Unha trintena de novos murais enchen de cor e ledicia o barrio vigués de Ribadavia
Hai uns meses, o barrio vigués de Ribadavia comezaba a pintar murais nas ventás e portas tapiadas. Hoxe, o proxecto Arte nas fiestras está oficialmente rematado, con trinta e dúas obras que lle devolven ao barrio a súa esencia e identidade, forxando un forte vínculo entre a veciñanza.

O proxecto artístico que unicamente pretendía mellorar a estética do barrio marcou un antes e un despois no mesmo, converténdose nunha bandeira alzada de xenerosidade, esforzo colectivo, traballo e colaboración que mobilizou a toda unha veciñanza cun mesmo fin: sentirse orgullosos do lugar onde viven.
Durante máis dun mes, tódolos veciños compartiron tempo de calidade, cheo de esforzo, confidencias e risas, que, ademais de reforzar o sentido de pertenza, motivounos a facer máis vida de barrio. Non faltou ninguén, aqueles que non podían pintar colaboraban facendo máis doado o traballo dos demáis. Moitas horas de traballo quedan reflectidas nunha trintena de pezas de gran calidade artística e detalle que amosan o que algún día foi o barrio de Ribadavia.
Arte nas fiestras é, sen dúbida, unha chamada de atención que pon o foco sobre unha problemática certamente habitual que precisa dunha axuda maior para solucionarse (políticas públicas de vivenda, servizos ou rehabilitación, etc.). Pretende ser o xerme que faga posible a recuperación deste espazo e moitos outros, demostrando o poder da arte para revitalizar comunidades.
Ademais, esta iniciativa deu a coñecer o talento de numerosos artistas que viviron ou viven no barrio, pois tódolos murais foron pintados pola veciñanza, a excepción de un. É o caso de David Lorenzo, un artista que medrou nas rúas de Ribadavia e que, anos despois, encargouse de debuxar o gran mural que coroa a praza. Tamén, o de Cristina Pino e Gustavo Suasnábar de CG Reciclado Artístico, dous arxentinos que levan unha década traballando como escenógrafos para Troula Animación. O único que non é veciño é Roberto Argüelles, un coñecido ilustrador vigués que pintou a fiestra adicada ao famoso xogador de baloncesto xa falecido, Quino Salvo.





