Underfest Xacobeo: o rara avis dos festivais galegos volve brillar con luz propia
Este sábado 15 remataba unha nova edición do Underfest, afianzándose como o festival de música máis interesante e variado de Vigo. 22 artistas en 14 localizacións distintas repartidas polo centro da cidade, facendo vibrar ao público con xéneros tan distintos como o flamenco rock, o postpunk, o indie, o rock electrónico ou o garage. O festival conta co apoio da Xunta de Galicia, no marco do programa Concertos do Xacobeo, a Deputación de Pontevedra a través da marca Rías Baixas Fest e SON Estrella Galicia.

Xusto no momento no que Abel Caballero inauguraba o Nadal nunha Porta do Sol ata a bandeira, outros centos de persoas desfrutaban do concerto de The Psychedelic Furs no Teatro Salesianos, enmarcado no Underfest, non moi lonxe da zona 0. Os dous Vigos: os que prefiren millóns de luces LED e rúas masificadas, e os que apostan pola cultura de base, acudindo as salas de concertos. Eu teño claro de que lado quero estar.
O Underfest é, desgrazadamente, un rara avis no panorama musical. Un festival que non programa os nomes que xa todos coñecemos e que opta por propostas diferentes e variadas. Ademais, faino contando co tecido de salas da cidade, esas que tantos amantes dos festivais non pisan ao longo do ano. O Underfest asume riscos, o que implica que algúns concertos poden ser fantásticos e outros todo o contrario. Non pasa nada: aceptamos a normas e abrazamos a sorpresa. Diso trata tamén a música: de buscar novas e propostas e de deixarse sorprender.
Xoves 13
O festival arrancou o xoves en Maraca coa inauguración de Rock this Town, unha exposición de case cincuenta debuxos orixinais do músico de culto Daniel Johnston, falecido en 2019 aos 58 anos. Tamén co concerto de Incurable, primeira das moitas actuacións que estaban por vir. A seguinte parada foi Radar, para gozar do directo incendiario dos arxentinos Cápsula nun dos mellores concertos do festival. Empezaba ben a cousa.

Venres 14
O venres comezou con dous clásicos do indie estatal: Sr. Chinarro en acústico na biblioteca do Club Náutico (sorprendente lugar descoñecido pola maioría de vigueses) e Chucho en Radar. Nestter Donuts foi o encargado de poñer un pouco de irreverencia ao festival co seu flamenco thrash, unha mestura particularísima que case tira abaixo co chan da Casa de Arriba, tan acostumado aos martes de jazz. Menos interesante foi a actuación de Los Manises na Kominsky, que competían en horario con We Are Scientist, entretida banda de indie rock que encheu a Doppler.

A xornada rematou cun dos cabezas de cartel, os neerlandeses DeWolff, na Masterclub. O seu foi un gran concerto de rock, mais gran parte da sala estaba máis pendente de falar co de ao lado que de atender ao concerto, o que fixo que fose difícil seguir a actuación coa merecida atención. Mentres non sexa legal contratar francotiradores que abatan aos pesados e pesadas pouco hai que podamos facer.

Sábado 15
A programación do sábado comezou en horario matutino no Marco con Maximilian Hecker, músico alemán que destaca polas súas baladas pop íntimas e preciosistas. Pola tarde en Elepé o trío The Freebillies quentaron o ambiente da previa de The Psychedelic Furs, principal cabeza de cartel do Underfest. O público respondeu enchendo o Teatro Salesianos malia o desapacible que estaba o día.

Aínda estaban por chegar os que, para min, foron os mellores concertos do festival. O dúo italiano The Devils caldeou a Kominsky cunha fórmula tan sinxela como eficaz: rock and roll sucio e ruidoso para non deixar ningunha cabeza no seu sitio. Por terceiro ano consecutivo, a Kominsky acolle o concerto máis divertido do festival: en 2024 foron Chester Remington e en 2024 Los Mejillones Tigre. Iso si, esa medalla pola actuación máis festeira ten un serio competidor con Rinôçérôse, os encargados de pechar o festival. Non se me ocorre un final mellor que o divertidísimo concerto dos franceses, que puxeron a bailar á Masterclub cunha mestura de electrónica, rock e funk. Un acerto absoluto que deixou un gran sabor de boca a todos os asistentes.

Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O fotógrafo vigués Jorge Lens rescata nun libro os rótulos das nosas vidas - 28 Novembro, 2025
- Rockbox: a vida é demasiado curta para tocar guitarras de m**** - 26 Novembro, 2025
- O mapa da represión franquista en Vigo - 20 Novembro, 2025
- Underfest Xacobeo: o rara avis dos festivais galegos volve brillar con luz propia - 17 Novembro, 2025
- O Underfest trae por primeira vez a Galicia as ilustracións orixinais dun músico de culto - 12 Novembro, 2025



