BIBOPALULA

Últimos días para inscribirse no San Simón Fiddle

San Simón Fiddle é un curso de verán infantil e xuvenil cunha longa traxectoria, onde se combinan actividades musicais con outras de lecer e tempo libre. Organizado pola Asociación Cultural Galicia Fiddle, trátase dunha experiencia única construída desde a convivencia e o intercambio cultural. Nesta edición, que terá lugar do 30 de xuño ao 6 de xullo, máis dun cento de participantes vivirán un máxico encontro cunha edición especial dedicada ás músicas gregas. Preme aquí para inscribirte.

Unha semana tocando o violín xunto a grandes mestres e descubrindo novas músicas e culturas, e todo isto na paraxe idílica de San Simón. Soa case a fantasía pero é real: o San Simón Fiddle celébrase do 30 de xuño ao 6 de xullo nesta illa da ría de Vigo, onde a cativada aprenderá a tocar, cantar e bailar música galega, pero tamén escocesa, americana ou grega, país a quen está adicada esta ediciónDirixido a mozos e mozas de entre 7 e 25 anos, o campamento ofrece unha experiencia musical completa para todos os niveis: desde principiantes ata estudantes avanzados. Todo isto faise a través dunha abordaxe innovadora e divertida, ensinando sen partituras, a través da tradición oral (tan celebrada este ano en Galicia) e fomentando a memoria musical, a creatividade e a improvisación. Unha semana orientada a potenciar o uso dos instrumentos de corda (violín, viola, chelo, contrabaixo, guitarra) no ámbito da música tradicional e a aprendizaxe por oído, desfutando do incomparable marco natural da Illa de San Simón. Tamén aprenderán baile tradicional e pandeireta e para quenes queran ir máis alá, haberá violíns eléctricos a dispor dos rapaces e talleres de improvisación, blues e rock co violín.

Ademais do apartado puramente musical, entre as actividades que levan a cabo destacan as actividades acuáticas, taller de luthería, noites de astronomía, noites de cine na natureza, a gran cea de gala grega, a foliada nocturna na ría, obradoiros de danzas escocesas e gregas… San Simón Fiddle Camp non é só un curso de verán musical: é unha experiencia única de convivencia, aprendizaxe, natureza e diversión, que combina música, cultura e amizades inesquecibles.

Teñen ademais un profesorado dirixido á iniciación no violín a partir dos 7 anos coa posibilidade de préstamo do instrumento, polo que é posible participar neste fantástico curso de verán sen coñecementos previos de violín. Como tódolos anos, o domingo celebrarase un concertó no que se interpretan as melodías aprendidas durante o curso e no que participan cativos e mestres nunha orquestra de corda de 150 músicos.

REVISTA XUNHO

A Asociación Cultural Galicia Fiddle, dirixida polo profesor de violín na ETRAD de Vigo Alfonso Franco, que conta con destacados músicos como Begoña Riobó, Anxo Pintos, Claudia Abril, Hugo Franco, María Jorge, Marina Carpente ou Felipe Rodicio entre outros, leva máis dunha década traballando pola divulgación do violín na música popular galega, así como un uso alternativo dos instrumentos de corda. Outros proxectos salientables da Asociación son o Encordass Fiddle Fest, a Galicia Fiddle Orquestra ou a organización de cursos con importantes mestres internacionais durante o ano. Asimesmo, editou os discos Acorle (2018) e Acanteira (2021), nos que amosa con afouteza boa parte da nova xeración de violinistas galegos formados na asociación.