Tres clásicos do ‘body horror’, protagonistas do Galician Freaky Film Festival 2026
O Galician Freaky Film Festival presentou esta mañá diante do MARCO o cartel oficial e as primeiras novidades da súa décima edición, que se celebrará do 17 ao 26 de setembro na Plaza Elíptica de Vigo.

O festival internacional de cine freak e fantástico de Vigo chega este ano á súa décima edición coa convicción de seguir medrando en número de actividades e espectadores. Onte o equipo desvelou as tres películas homenaxeadas desta edición: The Fly, The Toxic Avenger e Big Trouble in Little China; e deu a coñecer o cartel, con ilustración de Paulo Mosca e deseño de María Llauger, inspirado en escenas de The Fly.
A inauguración do festival será o 17 de setembro e recuperará o espírito das antigas sesións dobres de cinema coa proxección de The Fly (1986) e The Toxic Avenger (1989), dúas obras convertidas en referentes do xénero desde perspectivas moi diferentes. A primeira é considerada unha das grandes obras do body horror, a través da tráxica transformación do científico Seth Brundle. A segunda converteuse nun símbolo do cinema independente estadounidense grazas a combinar humor irreverente e estética gore.
Pola súa banda, Big Trouble in Little China (1986) será a película encargada de clausurar esta décima edición o sábado, 26 de setembro. O clásico de John Carpenter ten todos os ingredientes que emocionan ao público do GFFF: artes marciais, fantasía, acción e comedia. Será a despedida dunha edición que celebra unha década de amor polo cinema fantásticoen Vigo.

Entre as actividades xa confirmadas figura a segunda Zombie Walk, que terá lugar o 12 de setembro cun percorrido pola rúa do Príncipe e tentará superar os máis de 400 participantes da pasada edición. Regresará tamén o Pequefreak, a programación familiar que ocupará a primeira fin de semana do festival con curtametraxes, longametraxes e obradoiros tras o éxito de asistencia do pasado ano.
Ademais, a Praza Elíptica volverá acoller a Feira Freak, haberá concurso de banda deseñada, exposición e poxa benéfica de obras inspiradas en The Fly, presentacións de libros e proxectos en desenvolvemento, e os encontros profesionais reforzaranse cunha ampliación das actividades dirixidas ao sector.

Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- O jazz soa na contorna de Vigo este agosto - 7 Agosto, 2026
- Tres clásicos do ‘body horror’, protagonistas do Galician Freaky Film Festival 2026 - 31 Xullo, 2026
- PortAmérica pon á venda os primeiros abonos para 2027 - 29 Xullo, 2026
- Festival Sinsal, Festas populares e Festa do Viño esta fin de semana en Vigo - 23 Xullo, 2026
- Sierra Madre Taquería, a auténtica cociña de Monterrei estrea carta en Vigo - 22 Xullo, 2026

