Tres óperas de gran formato visitarán o Mar de Vigo ao longo de 2026
O Auditorio Mar de Vigo vén de presentar a súa Gran Tempada de Ópera 2026, unha ambiciosa proposta lírica que reunirá ao longo do ano tres títulos esenciais do repertorio universal: La Traviata, Madama Butterfly e Pagliacci. As entradas e abonos xa están á venda en teuticket.

Baixo a produción da Compañía de Ópera LGAM (Leonor Gago Artisti Management), en colaboración coa Ópera Nacional de Moldavia, o Auditorio Mar de Vigo acollerá ao longo de 2026 tres montaxes internacionais de gran formato, con máis de 70 artistas en escena, orquestra e coro propios, solistas convidados de traxectoria internacional e servizo de tradución simultánea ao castelán.
A tempada abrirase o 12 de marzo con La Traviata, de Giuseppe Verdi. Considerada un dos cumios do romanticismo italiano, esta obra é tamén unha das óperas máis representadas do mundo pola súa intensidade dramática e emocional, cunha partitura chea de arias inesquecibles.
O 31 de outubro será a quenda de Madama Butterfly, de Giacomo Puccini, unha das creacións máis delicadas e conmovedoras do repertorio. A historia de Cio-Cio-San combina lirismo e traxedia nunha partitura de extraordinaria beleza que segue emocionando ao público máis dun século despois da súa estrea.
A tempada culminará o 1 de novembro con Pagliacci (Os Pallasos), de Ruggero Leoncavallo, unha das obras emblemáticas do verismo italiano. Nesta intensa traxedia, paixón e celos desdibuxan a fronteira entre ficción e realidade nun desenlace de gran forza teatral.
Aposta pola accesibilidade
O Auditorio mantén unha política de prezos accesible, con entradas individuais que oscilan entre os 27 e os 40 euros, segundo zona e espectáculo. Ademais, o público poderá optar por diferentes modalidades de abono: o Abono 3 Óperas —que inclúe os tres títulos da tempada— desde 94 euros máis gastos de xestión, e o Abono 2 Óperas —para as funcións de outono— desde 65 euros máis gastos. As entradas e abonos xa están dispoñibles a través da plataforma teuticket.com.

