Catro novas confirmacións súmanse ao Galicia Fest

Poucos días despois de anunciar datas e a La Reina del Flow como primeira confirmación, o Galicia Fest adianta catro nomes máis para a xornada do sábado: Taburete, Álvaro de Luna, Juan Magán e Marlena. O festival celébrase os días 26 e 27 de xuño no peirao de transatlánticos de Vigo e as entradas diarias e abonos xa están á venda.

En cousa de dous días pasamos de non saber nada do Galicia Fest a xa ter catro confirmacións e as entradas á venda. O luns 9 anunciamos que La Reina del Flow, o fenómeno colombiano de Netflix, sería a cabeza de cartel do venres 26, e agora sabemos que o sábado 27 a xornada estará encabezada por Taburete, Álvaro de Luna, Juán Magan e Marlena. Como vemos, o festival segue unha liña continuísta respecto á primeira edición, cun cartel formado por nomes do indie pop en castelán.

O martes pasado activouse a venda de entradas tanto dos abonos como da xornada do venres, e desde este xoves xa están dispoñibles tamén as entradas diarias do sábado. Estes billetes teñen un prezo inicial de 25 euros e os abonos desde 40 euros.

Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, adiantou que pronto se coñecerá o cartel completo e que haberá “acento galego e representación local”. A capacidade do peirao de transatlánticos é de 6500 persoas por xornada. Nese mesmo lugar terá lugar tamén o dobre concerto de Leiva unha semana despois, os días 3 e 4 de xullo, para o que as entradas xa están esgotadas.