Tres mulleres álzanse cos premios internacionais de poesía Carlos Oroza

A galega Mariña Pérez e a madrileña Ángela Álvarez son as gañadoras da segunda edición do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza, nas modalidades de galego e castelán, respectivamente. Mercedes Peón recibe o recoñecemento á mellor iniciativa musical de divulgación da poesía. Todas elas participarán na gala de entrega dos premios o venres 24 no Museo do Mar.

De esquerda a dereita: Javier Romero, presidente da Asociación Évame Oroza; Ana Ortiz, delegada da Xunta de Galicia en Vigo; Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra; e Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura.

Vigo volve a converterse en epicentro da poesía internacional grazas a segunda edición do Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza, promovido pola asociación do mesmo nome. Como explicou Javier Romero, presidente da asociación, máis de mil orixinais presentáronse a concurso. Dos cales 120 foron traballos enviados desde Galicia, 488 do resto de España e 403 chegaron desde distintas partes do mundo con especial participación dos países de fala hispana de América como Arxentina, Chile e os Estados Unidos.

Despois das deliberacións do xurado tres mulleres resultaron gañadoras, malia que a participación masculina foi maior que a feminina. A obra ‘Notas de Cereté’ da madrileña Ángela Álvarez, foi elixida como gañadora do Premio Carlos Oroza na modalidade de castelán. O xurado formado por formado por Manuel Bragado, Rexina Vega e María Xosé Porteiro, destacou da obra que “baixo a forma de diario unha voz feminina indaga no suxeito poético contemporáneo e dende unha perspectiva de muller explora a relación entre corpo e literatura”. O galardón na modalidade de galego recaeu na obra ‘Unha aria no asedio’, de Mariña Pérez Rei, foi a obra elixida polo xurado composto por Silvia Penas, Patricia Meira e Samuel Merino. Na acta, o xurado valora “que é un poemario cun código poético traballado e certeiro, que propón un transunto entre a arte, a lingua, a música e a vida mesma. Rico en imaxes e cun ritmo engaiolante que tensa o fío do principio ao fin, coma unha arpa ben afinada que deixase múltiples notas para tocar cada milímetro do cosmos”. Ambos galardóns teñen unha dotación económica de 6.000 € cada un e as galardoadas recibirán tamén unha figura de Oroza realizada en bronce pola artistas Cuqui Piñeiro.

Mariña Pérez Rei | Martín Lagoa

A asociación tamén anunciou o premio á mellor iniciativa musical de divulgación da poesía coa que queren recoñecer a traxectoria de Mercedes Peón, polo seu labor como compiladora e transmisora do legados das mulleres anónimas que mantiveron vivo o canto a música e o baile en Galicia. Sinalan que Peón “soubo conectar a tradición coa contemporaneidade, explorando novos camiños sonoros e expresivos desde unha clave profundamente persoal, comprometida coa sociedade e co feminismo. Este premio, que non ten dotación económica, nunha peza realizada ex professo polo artista Xabier Magalhaes, así como a figura en bronce de Oroza realizada por Cuqui Piñeiro.

REVISTA NOVEMBRO

O próximo venres 24, no Museo do Mar, celebrarase a gala de entrega dos galardóns nun evento que terá lugar a partir das 20:00 h e aberto a toda a cidadanía ata completar o aforo do local. No evento participarán as premiadas e tamén gozaremos do espectáculo de Cintaadhesiva, o dúo composto por Silvia Penas e Jesús Andrés Tejada.