Últimos días para participar no crowdfunding de ‘AUGURIO’, primeiro disco da viguesa Marta Vidal
Queda unha semana para que finalice a campaña de crowdfunding que a artista viguesa marta vidal iniciou para poder publicar AUGURIO, o seu primeiro disco en solitario. As recompensas inclúen o álbum en formato CD ou vinilo, bolsas de tea, camisetas e entradas para concertos. Pulsa aquí para acceder á páxina de Verkami.

En sete días terminará o prazo para participar na campaña de crowdfunding de AUGURIO, o primeiro disco en solitario da artista viguesa marta vidal (en minúsculas). A campaña, que comezou o pasado 6 de xuño durante o concerto de presentación na Sala Supersonic, ten o obxectivo de alcanzar 4.500 euros. Ata o de agora, no mes que leva en activo, logrou superar os 3.700 €, máis dun 80 % do total. Para axudala a logralo, todas as persoas que queiran colaborar poden achegar desde 10 euros e recibir a cambio algunha das recompensas: CD, vinilos, bolsas de tea, camisetas e entradas para concertos. De non alcanzar a cantidade necesaria todas as achegas serán devoltas.
AUGURIO é un disco de pop contemporáneo que incorpora desde percusións cubanas gravadas directamente na Habana ata chiscadelas ao funk dos anos setenta, todo iso envolto nunha estética sonora e visual refinada e coherente. O pasado mes marta compartiu o primeiro adianto, ‘supertramp 2009’, que podes escoitar pulsando aquí.

Sobre marta vidal
A pesar de ser o seu debut en solitario, marta vidal non é unha recén chegada ao mundo da música. Antes de iniciar a súa carreira en solitario, liderou o grupo vigués Tinta, co que realizou varias actuacións dentro da programación cultural do Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra. En 2019, o grupo foi galardoado como o mellor grupo novel da cidade no certame “Vigo en Vivo”, un concurso destinado a dar visibilidade e recoñecemento a artistas locais. O premio supuxo un importante impulso á súa traxectoria musical e desde ese momento deu concertos en festivais como o Terraceo, Solpor Monteferro ou Felicia Pop e na maioría das salas da cidade.

Marta vén dunha familia do máis musical: os seus pais forman parte da mítica banda viguesa Club Naval, o seu avó é Arturo Sabugueiro (cantante da Sintonía de Vigo e voz das cancións de apertura de Dragon Ball e Doraemon en galego) e o seu tío, Juan Antepazo, é vocalista de Astarot. Ademais da música, Marta dedícase ao deseño gráfico e ao márketing, polo que ela mesma encárgase do apartado visual e dirección creativa de todo o proxecto.

