Ana Romaní. Están tamén Faia, a quen Begoña coñecía desde nena, ou A Pedreira, con quen compartimos unha casa na Illa de Arousa… En fin, moitas emocións.

GOZO FEST

Era unha muller con moita alegría, intelixentísima e, desde logo, cun gran sentido da amizade, algo que a min me marcou moito. Era unha feminista convencida, como se reflicte na súa obra, porque foi moi coherente entre o seu pensamento e a súa escrita. E logo foi moi activista: o sindicalismo, o pacifismo… Defendía un mundo máis xusto, máis igualitario, e viviu todo iso dun xeito moi intenso. Foi unha persoa importante para min, desas que son piares na vida dunha.

Celebro chegar aos corenta anos vivindo da música e mantendo aínda a ilusión, a creatividade e as ganas de renovarme. De feito, quixen celebralo reinventándome, facendo dirección escénica, que nunca fixera antes. Traballou comigo A Pedreira e foi un proceso moi interesante. Para min a música é buscar sempre o risco, experimentar outros camiños. Se non tes retos por diante, se te acomodas e fas sempre o mesmo…, eu abúrrome moito. Ademais, despois de corenta anos sigo cantando na miña lingua, iso permanece inalterable. Dicía Narf que hai que coñecer moi ben as raíces pero ter as antenas conectadas co mundo. O meu camiño sempre está guiado por iso: por coñecer ben as raíces, pero tamén por estar conectada con outras culturas, sobre todo coa lusofonía. Os galegos, en especial os raianos, temos aí unhas posibilidades infinitas e non somos conscientes. Levo moitos anos turrando diso.

Uxía Senlle co libro-disco Indómitas | P. Vázquez
The following two tabs change content below.

Tamara Novoa

A súa curiosidade fixo que estudase xornalismo. Agora ten unha boa escusa para preguntar (case) todo o que quere. Sempre lle interesaron os movementos cidadáns e entende que os medios de comunicación deben cumprir un labor social. No 2018 cofundou A Movida co obxectivo de contribuír a un Vigo culturalmente máis activo.