Última oportunidade para adquirir o abono da Tempada de Teatro Afundación

A segunda parte da Tempada de Abonos do Teatro Afundación 2025 ofrece cinco espectáculos entre os meses de outubro e decembro. A venda do abono para gozar destes eventos a un prezo reducido está dispoñible ata o día 7 de setembro. Entre a programación, atópanse os últimos traballos de Ana Torrent, Gabino Diego ou Lola Herrera.

A Tempada de Abonos do Teatro Afundación convoca cada ano na cidade olívica moitas das obras teatrais de maior calidade da época no noso país. Tras unha primeira parte celebrada a comezos deste ano, o segundo semestre comeza a súa programación o 2 de outubro co clásico contemporáneo Las amargas lágrimas de Petra von Kant, de Rainer Werner Fassbinder. Trátase dunha versión moderna dun dos textos teatrais máis importantes de Europa nos últimos anos do século pasado. Conta a historia dunha deseñadora de moda que, tras divorciarse, namórase dunha modelo coa que colabora. Está protagonizada por Ana Torrent, xunto a Aura Garrido, Maribel Vitar, Julia Monje e Maria Luisa San José.

ESCENICAS

O 30 de outubro celébrase o segundo dos espectáculos: Seis personajes en busca de autor, de Luigi Pirandello, unha das obras de teatro máis importantes do século XX. Nel, represéntase un relato no que unha compañía de teatro ve interrompida os seus ensaios por unha famillia de seis persoas que declaran ter nacido personaxes e esgrimen unha pretensión imposible: que alguén represente o seu drama.

BARAFUNDA

A seguinte obra de teatro é Pijama para seis, unha comedia asinada en 1984 pior Marc Camoletti, programada para o 13 de novembro. Con Gabino Diego liderando o elenco, expóñense temas como o amor, os celos, a confianza, a mentira e a infidelidade.

As dúas obras restantes, que clausuran a programación ata o mes de decembro, son a adaptación teatral da obra La Barraca, de Blasco Ibáñez, representada o 26 de novembro; e a obra surafricana Camino a la meca, o 10 de decembro. Esta última pecha a segunda parte da Tempada de Abonos do Teatro Afundación, e está protagonizada por Lola Herrera, Natalia Dicenta e Carlos Olalla.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

  • Xoves 2 de outubro ás 20:30 h: Las amargas lágrimas de Petra Von Kant.
  • Xoves 30 de outubro ás 20:30 h: Seis personajes en busca de autor.
  • Xoves 13 de novembro ás 20:30 h: Pijama para seis.
  • Mércores 26 de novembro ás 20:30 h: La barraca.
  • Mércores 10 de novembro ás 20:30 h: Camino a la meca.

Co remate desta programación para finais de ano, sumaranse un total de 12 espectáculos do abono programados en Vigo. Desde a inauguración da Tempada de Teatro, o Teatro de García Barbón acolleu as obras de intérpretes e grupos como María Adámez ou María Galiana e Els Joglars, baixo a dirección de figuras consolidadas na escena como Helena Pimenta ou Juan Echanove. Ademais, esta iniciativa enmárcase dentro do programa solidario Cultura por alimentos, desenvolvido por ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos. Deste xeito, convídase aos asistentes a colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos colectores do recinto. O aportado será destinado a familias en risco de exclusión de Vigo e arredores.