Un libro pioneiro desvela a orixe das rondallas
Las Rondallas de Reyes en el sur de la provincia de Pontevedra é o título do libro no que Diego Pérez, natural de Bembrive e rondalleiro desde os oito anos, reúne os resultados da primeira investigación que se realiza sobre as rondallas. Pérez presentará o libro o sábado no concurso de Rondallas que se celebra no Ifevi.

“Descubrir por que naceron. Esa é a gran pregunta que sempre nos fixemos nós os rondalleiros: por que as rondallas?”, pregúntase Diego Pérez nas primeiras páxinas de Las Rondallas de Reyes en el sur de la provincia de Pontevedra. Despois de dúas décadas escoitando testemuñas, a finais de 2024 Pérez decidiu iniciar unha investigación en profundidade sobre esta tradición que el mamou desde o berce.
Unha peregrinación de parroquia en parroquia para entrevistar máis de sesenta persoas é o cerne deste libro, que conta con tres fontes de información: as fotografías, os artigos publicados en prensa e os testemuños da veciñanza. “Houbo entre sete e oito entrevistas a persoas que xa andan nos noventa e nos cen anos, que foron fundamentais para elaborar este libro. Abríronme un buraco pequeniño a través do que puiden botar unha ollada ao pasado e entender moitas cousas, entre elas o motivo polo que apareceron as rondallas” explica o veciño de Bembrive que agora, por fin, sabe que a orixe das rondallas está ligada ao nacemento do agrarismo.

Tal e como explica no libro: “O agrarismo permitiu que agricultores e campesinos se agrupasen arredor de sociedades de agricultores, a través das que puidesen promover cambios sociais”. Estas sociedades agraristas crearon, en moitas ocasións, centros sociais e desenvolveron actividades lúdicas e nese contexto é no que nacen estas agrupacións musicais. Así non é de extrañar que a primeira rondalla da que se ten constancia sexa a da de Zamáns en 1917. Logo xurdiron as de Lavadores, Beade, Bembrive, Matamá e a da Sobreira en Valadares. En total existiron máis de cen rondallas en 48 parroquias diferentes, pero el mesmo sinala que é posible que existisen outras das que non atopou información.
Os concellos nos que máis proliferaron as rondallas foron nos de Vigo, Gondomar, O Porriño, Mos e Nigrán porque aquí os bandos e os ranchos de Reis, que abundaban noutros concellos limítrofes, non estaban tan estendidos. Hai pouco publicamos unha reportaxe sobre as rondallas na que sinalábamos que estas agrupacións musicais só sobreviven nas zonas rurais porque é necesario un sentimento de arraigamento que nas zonas urbanas non se dá.

O experto sinala que son cinco os elementos propios das rondallas: son unha agrupación típica do Nadal, todas teñen como base un instrumento melódico e sempre hai algún charrasco na formación, as bandeiras están presentes desde o primeiro momento, están formadas por un grupo numeroso de persoas e ten que haber un promotor, unha persoa que teña a iniciativa de xuntar un grupo de veciños para tocaren xuntos. Sinala Diego que no inicio o instrumento melódico era sempre o acordeón, pero co tempo foi substituído por outros instrumentos como clarinetes, saxos ou gaitas.
O libro, acabado de saír do prelo, estará á venda este sábado 17 no Ifevi durante o concurso de rondallas. De feito, no ecuador do certame entre as actuacións musicais, Diego Pérez baixará a pista para facer unha pequena presentación desta investigación. Agárdase un cheo absoluto este sábado no Ifevi, con récord de rondallas participantes (dezasete) e despois do éxito do filme ‘Rondallas’ de Daniel Sánchez Arévalo en cines. Os libros que non se vendan durante o evento, estarán dispoñibles na librería Copirey de Porriño ou mediante encargo por correo electrónico escribindo a librorondallasdereyes@gmail.com

Tamara Novoa
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Abraham Boba: «Gustaríame tocar máis aquí, pero non temos onde actuar» - 26 Xaneiro, 2026
- Un libro pioneiro desvela a orixe das rondallas - 15 Xaneiro, 2026
- Chega ao cine ‘Rondallas’, o filme que avoga polo poder da comunidade - 31 Decembro, 2025
- As rondallas resisten no rural - 26 Novembro, 2025
- Antón Reixa: «Os da movida eramos uns frustrados diso que se chamou a Transición» - 26 Novembro, 2025


