Catro propostas para aprender e facer amigos fóra da escola
As actividades extraescolares son unha fabulosa maneira de complementar as aprendizaxes na escola buscando fortalecer aquelas aptitudes polas que os pequenos mostren máis interese ao tempo que fan novas amizades e o pasan ben.
Música e danza desde a infancia en Mayeusis

Non todos os nenos que estudan matemáticas serán matemáticos. Coa música sucede o mesmo. Aprender un instrumento pode crear unha vocación, pero tamén ensinar constancia, disciplina, paciencia, esforzo, capacidade de escoita e confianza, valores que acompañan moito máis alá dunha aula.
Desde 1987, máis de 12.000 alumnos pasaron por Mayeusis. A súa filosofía entende a educación musical como parte da formación dunha persoa. Porque detrás de cada partitura hai tamén un neno que intenta algo, que se equivoca, que o repite e que volve intentalo ata conseguilo. A aprender do erro e seguir adiante tamén se aprende.
Estudar nun conservatorio non significa ter decidido dedicarse profesionalmente á música. En Mayeusis cada alumno pode construír o seu percorrido segundo a súa idade, intereses e obxectivos. A formación comeza aos dous anos con CUCU, onde música, xogo e movemento traballan coordinación, creatividade e expresión. Aos catro e cinco, Tecliñas introduce o teclado e permite descubrir instrumentos antes de escoller. Aos seis e sete anos chega a iniciación instrumental e, desde os oito, pódese continuar co grao elemental e profesional, con música clásica e moderna e instrumentos como piano, violín, guitarra, baixo, batería, gaita ou canto. Para quen queira converter a música na súa profesión, o CEMU Superior permite chegar ata os estudos artísticos superiores.
Pero Mayeusis tamén ensina fóra da aula. Concertos, agrupacións e proxectos escénicos axudan a afrontar nervios, asumir responsabilidades, escoitar os demais e traballar en equipo. A Fundación completa esta filosofía con iniciativas como Música para a Vida, IMAGINE ou CONEXIÓNS, en colaboración co Concello de Vigo. Quizais mañá ese neno sexa músico. Quizais non. Pero aprender a esforzarse, equivocarse, volver intentalo e descubrir que pode conseguir aquilo que parecía difícil acompañarao toda a vida.
Rúa do Areal, 118 | @mayeusis_ | mayeusis.com
Teatro en comunidade con Xoana Baz

A actriz e pedagoga Xoana Baz achega a pequenos e mozos a experiencia do teatro comunitario no espazo vigués dedicado ás artes escénicas A Artística. Nesta escola enténdense o teatro e a expresión dramática como un exercicio reparador, que pon en práctica a través de actividades lúdicas como xogos que xiran arredor da identificación, imitación e experimentación de sentimentos e emocións. Outro dos piares destas clases é o coñecemento e uso do propio corpo a través da expresión dramática.
Xoana propón dous grupos por idades. No grupo de teatro infantil, que se desenvolve os martes ás 16:00 horas, a cativada experimenta o teatro, a expresión corporal e o traballo en grupo, ao tempo que aprende sobre as emocións. Os martes ás 18:00 horas teñen lugar as clases de teatro xuvenil, nas que, ademais de traballar o teatro e a expresión corporal, os participantes afondan na improvisación e no xogo escénico, na creación de pezas teatrais e na memoria. Segundo a pedagoga, o traballo en grupo xera un ambiente social saudable e permite compartir inquedanzas e problemáticas, así como as súas posibles solucións.
As clases de Xoana arrancan o próximo 6 de outubro e a mestra ofrece a posibilidade de asistir a unha clase de proba gratuíta para a rapazada que estea indecisa. O curso desenvólvense en A Artística, un espazo de referencia en Vigo que, como cada mes de setembro, abre a oferta de actividades formativas con grupos de danza contemporánea e teatro adaptados ás diferentes idades.
Rúa de Barcelona, 35, baixo | 622 73 07 49 | @bazxoana
Tecnoloxía en equipo en Kidcode

Ante un mundo en cambio constante e un futuro incerto, en Kidcode propoñen actividades a través das que os nenos aprendan a pensar, crear e colaborar para transformar unha idea en algo real. Nesta actividade extraescolar dirixida a rapazada de entre cinco e dezasete anos ensínase programación, robótica, intelixencia artificial, deseño 3D, creación de videoxogos e outras ferramentas dixitais co obxectivo de que sexan capaces de entender a tecnoloxía, alén de consumila. As clases, de hora e media e periodicidade semanal, desenvólvense en grupos reducidos para garantir o seguimento personalizado de cada estudante.
Kidcode é un proxecto comprometido co desenvolvemento dunha cidadanía crítica, innovadora e activa na sociedade. A metodoloxía céntrase no alumnado e axúdao a identificar fortalezas e intereses desde ben novo. Desenvolven habilidades como a lóxica, a resolución de problemas, o traballo en equipo e a resistencia á frustración. O currículo, dinámico e actualizado, emprega ferramentas tecnolóxicas e metodoloxías áxiles de innovación, como o design thinking, e prepara para as profesións do futuro ao tempo que fomenta a toma de decisións informadas.
Do mércores 2 ao venres 4 de setembro acollen xornadas de portas abertas para aquelas familias que queiran achegarse a coñecer a metodoloxía do centro de primeira man. Aínda que a actividade é gratuíta, é imprescindible inscribirse a través da súa páxina web.
Rúa de Zamora, 88 | kidcode.es | 886 14 24 69 | info@kidcode.es | @kidcode_academy
Arte para medrar en Arte Miúda

Desde 2012, Arte Miúda traballa para achegar a arte á infancia desde unha perspectiva práctica, creativa e próxima. A iniciativa, que comezou cunha academia no centro de Vigo, conta desde o pasado ano cun segundo espazo no barrio de Navia e prepara o novo curso, que comezará o vindeiro 15 de setembro.
As clases combinan o coñecemento de diferentes artistas e correntes artísticas coa experimentación con técnicas e materiais diversos. Pintura, debuxo, collage, modelado ou técnicas mixtas forman parte das propostas, pensadas para que cada alumno e alumna poida desenvolver a súa propia maneira de crear. O traballo realízase en grupos reducidos e con atención personalizada, tendo en conta as diferentes idades e ritmos de aprendizaxe. A proposta de Arte Miúda busca que os nenos e nenas non se limiten a reproducir un mesmo resultado, senón que coñezan referencias e ferramentas que lles permitan explorar a súa creatividade e aprender a observar.
A actividade tamén se estende fóra das academias e podemos atopar ás profesionais de Arte Miúda impartindo clases extraescolares en diferentes centros educativos e desenvolvendo proxectos e murais artísticos en colexios. Para facilitar a conciliación das familias, ofrece ademais servizo de recollida escolar desde os colexios Compañía de María e Castelao.
A programación da iniciativa complétase con propostas como a organización de de festas de aniversarios con actividades artísticas, baseados nos seus talleres e adaptados ás diferentes idades, así como encargos personalizados de retratos, caricaturas e outras pezas artísticas. Tamén realizan invitacións e deseños para vodas, comuñóns e outras celebracións.
Rúa das Teixugueiras, 28 e Rúa Carlos Colmeiro Laforet, 5 | artemiuda.com | 636 639 245 | 659 332 590 | @artemiuda



