Un órgano de máis dun século, protagonista do festival 8 Pés

A Concatedral de Santa María acollerá, entre o 19 e o 22 de novembro, a quinta edición do Festival de Órgano 8 Pés, coincidindo coa festividade de Santa Cecilia, patroa da música. O evento, organizado pola Orquestra Clásica de Vigo, consolídase como unha cita destacada no panorama musical galego e estatal, coa misión de poñer en valor o único órgano en funcionamento da cidade: o órgano Alberdi, construído en 1909 e restaurado en 2017. Xa hai máis de 600 reservas feitas, polo que se non queres quedar sen a túa praza, podes reservar premendo aquí.

Os días 19, 20, 21 e 22 de novembro na Concatedral de Santa María, coincidindo como cada ano coa celebración do día de Sta. Cecilia, patroa da música, chega a Vigo o Festival de órgano 8 pés, que neste 2025 fai cinco anos Nesta edición, o festival reforza o seu carácter internacional coa participación de catro recoñecidos intérpretes: Diego Innocenzi (Bos Aires – Xenebra), o 19 de novembro, Óscar Candendo (Donostia), o 20 de novembro, Olivier Latry (París), o 21 de novembro e Enrique Martín-Laguna (Madrid), o 22 de novembro. Mención aparte para Latry, considerado para moitos como o organista máis importante do mundo; e ao concerto de Martín-Laguna, no que estará compañado por unha vintena de membro da Orquestra Clásica.

O programa de 8Pés, que toma o seu nome da medida de oito pés do tubo máis grave que se adoita empregar de entre os que conforman un órgano, terá como protagonista indiscutible o único órgano en activo nun templo da cidade: un Alberdi, de 1909, restaurado en 2017 por Federico Acitores. Antes xa fora restaurado na década dos sesenta, con resultados moi mellorables, e foi paulatinamente caendo no esquecemento ata chegar a un estado case ruinoso.

A organización destacou a importancia dos donativos do público, que fan posible manter e ampliar unha programación de calidade e garantir o futuro do festival. Na edición de 2024, o evento superou os 1.200 asistentes, consolidando unha audiencia fiel e interesada en coñecer o patrimonio organístico da cidade.

O programa deste ano inclúe tamén unha actividade paralela o sábado 22 de novembro ás 12:30h, no Camões – Centro Cultural Português de Vigo, onde o profesor José Rodrigues, director do Festival de Órgano de Braga, ofrecerá a conferencia “Unha pronunciación galega no norte de Portugal”, sobre a historia e presenza da antiga organaría galega en terras portuguesas.

Ademais, o público poderá participar nas visitas guiadas ao órgano Alberdi, acompañadas polo musicólogo Daniel Sanmartín, para coñecer de preto a historia e características dun instrumento centenario que segue a emocionar xeracións. Con esta quinta edición, o Festival 8 Pés reafirma o seu compromiso coa cultura musical e co patrimonio histórico de Vigo, mirando xa cara á edición de 2026 cunha firme vontade de seguir crecendo.

19.11 >> DIEGO INNOCENZI (Bos Aires-Xenebra)
20.11 >> ÓSCAR CANDENDO (Donostia)
21.11 >> OLIVIER LATRY (París)
22.11 >> ENRIQUE MARTÍN-LAGUNA (Madrid)

REVISTA NADAL

22/11 >> Unha pronunciación galega no norte de Portugal