Un mes para Vegana.gal, o epicentro galego do movemento vegano e sostible
Os días 25 e 26 de outubro, Vigo volverá converterse no corazón do movemento vegano e sostible coa celebración da quinta edición de Vegana.gal, a feira vegana e sostible de Galicia. Durante unha fin de semana, o Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) acollerá empresas, creadoras, entidades e colectivos comprometidos cun modelo de consumo máis ético e responsable, consolidando a cidade como terra de acollida e innovación.

Campo da festa: un microcosmos sen explotación animal
A zona expositiva recreará un auténtico campo da festa, con arredor de 100 casetas que transformarán o IFEVI nun microcosmos libre de explotación animal. Alí daranse cita proxectos veteranos como Vanetta Food, Boro, Quevana, Beflamboyant ou Heura, xunto con novas propostas como La Carleta, Herbes del Molí, Koro, Peruxiñas ou a portuguesa Trenga, tecendo redes entre territorios e abrindo vías de encontro con distribuidoras e público final.
Unha parte esencial deste espazo estará dedicada a santuarios e organizacións sen ánimo de lucro, entre elas o Santuario Vacaloura, Frente LA, Petjades Trobades, Galgos 112, Rescue Galicia, Compasión Animal ou La Isla de Tali. O seu labor, centrado na protección e coidado dos animais, constitúe o fundamento ético sobre o que se sustenta a feira.
O Parladoiro: o poder da palabra
En Vegana.gal recupérase ese espírito do parladoiro como foro próximo e plural, no que a palabra desprega todo o seu potencial transformador. Por este escenario pasarán voces tan diversas como a nutricionista e autora do blog Dime qué comes, Lucía Martínez, con claves para unha alimentación vegana saudable; o actor e humorista David Pareja da man de Vanetta Food, co seu monólogo Deconstruírse de dentro para fóra: como sobrevivir ao mundo actual; Marina Sánchez e Kike Gimeno, de Satya Animal, que compartirán as claves do caso da granxa de galiñas de Llucmajor; Rocío Cano e Mery Ocaña, reflexionando sobre o especismo no sistema educativo; Buenas Migas Podcast, entrevistando ao divulgador científico Gonzalo Quesada (@datosdeciencia); ou Marc Coloma, cofundador de Heura, presentando como replantexan a alimentación até incomodar á propia industria.
Tamén estarán Adriana Fervi (@adriana_nutricion), con orientacións prácticas para dar os primeiros pasos cara a unha dieta máis consciente; María González (La Vida Color Frambuesa), con consellos para actuar cando atopamos animais en apuros; e Carla Aparicio (Lidavet e Pinkpeas), que achegará reflexións sobre o futuro vegano nos nosos fogares.

A Lareira: a cociña que nos une
Nesta edición de Vegana.gal recupérase a lareira como ese espazo de encontro onde compartir conversa e alimento.
Haberá demostracións de cociña a cargo do chef Gerson Iglesias (Restaurante ERVA), de Míriam Fabà (@veganeando) coa súa proposta de cociña reconfortante, do creador Yoel Ballega (@yoelvegan), e do dúo formado por Eduardo Contreras e Francesca Ruberti (@elpisovegano). Así mesmo, acollerá a demostración conxunta de Maku Moreno (@makumorenoo) e Míriam Fabà, que, grazas ao impulso de Vanetta Food, unirán forzas e talento nun showcooking a dúas mans.
Neste escenario tamén se presentará a iniciativa internacional Plant Based Treaty, con Juan Pablo Casadiego, e proxectarase o documental Seantience, sobre a sintiencia dos animais acuáticos, da man de Ética Animal e da Universidade de Santiago de Compostela.
Moito máis ca unha feira
Vegana.gal é tamén unha libraría viva, con presentacións, sinaturas e coloquios que contarán con autoras como Miriam Jiménez Lastra (@miriamjlas), en diálogo con Lucía Martínez. O programa complétase cunha zona infantil chea de xogos, contacontos e circo; unha taberna galega 100 % vexetal; obradoiros solidarios; un punto de información nutricional e unha área profesional B2B, A Eira das Ideas, xestionada por Mardy Bum, que busca impulsar a creación de sinerxías entre proxectos e empresas.



