Un crime no Orient Express, Maldita Nerea e a Festa dos Maios: así vén a fin de semana en Vigo

Nesta fin de semana non faltarán plans para manter activa a inquedanza, posto que o Teatro García Barbón acolle algúns dos eventos máis destacados: o venres tocará resolver un crime ambientado nos anos trinta con Asasinato no Orient Express, pero non todo será misterio. Maldita Nerea deleitará o sábado ao público cun formato máis íntimo e diferente ao habitual. E para rematar, a Festa dos Maios da escola Semente encherá a Devesa de San Paio de Navia de tradición, música e comida popular ao aire libre. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.

Obra teatral en Vigo: Asesinato en el Orient Express
Asesinato en el Orient Express.

FESTA DE ANIVERSARIO AVERÍO TRAVESTI – Venres no Centro Social A Nubeira e na Sala Kominsky – De balde

O colectivo artístico Averío, que se define como “o curral travesti de Vigo” e que é recoñecido polos seus espectáculos cheos de humor, performance, música e irreverencia, celebrará este venres o seu primeiro aniversario cunha festa do máis variada. A celebración comezará pola tarde na Nubeira cunha sesión de “camerinos abertos”, unha proposta participativa na que o público poderá compartir maquillaxe, merenda e o ambiente previo ao show xunto ás artistas. Xa pola noite, transformarán a Sala Kominsky nunha auténtica festa de graduación travesti, para a que será obrigatorio asistir con “etiqueta de graduación rigorosa”. Ademais, o colectivo anunciou a presenza dunha artista convidada moi especial cuxa identidade aínda permanece en segredo.

ASESINATO EN EL ORIENT EXPRESS – Venres ás 20:00 h no Teatro Afundación – Desde 24,20 €

Esta nova adaptación teatral do coñecido clásico de Agatha Christie chega para dar comezo á fin de semana no Teatro García Barbón cunha gran posta en escena que mergullará ao público na atmosfera elegante e misteriosa dos anos 30. Hércules Poirot será o gran protagonista da historia, interpretado por Juanjo Artero, coñecido por series como Verano Azul ou El Comisario. A trama desenvolverase a bordo do mítico tren Orient Express, onde un asasinato inesperado desencadeará unha das investigacións máis famosas da literatura de misterio.

CONCERTO DE GALA DURÁN – Venres ás 21:00 h na Sala Supersonic – Desde 19,00 €

Gala Durán é unha polifacética artista, que combina as figuras de cantante, compositora, productora e pianista, e que estase a converter nunha das voces emerxentes máis prometedoras da escena alternativa estatal. Comezou a chamar a atención do público co lanzamento de temas como Puntería, Malaquita ou a súa colaboración con Barry B, El lago de mi pena, que acumula millóns de reproducións.

FESTA DOS MAIOS DA SEMENTE – Sábado dende ás 16:30 h na Alameda de San Paio de Navia – De balde

A Festa dos Maios da Semente volverá converter a Devesa de San Paio de Navia nun punto de encontro para familias e veciñanza arredor da tradición galega. A xornada arrancará ás 16:30 horas cun obradoiro de identificación de flores, seguido da creación colectiva dun maio ás 17:00 horas. Xa pola tarde, ás 18:30 horas, chegará a actuación de Pajarito, un proxecto escénico coñecido polo seu humor, improvisación e espectáculo participativo pensado para todos os públicos. Ademais, para pechar a celebración, non faltarán choripáns, doces, chocolate, un sorteo e máis sorpresas ao longo da tarde.

LISTENING PARTY E PROXECCIÓN AUDIOVISUAL CON RAZE – Sábado ás 20:00 h no Centro Social A Nubeira – De balde

A artista viguesa Raze presentará este sábado no Centro Social A Nubeira o seu EP debut cunha listening party acompañada dunha proxección audiovisual. A súa proposta mestura electrónica, ritmos de club, sons caribeños e pop contemporáneo para crear unha experiencia onde dialogan música, corpo e imaxe. O traballo explora ideas como a transformación, o desexo e o movemento a través dunha paisaxe sonora marcada pola enerxía rave, a experimentación e as melodías envolventes.

CARMEN ROSENDE & THE BURNING LAIKAS – Sábado ás 20:30 h en A Póla – De balde

A cantante e compositora Carmen Rosende actuará xunto á banda The Burning Laikas nun concerto ao aire libre en A Póla. A proposta musical do grupo móvese entre o soul progresivo, os sons experimentais e as atmosferas envolventes, combinando forza instrumental e sensibilidade vocal.

MALDITA NEREA – Sábado ás 21:00 h no Teatro Afundación – Desde 21,00 €

Nesta xira Maldita Nerea ofrece un formato moi distinto ao dos seus concertos habituais, e é que desta vez deleitarán ao público cun espectáculo moito máis íntimo, como o seu propio nome indica: Origen: El camino de las canciones. O obxectivo deste concerto é mostrar como é o proceso creativo e a orixe das composicións do grupo. Porén, a experiencia xirará arredor das emocións, das historias detrás de cada tema e dunha forte interacción co público. Trátase dun formato exclusivo que ofrece unha oportunidade única para coñecer en profundidade unha das bandas máis queridas e recoñecibles do pop español das últimas décadas.

CONCERTO DE GALERNA – Sábado ás 21:30 h na Fábrica de Chocolate – Desde 10,00 €

A banda bilbaína Galerna chegará este sábado á Fábrica de Chocolate dentro do ciclo GPS Girando Por Salas, unha iniciativa estatal que impulsa artistas emerxentes e a música en directo. O grupo, formado por unha cuadrilla de amigos unidos polo surf e a música, presentará o seu son marcado polo rock alternativo e as atmosferas indie.

ESPECTÁCULO  UNA NOCHE CON LOS TRES TENORES  – Domingo dende ás 18:30 h ata as 20:45 h no Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo – Desde 24,00 €

FAITE AMOVIDALOVER

O Auditorio Mar de Vigo acollerá este domingo un espectáculo homenaxe aos míticos concertos de Luciano Pavarotti, Plácido Domingo e José Carreras. Acompañados pola Gran Orquestra Sinfónica do Bel Canto, os solistas interpretarán algunhas das arias máis coñecidas da ópera, a zarzuela e a canción napolitana, nun repertorio que incluirá clásicos como Nessun Dorma, Granada ou O Sole Mio.

CONCERTO DE BASEMENT SAINTS – Domingo ás 21:00 h na Sala Rebullón – Desde 15,00 €

O que todos os amantes do rock clásico estaban esperando: esta banda suíza transporta aos seus oíntes aos anos 70, dando protagonismo ao southern rock e ao inconfundible órgano Hammond. O grupo está considerado un dos máis destacados da escena rockeira suíza e repetirá este domingo tras o seu paso pola sala en 2024.